Na última película de Ángel Santos hai moitas capas, máis preguntas que certezas e un espazo de reflexión non deliberado. O director vén de estrear a súa terceira longametraxe, Así chegou a noite, nos cinemas, logo do seu paso por diversos festivais
Primeiro chegou a idea da identidade e como nos conformamos: podemos desexar outras cousas sobre nós mesmos e mesmas? Logo agromou o soño da retirada do ruído que hai hoxe en día, das redes sociais e toda a exposición que nos obrigamos a ter. Como fondo, a paisaxe menos popular de Sanxenxo e O Grove e un personaxe que decide dar un paso atrás, e confundirse con esta natureza. Na última película de Ángel Santos (Pontevedra, 1976) hai moitas capas, máis preguntas que certezas e un espazo de reflexión non deliberado. O director vén de estrear a súa terceira longametraxe, Así chegou a noite, desde este xoves nos cinemas, logo do seu paso por diversos festivais. A cinta tivo a súa presentación mundial en novembro no Festival Internacional de Cinema de Xixón, onde Santos obtivo o premio á mellor dirección.
Así chegou a noite xa está nos cinemas, tras un longo percorrido por festivais. Que sensación ten agora que a película pertence ao público?
É unha cousa así como medio, non contraditoria, pero como que se mesturan moitas cousas. No fondo, para nós, é un período moi longo. Xa non só a preparación, pero desde a rodaxe hai dous anos agora. Como que estás retomando, recordando cousas. Como que te pos a lembrar moito do proceso, que non estaba tan fresco. É unha sensación de, por fin, de chegar, de alivio, de peche, de ilusión por mostrar á xente. Pero como que se mestura tamén con esta sensación un pouco de que necesitamos que isto funcione, non? O mesmo tempo, non sei, hai moita ilusión. Sempre hai expectativas, pero é que é moi incerto, porque, claro. Ti fas a campaña na medida que podes, pero nunca sabes como vai resultar, que xente vai haber alí, no cinema. Cando hai presentacións ou cando non as hai, pois a película existe por si mesma. É un pouco de incerteza pero ao mesmo tempo sabemos que hai interese. Que cando falas coa xente, despois dos pases nos festivais, ves que gusta a persoas de idades distintas, xera debate, xera interese. Entón, tamén hai unha sensación de, mira, o traballo xa está feito, e agora temos que dar este peche, así, poñerlle como o laciño.
"Sinto que estamos todos medio atrapados por esta cousa de quen somos ou quen finximos ser ou que pretendemos ser de cara aos demais"
Pasaron xa once anos desde As altas presións. Como atopou esta historia que finalmente conta Así chegou a noite?
Si, se cadra eu tamén son de traballar lento, no sentido de que non son de escribir un guión tras outro. As ideas van madurando pouco a pouco, facendo anotacións, vai crecendo o proxecto. Moitas veces escribo máis a partir dos espazos, non tanto de ideas que logo busco onde rodalas, senón que primeiro busco onde rodar, logo a idea crece a partir de aí, como nun proceso máis artesanal, e máis paseniño. Van aparecendo as cousas, as capas, pouco a pouco, que creo que tamén se nota na película, que ten moitas capas. Capas de lectura, capas narrativas, ten que ver tamén con este traballo lento. Quizais, neste caso, as primeiras notas teñen que ver con esta cuestión da identidade. De como somos, se é ese algo como firme, uniforme, todo o tempo, ou se é algo que pode mutar, que podemos cambiar dalgunha maneira, podemos desexar outras cousas, sobre nós mesmos? Sobre como nos conformamos. E tamén esta idea de retirada un pouco do ruído que hai hoxe en día, con todo isto das redes sociais, toda a comunicación ou exposición, que nos obrigamos nós mesmos a ter sobre o noso día a día. Me interesaba moito esta idea dun personaxe que decide dar un paso atrás, non? Que decide saír un pouco deste ruído. Esas ideas mesturábanse un pouco co espazo que atopei na zona de Sanxenxo e O Grove, que me interesaba moito a través da escultura e desta pequena industria de construción que hai alá. Alguén que busca irse perdendo nesta paisaxe, confundíndose un pouco con ela.
Hai unha sorte de reivindicación do dereito á desconexión, a estar cun mesmo, cunha mesma.
Si, parece algo obvio cando o enunciamos. Quero dicir que todos estamos ben e dicimos que controlamos isto, non? Pero á vez, non sei, eu sinto que estamos todos medio atrapados por esta cousa de quen somos ou quen finximos ser ou que pretendemos ser de cara aos demais. Máis que ser fieis aos nosos sentimentos e pareceres. Creo que hai algo aí como moi forte de que ao final, talvez por como se está configurando o mundo case nos rexemos máis por esa visión que teñen os demais e que hai que mantela dalgunha maneira. Entón, estar en silencio, ir amodiño ou dicir 'non' creo que tamén pode ser unha reivindicación dalgunha maneira case política.
Si, totalmente. É case un luxo o de deixar o móbil nalgún sitio, apartado…como sucede no filme.
Verdade. Esta cousa que é unha fantasía, xa. Non estar dispoñible todo o tempo. Permitirse ese espazo. Permitirse dicir agora necesito outra cousa e que igual non ten que ser algo permanente. Obviamente, nunha película de ficción, podes formulalo cunha narración máis radical nese sentido, pero que tamén nos fai reflexionar sobre a necesidade de estar dispoñible todo o tempo.
"Penso que non hai unhas certezas na película como unha mensaxe para os demais senón unha especie de espazo de conversa onde podemos contradicirnos"
E era a súa intención, inducir esta reflexión?
En realidade non tanto como ‘eu vou dicir algo para que a xente reflexione’ senón que quería unha película que poida conversar, que poida formular dúbidas e presentar contradicións tamén. Iso é algo que me interesa moito. Penso que non hai unhas certezas na película como unha mensaxe para os demais senón unha especie de espazo de conversa onde podemos contradicirnos, incluso os personaxes en si mesmos poden non estar seguros do que queren, poden mentirse a si mesmos ou mentir aos demais ao mesmo tempo, e iso creo que xera un diálogo. Iso si que me parece interesante que as películas non te dean todo pechado senón que che deixen un espazo a ti para habitalas, para dubidar e para compartir tamén cousas con elas.
Tampouco está claro o límite entre o que é a liberdade e a soidade, por exemplo, algo do que tamén se fala no filme.
Hai un punto aí que é máis indefinible. Buscar ese espazo de dicir canto lle debo aos demais no sentido de querer vivir en comunidade, e atopar eses vínculos bos como algo máis positivo ou este personaxe que, de repente, decide buscar esa desconexión dos vínculos. Creo que é interesante, ese diálogo, esas dúbidas. Supoño que se ves a película podes estar parcialmente de acordo cos tres personaxes nalgún momento. Interesábanos que houbese esa ida e volta.
Da película abrolla tamén unha sensación de paz e claridade, serenidade.
É curioso, porque si que é algo que nos están comentando. É algo que se acaba emanando da película, pero non era tanto unha vontade como moi meditada miña. Si que hai algo de estilo, que me preocupa e que me interesa sempre que haxa claridade. Cada vez máis me interesa ir cara a certa claridade da exposición narrativa. Creo que é unha película que pode ser filosoficamente ampla, no sentido de que pode xerar debate, pero ao mesmo tempo a exposición é moi directa, apta para todo tipo de públicos, no sentido de que non hai a necesidade de xerar algo como deliberadamente confuso, complicado. Interésame esa simplicidade, ir cara algo moi transparente.
Sí, é algo case exótico hoxe en día.
Si, porque todo pasa polo golpe, a inmediatez, o xiro, incluso o quebracabezas. Esta idea de que todas as pezas teñen que encaixar finalmente para darche unha solución… Para min o cinema non ten nada que ver con iso. É un espazo de xerar preguntas e nese sentido tratamos de facer a película.
"Custoume convencer a Violeta Gil porque tampouco ela tiña esta ambición de ser actriz, signifique o que signifique"
Un drama intimista con Denís Gómez e Violeta Gil como protagonistas e co derradeiro papel de Miquel Insua. Como foi este casting?
Supoño que tampouco traballo o casting dunha maneira tradicional no sentido de facer probas a distintos actores e ver a cal seleccionas. Neste caso parte máis doutro tipo de intuicións. Eu con Denís non traballara pero falando cunha amiga propuxo o seu nome, e enseguida pensei que había algo aí que podía encaixar e finalmente despois de falar con el vin que, sendo un actor que sempre se lle esixe como outro tipo de rol ou unha cousa como máis para fóra, Denís é moito máis similar a este personaxe. Hai algo moito máis seu neste silencio, neste estar un pouco esquivando certas cousas. Entón, creo que se acomoda aí con naturalidade. No caso de Violeta é como máis particular porque Violeta non era actriz ou non dunha maneira estándar, si que tiña unha compañía teatral desde hai moitos anos pero en realidade traballa máis na escritura, na dirección, non tanto na escena. É poeta e escritora. Coñecémonos desde hai moito e houbo un momento en que comezamos a falar, e empecei a pensar nela tamén por un poemario que ela publicou, hai anos, que se chama Antes de que tiréis mis cosas, que me encaixaba moito, e, de súpeto xa vin claro que a personaxe tiña que ser ela. Custoume convencela porque tampouco ela tiña esta ambición de ser actriz, signifique o que signifique, pero para min a personaxe esa era como ela nun sentido moi amplo. E logo Miquel, que penso que era un actor que facía propio o texto e tiña unha enerxía moi particular e moi xenerosa.
Unha película rodada en galego, pero cando aparece Andrea, a personaxe de Violeta, cambia o idioma a castelán entre os protagonistas.
Si, había unha vontade de facer toda a peli en galego pero claro, non me quería limitar no ámbito interpretativo porque este desexo de filmar con Violeta era moi forte e ela non é galega, é de Segovia. Entón, parecíame importante poder respectala a ela tamén como persoa, actriz, e que puidese falar o seu idioma. Tamén nos interesaba esa evolución da película, non? Como está moi estruturada en partes, creo que aquí funcionaba ben esta idea de como se vai combinando o idioma e como van chocando unas cousas con outras, tamén con esta idea da identidade. Creo que hai algo nestes ecos que producen a película e o idioma, de ida e volta.
"O personaxe de Pablo está inspirado no traballo o escultor galego Pablo Barreiro, que si que é da zona, e tivo o seu obradoiro nese lugar durante un tempo"
E case como unha personaxe máis, a localización, entre Sanxenxo e O Grove, sen turistas.
A zona das telleiras é máis Sanxenxo, Vilalonga, e toda a parte do complexo intermareal do Umia-O Grove. É unha zona incrible, como a parte de atrás desta cara turística que coñecemos da área , que está chea de hoteis, campings, festas no verán. Pero esta cara mantén un certo aspecto aínda rural e hai unha serie de fábricas de material de construción, de tellas, de ladrillos que teñen unha longa tradición e parecíame interesante esa combinación do traballo industrial co traballo artístico do personaxe.
Como foi o proceso de documentación? Porque hai bastante detalle do traballo coa arxila, por exemplo.
O personaxe de Pablo está inspirado no traballo o escultor galego Pablo Barreiro, que si que é da zona, e tivo o seu obradoiro nese lugar durante un tempo e foi el o que me mostrou o espazo. O seu traballo escultórico, que traballa con pezas cerámicas nun aspecto que tamén ten que ver un pouco co industrial, tamén me interesaba moito. Esa combinación de factores foi o que me levou a construír o personaxe. Finalmente non ten nada que ver con Pablo orixinal pero parto do seu impulso e da súa obra. Eu débolle moito a Pablo nese sentido pola súa xenerosidade pero tamén polo seu traballo, que me inspira moito, e que participou tamén na película, acompañándonos.
"Cada vez se apoian máis as grandes producións, estas series de plataformas, pero o cinema máis modesto o ten cada vez máis difícil para financiarse, para sobrevivir e chegar ás salas"
Para facer unha película hai que ter unha produtora, ou varias como neste caso, no que conta coa colaboración da de Zarauza, entre outras.
Producir cinema independente, aínda que sexa a unha escala moi modesta como é este caso, cada vez é algo máis complexo. Cada vez se apoian máis estas grandes producións, estas series de plataformas, pero o cinema máis modesto o ten cada vez máis difícil para financiarse, para sobrevivir e chegar ás salas. A alianza entre pequenas produtoras ou produtoras máis ou menos modestas é unha das claves para poder levantar un filme por modesto que sexa. Nunha fase de desenvolvemento do proxecto iamos con Miramemira, pero finalmente tiñan outra produción en marcha que se tivo que retrasar e logo xa había unha cuestión de conflito de tempos, porque ao ser unha produtora independente e modesta tampouco podes abarcar dúas longametraxes ao mesmo tempo e aí foi onde aparece Alfonso Zarauza, con Maruxiña Film. Foi moi xeneroso, porque é un cineasta que ten a súa produtora para as súas películas pero con moita xenerosidade abriu a súa empresa para producir unha película que non era súa por primeira vez. A partir de aí crece o resto, que estamos Amateur Films que é a miña produtora e Matriuska Producciones, que tamén me leva a producindo desde 2008.
Amateur Films xa producira Deuses de Pedra, a premiada longametraxe documental de Iván Castiñeiras que á súa vez é o seu director de fotografía nesta película. Imaxino que ese casting tamén estaba moi claro.
Si, si, isto foi un traballo de ida e volta. Eu na miña produtora busco apoiar cineastas, amigos, filmes que me apetece ver. A miña produtora é moi modesta e busco filmes que me apelan, ou que me gustan especialmente. Eu estaba moi interesado no seu filme desde hai moitos anos, porque o viña facendo durante un período moi longo, e, finalmente puiden botarlle unha man. E logo, cando pensaba buscar un dire de foto para a miña película, pensei en incorporalo tamén ao equipo.