Somos pobres en tempo? "Prefiro ir correndo que renunciar"

A necesidade de pausa na vida diaria é unha sensación estendida. Na imaxe, unha rúa da Coruña CC-BY-NC-SA Foto e montaxe: Praza.gal

Resulta sinxelo escoller quen queremos ser na parábola do pescador e do empresario, pero no día a día da na vida real, hai anos que temos no noso interior a necesidade de ter distintas frontes abertas, entre obrigadas e autoimpostas para sentirnos útiles, produtivas, ben

“Hai anos que só penso no que me toca mañá”. Noemí Alvarez é profesora e ten dous fillos, o maior vai cumprir 13 e a pequena, con necesidades especiais, xa fixo os 10. Comparte as tarefas da casa e do coidado coa súa parella, mais para ela, como para moitas e moitos, as horas do día non chegan para facer todo o “programado”. “Profesionalmente quero saber un idioma máis, pero tamén busco mellorar a miña condición física e ademais todo o mundo fala dunha serie que quero ver. Temos moitas cousas ás que queremos chegar e entón crea estrés, pero na miña cabeza é positivo ter opcións. Para min son alicientes. Non son capaz de ter un día completo sen ningunha opción. Prefiro ir correndo que renunciar”, indica Álvarez, nun perfecto resumo da vida moderna. 

Resulta sinxelo escoller quen queremos ser na parábola do pescador e do empresario, pero no día a día da vida real, hai anos que temos no noso interior a necesidade de ter distintas frontes abertas, entre obrigadas e autoimpostas para sentirnos útiles, produtivas, ben. Antes había unha carta de axuste: a programación na televisión tiña un comezo e un final, pero xa hai anos que a dispoñibilidade dos contidos é continua como a que se espera das persoas, pero á vista está que os seres humanos non podemos ser 24/7, porque as consecuencias para a saúde acaban chegando.

As mulleres con fillos son as que sofren maiores problemas de "falta de tempo" para si mesmas. CC-BY-SA Xunta de Galicia

“Pensamos que se unha persoa non está ocupada ten menos valor e iso condiciona moito a propia experiencia psicolóxica do tempo”, explica Carlos Montes Piñeiro, psicólogo do traballo

Din que un dos maiores éxitos do capitalismo é conseguir acadar o interior das persoas, o que deriva nun comportamento social estandarizado que asimila ocupación e valor ata o punto de que nos explotamos a nós mesmos e mesmas. “Pensamos que se unha persoa non está ocupada ten menos valor e iso condiciona moito a propia experiencia psicolóxica do tempo”, explica Carlos Montes Piñeiro, psicólogo do traballo

Funcionamos nunha cultura das présas. Constantemente temos a sensación de ser bombeiras ou bombeiros, de estar apagando lumes e, fundamentalmente, segundo detalla Montes, se atribúe a un problema de xestión do tempo como se fose un recurso tanxible, pero nin podemos aforralo nin deixar de consumilo, nin podemos alugalo nin vendelo.

O psicólogo, que preside a sección de Traballo e das Organizacións do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, alerta de que o problema xa non é o uso do tempo a nivel laboral senón cando ese hábito trascende o tempo traballado e pasa ao tempo de lecer, que se converte tamén nunha tarefa máis. “Pensamos que debemos 'aproveitar' a fin de semana, 'optimizar' o tempo libre. Entón, claro, desaparece a función reparadora que ten o tempo de lecer e polo tanto non introducimos os mecanismos de recuperación psicolóxica que nos van a reequilibrar para poder facer fronte ás demandas cotiás, non só ao traballo”, advirte.

Eu, cos anos, cambiei no tempo de lecer e se teño que quedar no sofá a tarde do sábado, fágoo, porque xa conseguín convencerme a min mesma de que o merezo”, subliña Noemí Álvarez

“As oportunidades laborais tamén completan o teu perfil humano, é lícito querer chegar a moitas cousas e iso implica que andamos moi ocupadas. Logo tamén tentamos coidarnos, facer algo de exercicio, que todo é necesario, e todo iso fai que ao final, o día sexa case ir poñendo ticks positivos de conseguín facer isto, isto e isto”, asegura Álvarez, galega que vive en Alacant. Eu, cos anos, cambiei cos tiks do tempo de lecer e se teño que quedar no sofá a tarde do sábado, fágoo, porque xa conseguín convencerme a min mesma de que o merezo”, acrecenta.

A soberanía do noso tempo

Esa conclusión que achou Álvarez resulta fundamental, segundo subliña Carlos Montes, para manter unha certo equilibro mental que nos permita recuperar e continuar a nosa actividade normal. “O tempo de lecer deixa de selo cando está sometido á mesma lóxica que o rendemento. Un dos principais problemas é que moitas persoas deixamos de ser soberanas do noso propio tempo, non temos soberanía do noso tempo en son axentes externos os que a teñen. Cada vez hai máis persoas pobres de tempo, por así dicilo”, explica.

“ Somos pobres en tempo de calidade. Enchemos o tempo con obrigas e ocupacións e cando sentas na túa casa un día tranquila a ler ou facer algo que non sexa traballar, ou producir ou cumprir con obxectivos, sentímonos mal,  porque pensamos que estamos a perder o tempo", indica Noelia Ortega

“Eu creo que somos pobres en tempo de calidade. O tempo que temos enchémolo de obrigas e ocupacións e cando te sentas na túa casa un día tranquila a ler ou a facer algo que non sexa traballar, ou producir ou cumprir con obxectivos, sentímonos mal, culpables, porque pensamos que estamos a perder o tempo”, subliña Noelia Ortega, que traballa na banca en Vigo. Para ela a pretensión de “chegar a todo” con éxito resultaba máis doada cando era máis nova pero, segundo explica,  a medida que avanzan os anos, hai que atender  os fillos e tamén os pais, custa manter o ritmo e tendemos a esquecernos das cousas sinxelas e importantes. “Tampouco axuda a sociedade de consumo, na que todo é produción, pero penso que está nas nosas mans facer pequenos cambios pouco a pouco”, indica. Neste sentido, Ortega ten “a esperanza” dun xiro na sociedade e cambiemos as prioridades. Ademais, di “hai outra realidade: que o corpo te frea. Ás veces, aínda que queiras manter o ritmo, é o corpo o que avisa: o esgotamento, caemos todos nunha especie de cansazo que che quita a alegría e aí é cando hai que tomar conciencia e priorizar o realmente importante”, di Ortega. 

As mulleres traballadoras teñen que enfrontar duplas e triplas xornadas laborais, responsabilizándose dunha maior carga do traballo de coidados CC-BY-SA Polycart

"Isto non pode ser un ciclo autoperpetuado no que acaba un día e logo vén outro e outro… Hai que buscar espazos para descansar, para reequilibrarnos, xa sexan con actividades que nos relaxen, deportivas ou sociais”, detalla o psicólogo especialista no traballo

A organización sen ánimo de lucro con sede en Barcelona Time Use Initiative (TUI) alerta da situación e achega datos nos seu informes: unha de cada cinco persoas na Unión Europea "non teñen literalmente un minuto para si mesmas" proporción que escala ao 34% no caso das mulleres con fillos ou fillas.

Vivir amodo, unha necesidade

Temos dereito a vivir amodo, a vivir doutra maneira? Para Carlos Montes, máis alá dun dereito é unha necesidade e incide neses necesarios procesos de recuperación psicolóxica das demandas do día a día. Unha parada necesaria tanto para as persoas con actividade remunerada como para quen realiza traballos domésticos ou de coidado. “Cando non temos tempo para nós mesmos prodúcese unha alienación”, asegura. 

Estes momentos de reparación son necesarios no día a día, non só nas fins de semana ou vacacións. Hai certos rituais, como a pausa para o café cunha conversa cos compañeiros e compañeiras, que se perdeu coa pandemia, que resultan reparadores. “Sucede o mesmo cando acaba a xornada. Isto non pode ser un ciclo autoperpetuado no que acaba un día e logo vén outro e outro… Hai que buscar espazos para descansar, para reequilibrarnos, xa sexan con actividades que nos relaxen, deportivas ou sociais”, detalla o psicólogo especialista no traballo.

A curto prazo podemos ser máis produtivos, pero cando se cronifica o estado de urxencia comezan a aparecer consecuencias como a ansiedade, irritabilidade ou dificultades para concentrarse

O feito de vivir nese estado constante de urxencia xera un sistema de alarmas que está disparado constantemente no noso organismo e actívanse as respostas de estrés. Entón a curto prazo podemos ser máis produtivos, pero cando se cronifica comezan a aparecer consecuencias como a ansiedade, irritabilidade ou dificultades para concentrarse. “Moitas veces, sobre todo relacionado coa experiencia psicolóxica do tempo, caemos nunha sensación de baleiro, porque estar en automático xera esta sensación de alienación, porque non somos quen de parar e habitar o tempo que nos toca ou, dito doutro modo, é como se se empobrecese en certa medida a nosa experiencia do presente porque estamos pensando seguido no seguinte, no que vén despois. Entón as persoas estamos menos satisfeitas e non conseguimos atoparlle o sentido ou propósito ao noso día a día ou as cousas que facemos”, argumenta Carlos Montes.

A sociedade vive nun proceso de aceleración constante. CC-BY-SA Canva

 Parece algo normal , mais non deixa de ser curioso, que vaian máis aceleradas as persoas con máis mando e máis recursos, algo que constitúe “unha desnaturalización do seu propio traballo, que en principio debería ser ver o futuro, anticiparse ou conectar”, subliña Gabriel Ginebra

Gabriel Ginebra, experto en slow management, profesor e membro do  Expert Lab da Time Use Initiative, explica que estamos a vivir todos este proceso de aceleración como unha especie de “maleficio” do que é imposible saír. Non é que nos falte tempo, asegura, senón que queremos meter demasiadas cousas nel. “As cousas que facemos atolondradamente, sen paz, son cousas que non nos enchen”, destaca, pero se ao final do día ou da semana facemos unha soa cousa, pero relevante, estariamos máis satisfeitos, argumenta. Para Ginebra, o movemento Slow, que naceu do ámbito da comida, é unha necesidade acuciante en todos os ámbitos.

“Antigamente as clases altas eran máis pálidas de pel porque se entendía que estaban nas súas casas tocando o violín e non traballaban. Hoxe en día iso iso foi invertido. Creo que hai unha auténtica ideoloxía e é unha ideoloxía intencionada. Hai un certo proceso de estupidez colectiva e persoas e institucións interesadas nesta aceleración”, argumenta o autor de Xestionar sen présas ou A parisina que tomou un taxi para ir ao ximnasaio, entre outras obras.

A día de hoxe parece algo normal ou habitual, mais non deixa de ser curioso, que vaian máis aceleradas as persoas con máis mando e máis recursos, algo que constitúe “unha desnaturalización do seu propio traballo, que en principio debería ser ver o futuro, anticiparse ou conectar”, subliña.
 

“Agora todos somos a nosa propia empresa e temos que poñernos retos, obxectivos, hai que deseñar unha carreira e os primeiros explotadores somos nós mesmos”, indica o autor de "Xestionar sen présas"

Gabriel Ginebra alerta tamén da omnipresente filosofía do produtivismo e refire as reflexións do filósofo Byung-Chul Han n'A sociedade do cansazo onde o autor coreano denuncia que a sociedade da produtividade xa está trasladada ao interior das persoas. “Agora todos somos a nosa propia empresa e temos que poñernos retos, obxectivos, hai que deseñar unha carreira e os primeiros explotadores somos nós mesmos”, indica.

Antes había unha carta de axuste. A programación, na televisión, tiña un comezo e unha fin e e polo tanto, un ritmo máis humano, pero nos primeiros anos do século XXI xa era unha rareza, a televisión tiña que ter contido todo o día e na era da dixitalización comezouse a falar diso tan moderno e perigoso que é a dispoñibilidade 24/7, tamén para as persoas. “Hai unha morea de elementos do mito da globalización, da tecnificación e do progreso económico que nos están levando a esta situación na que moita xente recoñece que vive na famosa roda do hámster, onde cada vez corremos máis para quedarnos no mesmo sitio e, moitas veces, peor”, indica Gabriel Ginebra. 

Unha antiga 'carta de axuste'. Dominio Público Praza Pública

O autor alerta tamén da mitificación da última novidade, a renovación constante dos sistemas informáticos, por exemplo, que deriva na necesidade de nova formación e, polo tanto, dun tempo de adaptación, durante o que o traballador está peor que antes e se a renovación é continua, nunca consegues amortizar a aprendizaxe e o estrés segue a medrar.

Estamos continuamente en dúas cousas á vez e iso fai que non se poida facer ningunha das dúas ben a fondo. A aclamada multitask –multitarefa- xa amosou a súa cara máis escura e cómpre un cambio cultural que debería ser liderado polas administracións públicas e secundado polas empreasas en asuntos como os horarios laborais, do comercio, da televisión ou mesmo dos partidos de fútbol. E tamén a nivel individual, segundo defende Ginebra, podemos facer a nosa propia batalla contra este sistema como unha desconexión dixital consciente ao acabar a xornada, fuxir da tiranía do WhatsApp e sobre todo do escrutinio constante das redes sociais.  

“Estamos a facer o ridículo. Pensamos que quen mellor aproveita o tempo é quen fai máis malabarismos, quen encaixa máis cousas e é xusto ao contrario”, defende Gabriel Ginebra.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.