Estudios Abertos Ourense: unha sorte de feira de arte que abre as portas dos talleres de artistas

Presentación do mapa de participantes na I Edición de Estudios Abertos Ourense CC-BY-SA Estudios Abertos

Un total de 14 espazos e máis de 25 artistas compartirán o seu traballo e modo de crear do 25 ao 27 de outubro na I Edición de Estudios Abertos Ourense 

Artistas que crean desde a cidade de Ourense, e na súa contorna, abren por primeira vez os seus estudios ao público na I Edición de Estudios Abertos Ourense, unha iniciativa promovida desde a asociación cultural A Maquinadora, constituída por ex-alumnado e membros da comunidade educativa do Ciclo de Produción de Audiovisuais e de Espectáculos do CIFP A Farixa.

Un total de 14 espazos e máis de 25 artistas compartirán o seu traballo e modo de crear do 25 ao 27 de outubro. “Nunha cidade na que os propios actores culturais case se consideran como algo residual, pois a política cultural municipal é case inexistente, aquí hai artistas de xeracións moi distintas e propostas moi heteroxéneas que queremos que a xente coñeza, que saiba que están aí”, explica Tomás Lijó, profesor na Farixa e membro da Maquinadora.

Cartaz e mapa dos espazos participantes CC-BY-SA Estudios Abertos

Manolo Figueiras; Adriana Pérez, Alfonso Rodríguez e Chinöski (Juan Antonio Jaén) de Expoplanetarium; Xosé Poldras; Marta Dorribo de O Cabalo Fosforito, coas convidadas Laura Tova e Sheila Míguez; Marita Carmona e Xosé Vilamoure de Dodó Dadá; Olga Pastor Alvarado de Frenética Lab, coas convidadas Marcos Viso e María Puertas; Leandro Sánchez; David Gesto de Andén 1, xunto a Masakazu Shida, Luca Log (Luca Lo Giudice), Tony Ferrer e María Jesús Ballester; Sula Repani; o colectivo DebuxOu; Xosé Cid e Rosendo Cid; Natasha Lelenco; Isabell Seidel; e Baldomero Moreiras participan na primeira edición de Estudios Abertos Ourense.

"Nunha cidade na que os propios actores culturais case se consideran como algo residual, pois a política cultural municipal é case inexistente, aquí hai artistas de xeracións moi distintas e propostas moi heteroxéneas que queremos que a xente coñeza"

Para poñer no mapa ás creadoras de Ourense, e para activar proxectos nos que poida traballar quen remata a súa formación en produción no centro da Farixa, nace esta acción, que ten vocación de continuidade a pesar da situación crítica do tecido cultural ourensá. Tomás Lijó lembra que o Espazo Lusquiños permanece pechado e que mesmo o Museo municipal de Ourense está pechado.

Ás portas deste museo concentráronse unha vintena de artistas plásticos e visuais o pasado sábado para “evidenciar e denunciar o abandono das institucións públicas de Ourense respecto á política cultural, en particular no referido ás artes visuais”. Ourense non ten museo, pero ten artistas será o lema desta primeira edición de Estudios Abertos, que non conta coa colaboración de ningunha administración local da cidade ou provincial, mais si co aval da Dirección Xeral de Cultura da Xunta e os patrocinios de Fina Rei, Adegas Martín Codax e os concellos de Coles e Taboadela, así como dunha extensa rede de preto de 50 establecementos colaboradores.

Acción sobre o museo municipal de Ourense, que permanece pechado CC-BY-SA Estudios Abertos

Será coma unha feira de arte descentralizada pola cidade durante tres días, abrindo espazos polos que se pode pasar a diario camiñando pola rúa pero que non se identifican a simple vista como lugares de creación. Organizando a iniciativa, o equipo mesmo descubriu que artistas que traballan a escasos metros de distancia descoñecían a existencia os uns dos outros. 

“Este contacto directo coas creadoras e creadores vai ser único, en realidade non é a experiencia dunha feira de arte nin dunha exposición, pois ao entrar nos talleres dos artistas vanse poder ver as obras inacabadas e as maneiras de traballar que ten cada quen”, debulla Lijó.

Ourense non ten museo, pero ten artistas será o lema desta primeira edición de Estudios Abertos

Tomás Lijó tamén destaca que é unha boa oportunidade para que as persoas de fóra de Ourense coñezan espazos máis alá da zona vella e comproben que é unha cidade “moi accesible” a pé. “Mesmo preto da estación do tren xa hai tres talleres”, asegura.

Cinco dos espazos están fóra da cidade, en zonas do rural, mais todos están identificados no mapa que crearon no seu sitio web e distribuíron polos establecementos colaboradores en papel. A entrada é de balde, pero tamén é posible converterse nun ‘pequeno mecenas’. O horario de apertura ao público de todos os talleres será o venres de 17h a 21h, o sábado pola mañá de 11h a 14h e pola tarde de 17h a 21h, e o domingo de 11h a 14h.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.