O canto colectivo celebrouse na contorna do Burgo das Nacións, onde o Zeca interpretou o Grândola en 1972
O 10 de maio de 1972 centos de estudantes, moitos activamente implicados na loita antifranquista, escoitaron a José Afonso nun concerto en Santiago. Celebrouse no vello Burgo das Nacións, no recinto que hoxe comparten a residencia de estudantes homónima e o Auditorio de Galicia, e nel exerceu de presentador quen tres décadas despois sería presidente, Emilio Pérez Touriño, na altura un mozo representante do estudantado de Económicas.
Foi alí onde o Zeca interpretou o Grândola Vila Morena, segundo moitas fontes, por primeira vez en público. Segundo outras, por segunda vez, xa que soara antes nun festival en València. Sexa como for, o certo é que o que en 1974 acabaría sendo himno e símbolo da Revolução dos Cravos -por actuar como sinal definitivo do levantamento contra a ditadura a través da Rádio Renascença- soou antes en Galicia. E iso foi o que lembrou un simbólico coro cidadán este 25 de abril de 2024 na actual praza Música en Compostela da capital galega.
Goretti Sanmartín: "Celebramos os 50 anos dunha revolución sen disparos, pacífica e con dous símbolos: o cravo vermello e unha canción"
No marco do programa de actos impulsado polo Concello de Santiago para conmemorar, centos de persoas desafiaron a chuvia para, baixo a dirección de Ramón Bermejo (O Coro da Ra), cantar colectivamente o Grândola. O acto foi introducido pola alcaldesa compostelá, Goretti Sanmartín, que visiblemente emocionada agradeceu a asistencia de "tantas persoas" para "celebrarmos os 50 anos dunha revolución" que "derrocou" unha ditadura "sen disparos, de maneira pacífica e con dous símbolos: ese cravo vermello que portamos hoxe e unha canción"
Sanmartín evocou tamén a "forza movemento estudantil" en Santiago durante o tardofranquismo, nos tempos do histórico concerto do Burgo. "25 de abril, sempre!", alentou para dar paso á interpretación colectiva. Xunto á veciñanza cantou tamén a propia rexedora, así como outros membros do goberno local (BNG-CA) e do grupo municipal do PSdeG e representantes de entidades da cidade como o reitor da USC, Antonio López.
A Coruña, Vigo e Pontevedra acolleron tamén cantos colectivos do 'Grândola, vila morena' este 25 de abril
Escasos minutos despois, o acontecido en Santiago xa emocionaba tamén a través das redes sociais. As gravacións, profesionais ou afeccionadas, foron aplaudidas dende ambas beiras do Miño. O programa de actos continuou despois co concerto 50 anos de abril, promovido pola Associação José Afonso en Galiza co apoio do Concello e mais da Deputación da Coruña.
Os cantos colectivos do Grândola, vila morena, celebráronse tamén este 25 de abril noutras cidades galegas. Foi o caso da Coruña, con centos de persoas respondendo ao convite da Asociación Cultural Alexandre Bóveda; en Pontevedra, da man do Ateneo. Tamén houbo canto colectivo en Vigo malia á chuvia por impulso da asociación A Madriña.