• Entrevista | Sara Rey e Alba Caneda
  • Cultura

'Iphixenia na porta do súper' ou como "só o pobo salva o pobo"

Alba Caneda en 'Iphixenia na porta do súper' © Álex Sobrino

O ano pasado foi Ragazzo a obra que permitiu descubrir, no Galicia Escena Pro, o traballo de Barrosanta -o proxecto teatral de Anxo Outumuro-. Se este ano houbo unha obra revelación que serviu para dar a coñecer tamén un equipo de profesionais recén saídos da ESAD, foi sen dúbida Iphixenia na porta do súper, un texto do galés Gary Owen adaptado ao galego pola Compañía Humana. Fran Peleteiro e Antela Cid producen este espectáculo, dirixido por Sara Rey e impecablemente interpretado por Alba Caneda. Falamos coa actriz e coa directora.

A compañía Humana chamouvos para facer esta obra?

Alba: Eu fixen o meu traballo de fin de estudos, na ESAD, con este texto. Fran Peleteiro estaba no tribunal que valorou o meu traballo. Viume actuar e decidiu facer unha nova adaptación ao galego, pois eu traballara coa adaptación ao castelán do orixinal en inglés. Fran colleu os dereitos para facer a obra en Galicia co equipo que traballaramos no meu traballo de fin de estudos: actriz, directora e escenógrafos. A compañía Humana xurdiu así. Este é o seu primeiro proxecto. Creárona Fran Peleteiro e Antela Cid. 

Sara: Eu boteille unha man a Alba co seu traballo de fin de estudos. Foi máis axudarlle que facerlle a dirección, porque eu entrei cando o proxecto xa estaba avanzado. Basicamente, deille guías de composición escénica. 

Virades a montaxe de Teatro Kamikaze? Que vos gustou deste texto?

Alba: Eu tiña interese en facer un monólogo. Fora seleccionada para o proxecto Nós, un proxecto que se fai na ESAD que permite facer un intercambio con Portugal e Francia. Pero non foi posible realizalo porque chegou a pandemia. Entón tiven que facer algo soa. Busquei un monólogo e este texto gustoume moito.

Sara: Eu vira a montaxe de Teatro Kamikaze no FIOT de Carballo. O texto pareceume sublime. Nunca traballara con Alba, aínda que a coñecía da ESAD. Cando Alba mo propuxo, non me podía negar a traballar cun texto coma este. Aceptei enseguida.

Alba Caneda, como Iphixenia © Fran Peleteiro

Iphixenia é unha moza de clase obreira que vive nun barrio devorado pola especulación. Como preparastes a personaxe?

“A idea era facer unha revisión do texto para levalo á nosa realidade”

Alba: Vin moitas películas de cine quinqui. Ademais son educadora social, polo que traballei con chavales que non son tan diferentes de Iphixenia. Iphi é, en realidade, unha moza coma calquera outra. Resúltalle máis fácil non traballar e vivir do que lle dá a avoa e ademais leva esa coiraza de mal educada e agresiva, pero na obra vaise vendo que iso é todo fachada. Iphi é un personaxe moi actual. 

Sara: Alba fixera para o seu traballo de fin de estudos a versión en castelán de Teatro Kamikaze, Ifigenia en Vallecas. Foi algo complicado sacala de aí, porque o tiña moi interiorizado. Porque a idea era facer unha revisión do texto para levalo á nosa realidade. Iphi é máis nova do que é Alba, e para preparar a personaxe pensamos en xente que temos preto que podería estar a vivir unha situación similar á do personaxe. Alba é do Grove e eu da Coruña. As dúas somos de barrio, polo que as situacións que describe a obra poden resultarnos próximas facilmente.

Iphi vive nun bucle de resacas. Sente raiba contra o mundo, é autodestrutiva… Ademais da falta de expectativas -vive nun barrio pobre- é a soidade o seu problema de fondo?

Alba: Non sei se diría que vive nun barrio pobre. Penso que é un barrio de clase media baixa. Quero dicir, non ten por que ser unha barriada. E si penso que o seu problema é a soidade. Ela ao final relaciónase con outros chavales, sae moito e parece que está moi acompañada, pero no fondo está soa. Ten a súa avoa e acaba dándose conta de que é ela quen está aí se a precisa, e ten unha amiga, pero é máis ben unha amiga para a festa, que o que quere, coma ela, é pasalo ben. Non ten un apoio de verdade. 

Sara: Fixemos unha adaptación do texto para retirar un personaxe que é o mozo de Iphi. A idea era reforzar, precisamente, o sentimento de soidade da personaxe. Ihpi ten a súa avoa, unha señora maior se pon a traballar por ela, e a súa amiga, pero non ten vínculos máis alá. A teima da soidade é unha idea central na obra. E ten que ver con como se dirixe ao público, como un personaxe arisco e prepotente. Ao principio di que o publico está aí grazas a ela, pero iso non se entende ata o final. Non se entende que esa imaxe de quinqui é a súa muralla de defensa.

Quizais non está tan soa, pero nin se decata. A avoa fai todo o que pode por ela e a amiga quérea. 

Sara: Foi un dos temas que traballamos, a súa rede de apoio. Silvi é coma Iphi, é nova e ten a cabeza en ir de festa, pero despois é quen está con ela, quen a apoia, quen lle suxire que denuncie… A avoa fai todo o que pode pola neta.

Previo de 'Iphixenia na porta do súper', de Compañía Humana © Compañía Humana

A súa cabeza tamén está tomada polo amor romántico e patriarcal. Cre atopar o sentido da súa vida en coidar dun home… 

Alba: Si, pero ela, non é tanto que namore, que si, senón que por fin ve un posible final para súa soidade, pois a súa vida adquire un sentido. Coñece esta persoa e ve que na súa vida hai un antes e un despois. Claro que aí pódese ver a dependencia emocional, o amor romántico patriarcal, pois parece que a vida só ten sentido, ela só se ve completa, se ten un home ao seu lado. E aí sae, claro, o rol de coidadora, primeiro do home e despois dos fillos. 

Sara: Iso está moi presente, claro. E foi algo que potenciamos na montaxe ao eliminar o personaxe do mozo e facer que tivese vínculos só co grupo próximo de mulleres. Ela está a soñar esperta. Tampouco ten unha relación paterna na que apoiarse, porque é criada pola súa avoa. E esa idealización súa que choca coa realidade fai que nos acheguemos a ela, que nos identifiquemos con ela.

O texto trata moitos temas e un deles é o ghosting, un xeito de maltrato para o que ata hai pouco nin existía nin nome. Non sabemos se era intención do autor do texto denuncialo pero, de que maneira o tivestes en conta para montar a peza?

“Eu fixen unha choiva de ideas sobre todos os temas que saen na obra, desde a responsabilidade afectiva aos recortes”

Alba: Non sei se o autor decidiu conscientemente tratar este tema, pero faino a partir dos feitos que expón. É un tema de actualidade, si. Un comportamento que sempre existiu, pero antes non se falaba de responsabilidade afectiva nin de ghosting. Eu fixen unha choiva de ideas sobre todos os temas que saen na obra, desde a responsabilidade afectiva aos recortes, que están tratados de xeitos máis evidentes ou máis sutís. De feito é unha obra que dá para facer debates nos institutos. Algunha vez fixemos así, un pequeno coloquio con eles para falar de como se sentiron, se se sentiron identificados… Penso que, sobre todo no tema afectivo-sexual, é moi necesario que haxa estes debates. 

Sara: Fixemos fincapé nas dúbidas dela, nas voltas que lle dá ao que lle está a pasar, que é unha das cuestións que axudan a humanizar a personaxe. Eu non teño amigas ás que nunca lles fixesen ghosting. É algo moi común nas relacións sociais. Non é un dos temas centrais da peza pero si está moi ben reflectido. 

Iphi toma unha decisión respecto do seu corpo e da súa vida que seguramente a sociedade xulgaría. Porque ela é pobre. Unha “ni-ni”.

Alba: Si, xúlgase sen saber, sen vivir unha vida como a que tivo esa persoa xulgada. Ela o que non quere é quedar soa, pero non tivo nin os recursos nin as opcións de formación que precisaría para ter unha vida mellor. Para min o máis interesante da obra é precisamente o xuízo ao que ela se expón diante do público. Porque vamos entendéndoa pouco a pouco, comprendendo a súa actitude do principio, vendo que era unha coiraza, identificándonos con ela e entendendo ou polos menos dándolle unha volta ao noso xuízo sobre as decisións que tomou. Houbo xente que despois da obra me dicía: ao principio caíchesme fatal, pero despois entendín as túas razóns…

Sara: Ela precisa algo ao que agarrarse, e seguramente por iso toma esa decisión. Nunca é o momento perfecto. Igual se agardas a ter unha estabilidade, cando te decidas xa non podes. Iphi precisa algo ao que agarrarse, e igual esa decisión é o motor que podería levala a deixar a súa vida de festas e resacas.

Un intre da representación de 'Iphixenia na porta do súper', con Alba Caneda © Álex Sobrino

A personaxe está baseada no mito de Iphixenia, que obedece os designios dos deuses sacrificándose para evitar males peores para o seu pobo. Mais, a vosa Iphi está a sacrificarse realmente? Ten sentido o que fai? Que opinades disto?

Alba: Hai reminiscencias do mito, si. Collemos precisamente a idea do sacrificio. Ela o que fai é sacrificar o seu propio interese polo ben común. Sendo consciente de que está a actuar en beneficio dos demais. Para min si ten sentido a súa renuncia. Non porque pasase nada se ela non renunciase, non porque a súa renuncia vaia repercutir necesariamente noutras persoas, pero é que ela precisa un sentido e atopa aí o sentido. No seu interior sabe que iso é o que lle vai facer ben e non obter un beneficio do que sufriu. 

Sara: Eu tamén teño sentimentos encontrados sobre a mensaxe final do texto. Pero non o entendo como un convite a facer o mesmo, senón como unha forma de explicar as motivacións do personaxe: eu fixen isto por isto. Creo que o que acontece está xustificado desde o propio personaxe. Non é como a mensaxe que quere lanzar, a solución que propón. Penso que a idea que quere transmitir, en realidade, é que só o pobo salva ao pobo.

Xa, pero é que falamos das consecuencias dos recortes sanitarios, que teñen uns responsables. E no texto, cun enfoque máis moral ca político, non aparece unha solución colectiva do tipo organizarse e protestar. Ou mesmo queimar o barrio. 

“O que fai consegue descolocarnos porque o que demostra é que é mellor ca nós”

Alba: Entendo o que dis, pero é que seguir esa lóxica de queimar o barrio o que conseguiría sería reforzar os prexuízos sobre ela, darlle a razón a quen a despreza. Pero o que fai consegue descolocarnos porque o que demostra é que é mellor ca nós. Dános unha lección. Porque é quen de sacrificar o seu propio beneficio polo ben común. 

Como foi o proceso de creación da obra?

Alba: É un monólogo de hora e pico e ademais é o meu primeiro proxecto, polo que tiña, claro, unhas inseguridades, un medo a que non funcionase. Pero sentinme moi acompañada por todo o equipo. 

É unha obra moi espida. A escenografía é mínima: os asentos dunha parada de bus e pouco máis. Foi difícil traballar así?

Alba: É unha parada de bus e unha pantalla. Movemos os asentos polo chan para crear os distintos espazos. Non fai falta máis. A iluminación tamén é clave para crear ambientes. 

A personaxe diríxese directamente ao público varias veces. E funciona ben. 

Sara: É moi importante ese contacto co público porque ela está contándolle unha historia ao público. Ela aliméntase moito do público. Se ao principio non sente o rexeitamento do público, custaríalle entrar. Pero Alba conségueo moi ben. Incomoda, que é o que se busca.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.