"Que vivan as montañesas! Que vivan, pois loitar saben!", escribiu Rosalía de Castro nun dos poemas de Follas Novas. Estes versos dan título á serie documental 'Loitar saben', que vén de estrear a Sociedade Cooperativa Xuvenil Mazarelos, que edita a revista de arte e historia do mesmo nome. O proxecto Loitar saben busca recoller historias protagonizadas por mulleres, amosando nas dúas primeiras pezas "a capacidade de superación" e de "crecemento", ademais da súa condición "transgresora".
O primeiro vídeo do proxecto 'Loitar saben' está protagonizado polas mulleres que no ano 1989 formaron un equipo de fútbol en Loiba (Ortigueira)
É isto o que une dúas historias ben distintas en apariencia, distanciadas no tempo e no espazo. A primeira delas ten como protagonistas ás rapazas -hoxe mulleres- que a finais dos anos 80 formaron un equipo de fútbol en Loiba (Ortigueira), o Unión Deportiva Loiba Feminino, que botou a andar oficialmente no ano 1989. Foi unha actividade efémera pero moi significativa da entrada nun espazo de ocio tradicionalmente considerado como masculino que deixou unha pegada na comunidade local.
"Malia que a experiencia durou pouco tempo, axudou de forma significativa a crebar cos estereotipos de xénero", destácase
Dende Mazarelos destácase que "o que comezou como un xogo inocente de fútbol supuxo un precedente para a contorna ao ser un dos primeiros equipos femininos da zona". Engaden que "malia que a experiencia durou pouco tempo, axudou de forma significativa a crebar cos estereotipos de xénero", abrindo un camiño e sentando precedentes para as novas xeracións.
O documental incorpora non só a conversa coas xogadoras daquel equipo, tres décadas despois, senón tamén vídeos caseiros gravados nalgún daqueles partidos. Elas debaten sobre as dificultades que atopaban nese momento as mulleres para xogar ao fútbol e tamén valoran o avance que se produciu nos últimos anos, aínda que destacan que segue a haber enormes diferenzas entre o deporte masculino e femenino. O documental inclúe, ademais, unha reflexión sobre o despoboamento que hoxe en día sofre o rural galego e que dificulta a posibilidade de retomar o proxecto, que vira case imposible ante a falta de nenas na localidade.
O documental reflexiona sobre o despoboamento que sofre o rural e que dificulta a posibilidade de retomar o proxecto, case imposible ante a falta de nenas na localidade
A outra peza desenvólvese a case 200 quilómetros de Loiba, aínda que tamén na costa e nun espazo rural. En Fisterra un grupo de cinco veciñas dan a coñecer como era un día de traballo na súa vida cotiá. As súas xornadas estaban marcadas polas tarefas domésticas e de coidados pero tamén sempre cun ollo no mar, o cal era o principal sustento que tiñan, vendendo os produtos que este lles ofrecía; con el desenvolveron "unha relación de comunicación pero tamén de prudencia", destacan.
En Fisterra cinco mulleres relatan como era a súa vida, marcada polo traballo dentro e fóra da casa, no que ían e volvían camiñando a Cee a vender o peixe á praza
As protagonistas amosan como desenvolveron actividades produtivas levando ás costas a administración da familia e mentres os homes ían na mar. En xornadas que comezaban ás 6 da mañá para ir á 'halar’e' até ir e volver a Cee a vender o peixe á praza camiñando coas sellas á cabeza. Dende Mazarelos destacan como "palabras como 'valume', 'halar' ou 'romaría' entre outras marcaron esta rutina e a súa identidade como mulleres traballadoras no rural".
"Dámoslle voz a elas mesmas para rachar eufemismos e tópicos que falsean a realidade histórica", destacan dende Mazarelos
Dende a cooperativa indican que neste proxecto "dámoslle voz a elas mesmas para rachar eufemismos e tópicos que falsean a realidade histórica e para, a través das súas lembranzas e memoria, achegarnos a fenómenos do pasado". Son dúas pezas audiovisuais "que ollan ao pasado e nos axudan a comprender o presente", engaden. O traballo foi realizado ao abeiro do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021-2022 da Xunta de Galicia.