A transmisión interxeracional é unha das claves para a boa saúde dun idioma. Os datos máis recentes dispoñibles, que datan de 2018, apuntan a unha lixeira recuperación nos datos de pais e nais que falan en galego ás crianzas, peor tamén constatan que son xa varias as xeracións nas que esa transmisión quebrou maioritariamente, o cal incrementa a importancia da poboación neofalante no futuro da lingua.
Con este pano de fondo nace a xornada Medrar en galego, a cita deste 25 de febreiro en Allariz para impulsar a crianza na lingua propia de Galicia. Impulsada dende A Mesa pola Normalización Lingüística, xunto ao Concello de Allariz, a Deputación ourensá, o Espazo Ben Común e a Confederación de ANPAS Galegas, conta cun programa que combina espazos lúdicos coa formación.
A vertente lúdica da xornada desenvólvese dende as 13h na Casa da Cultura allaricense, comezando coa "contada obradoiro Luuume!, coa Editorial Antela. Xa pola tarde, a Escola Infantil Estraloques desenvolve os obradoiros O teu lapis estraloqueiro e O pequeno monicreque (16h). Ás 18h, Romaniqueando descubrirá aos asistentes "os animais míticos de Galiza" e ás 19h, Magín Blanco pecha a xornada co seu concerto Gatuxo. Todo, con acceso libre e de balde.
A xornada procura "contribuír a mellorar as ferramentas que xa están a empregar as familias para fortalecer o uso do galego entre as crianzas mesmo en contornas adversas" cun programa que combina espazos lúdicos coa formación
A outra vertente, a formativa, está composta por obradoiros de crianza no Albergue dos Salesianos, todos eles xa co 100% das prazas cubertas. Os temas abordados son O uso do galego e as etapas psicoevolutivas, co pedagogo das escolas Semente Santiago Quiroga; Como enfrontar os problemas, co educador social Serxio Carreira e o profesor Miguel R. Carnota; e Experiencias nos grupos de socialización, con María Fernández Guede, avogada, Alice Afonso Crespo, fisioterapeuta, e Rute Pallares, xefa de produción, todas elas tamén nais. Durante toda a xornada celébrase, ademais, unha feira de empresas e entidades que traballan en galego, tamén con acceso libre no pavillón do IES de Allariz.
Explican dende A Mesa que con esta xornada a entidade busca "contribuír a mellorar as ferramentas que xa están a empregar as familias para fortalecer o uso do galego entre as crianzas mesmo en contornas adversas". Neste contexto, salienta a alcaldesa de Allariz, Cristina Cid, as institucións públicas teñen a obriga de "implicarse" porque "o noso deber é protexer, mimar e transmitir ás xeracións futuras o que as xeracións pasadas nos transmitiron a nós".