Metal e ‘indie’ sen levantar do asento: chegan as edicións XS do Resurrection e o Caudal Fest

Carteis do Resurrection Fest XS e das Noites do Caudal Fest CC-BY-SA Praza Pública

Angelus Apatrida, Lendakaris Muertos, Izal ou Amaral actuarán en Viveiro e Lugo con medidas de distanciamento e identificación dos asistentes

Entradas con asentos asignados e nominativas para poder contactar con cada persoa en caso de necesidade e aforo máximo de 800 persoas. Non será a estética habitual dos concertos de rock e metal do Resurrection Fest de Viveiro ou de música indie do Caudal Fest de Lugo pero é o que haberá este ano para poder desfrutar, no primeiro, do 21 ao 30 de agosto, de grupos como Angelus Apatrida, Lendakaris Muertos, Crisix ou a banda tributo Gansos Rosas, e no segundo, do 3 ao 20 de setembro, de Izal, Amaral, M-Clan ou Dorian.

A diferenza doutros festivais de música que decidiron aprazar por completo as súas edicións deste ano, estes dous organizados pola mesma produtora, Bring the noise, e co patrocinio de diversas administracións, optaron por celebrar outro tipo de actuacións en formato XS, como as denomina para o caso do festival rock de Viveiro en contraposición co formato XXL habitual que atrae afeccionados ao metal de todo o mundo.

Cartel do Resurrection Fest XS © Resurrection Fest

O Resurrection emitirá ademais os días 28 e 29 unha "edición online" do festival con actuacións inéditas e entrevistas exclusivas

Na vila da mariña, á espera de que o próximo ano poidan pasar por alí as grandes bandas xa previstas como System of a Down, Korn ou Deftones, este ano do 21 ao 30 de agosto óptase por un ciclo de concertos de aforo reducido, uns de pagamento e outros gratuítos, nun recinto do Resurrection especialmente habilitado para garantir o distanciamento. Ademais, os días 28 e 29 de agosto retransmitirase por internet unha “edición online” do festival cun documental, actuacións inéditas e entrevistas exclusivas. As entradas póñense á venda este xoves 13 de agosto ás 12 do mediodía na páxina web do festival.

Os concertos en Lugo serán na praza de Augas Férreas e na contorna do auditorio Gustavo Freire

No caso do festival de Lugo, pasa a denominarse As noites do Caudal Fest e as actuacións repártense nos xoves, venres, sábados e domingos entre o 3 e o 20 de setembro. Os lugares elixidos serán espazos ao aire libre na praza de Augas Férreas e a contorna do Auditorio Municipal Gustavo Freire e as entradas xa están á venda tamén na web do festival.

Cartel de As Noites do Caudal Fest © Caudal Fest

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.