Moita música e homenaxes ás cantareiras en todo o país para celebrar o Día das Letras

Cidades e vilas de todo o país van acoller actos de celebración, centrados principalmente nas cantareiras e na poesía oral popular CC-BY-NC-SA Praza.gal

Durante toda a fin de semana -xa dende este venres- cidades e vilas de todo o país van acoller actos de celebración, centrados principalmente nas cantareiras e na poesía oral popular

Achégase o 17 de maio, o gran día das Letras Galegas. E durante toda a fin de semana -xa dende este venres- cidades e vilas de todo o país van acoller actos de celebración, centrados principalmente nas cantareiras e na poesía oral popular. O acto central terá lugar o sábado en Malpica, que acollerá un pleno extraordinaria da Academia Galega que contará coas intervencións de Ana Boullón, impulsora da candidatura; de Antón Santamarina, coautor do Cancioneiro Popular Galego; e do expresidente da RAG Xesús Alonso Montero. E, ademais, coa música das Tanxugueiras.

O sábado outra das citas centrais desta fin de semana será a manifestación convocada en Compostela pola plataforma Queremos Galego baixo o lema "Lingua Vital xa". Será unha "gran foliada pola lingua" na que se anima á xente a acudir con pandeiretas, percusión e "ánimo". Pero a axenda é moito máis ampla: estes son só algúns dos actos previstos.

Do Bertau é unha formación efémera creada expresamente para o concerto da Letras e que fusionará o legado tradicional cunha envoltura contemporánea © CCG

Este venres Carballo acolle o Concerto das Letras Galegas do Consello da Cultura Galega. Será unha ocasión única xa que o concerto correo a cargo de once artistas que conforman Do Bertau, unha formación efémera creada expresamente para este recital

En Santiago, este venres ás 12 do mediodía a USC celebrará o Día das Letras Galegas no Salón Nobre do Colexio de Fonseca nun acto presidido polo reitor Antonio López. No acto levarase a cabo a presentación do libro editado por USC Edicións Canta ti, cantarei eu. A poesía popular oral a cargo da profesora Ana Isabel Boullón Agrelo, editora e coordinadora do volume. A cerimonia contará ademais coa conferencia do académico ex presidente da Real Academia Galega e catedrático xubilado da USC, Xesús Alonso Montero, titulada ‘Poesía e sociedade no cancioneiro popular galego’.

Igualmente, na capital de Galicia, a Escola Municipal de Música celebra o Día das Letras Galegas cun faladoiro sobre as cantareiras a cargo de Olga Kirk: Cantar e contar, a voz das mulleres na tradición galega.

Tamén este venres Carballo acolle o Concerto das Letras Galegas do Consello da Cultura Galega, coas entradas xa esgotadas. Comparsas, xotas, pasodobres e outros cantos tradicionais conforman un programa que homenaxea ás cantareiras e á literatura popular oral. Será unha ocasión única xa que o concerto correo a cargo de once artistas que conforman Do Bertau, unha formación efémera creada expresamente para este concerto e que fusionará o legado tradicional cunha envoltura contemporánea.

Así mesmo, no Museo do Pobo Galego pode aínda visitarse a exposición Cantareiras, unha mostra para "celebrar, difundir e dignificar este valiosísimo legado patrimonial" que combina os propios arquivos do museo cos de Alan Lomax e o CSIC e unha trintena de persoas vencelladas na actualidade á música tradicional

Na Coruña hai unha ampla programación de actividades, na que destaca o acto convocado pola AELG en colaboración coa A. C. Alexandre Bóveda, será o domingo 18 ás 12 horas no Teatro Rosalía de Castro. Anímase a ler, ou cantar, un texto de poesía popular ou calquera texto sobre a lingua galega. Ademais, realizarase alí mesmo un obradoiro no que se aprenderán tres pezas do repertorio das homenaxeadas este ano; estará dirixido por Marta Pumares, pandeireteira e grande coñecedora da música tradicional.

Cartel da Festa das Letras organizada polo Concello da Coruña © Concello da Coruña

Na Coruña o Concello organiza un gran número de eventos, marcados sobre todo pola presenza da música nun gran número espazos da cidade. Destacan os concertos do Campo da Leña, con Ortiga, Belém Tajes ou Eris Mackenzie, e a foliada que terán lugar nos Xardíns de Méndez Núñez

Na cidade herculina o Concello organiza un gran número de eventos, marcados sobre todo pola presenza da música nun gran número de prazas e espazos da cidade. Destacan os concertos do Campo da Leña, con Ortiga, Belém Tajes ou Eris Mackenzie. E tamén a presenza de Treixadura no Teatro Colón ou a foliada que terá lugar nos Xardíns de Méndez Núñez con Cantigas da Terra, Aturuxo, Donaire, Maghua, Son d’Aquí ou Xacarandaina, este venres pola noite.

En Pontevedra, este venres ás 19.30 terá lugar na Praza da Ferraría o Concerto das letras. Ás oito, partirá dende a Praza da Peregrina unha ruada que incluirá unha ofrenda floral a Castelao e a actuación de Polavila. Finalmente, ás dez da noite a Praza da Pedreira acollerá os concertos de Regueifa Tour, Cuarta Xusta e Teta`s Van.

En Ourense, este sábado Vilanova dos Infantes acolle a XXII edición da Romaría Raigame

En Ourense, este sábado Vilanova dos Infantes acolle a XXII edición da Romaría Raigame, que se converte no “punto de maior concentración de visitantes” da provincia nesta xornada, como desta a Deputación. Nesta ocasión toma como tema central a poesía popular oral. Entregarase o premio honorífico “Adolfo Enríquez” as cantareiras das aldeas dos concellos de Avión e Beariz, principalmente en Liñares, onde dende principios dos anos 80 o grupo Castro Floxo, hoxe integrado na Escola de Danza da Deputación, realizou traballos de campo, e recolleu material co que se editou o primeiro volume do Cancioneiro popular da provincia de Ourense en 1997.

Cartel do acto das Letras organizado pola AELG e a ACAB © AELG

En Lugo este venres actúa Abraham Cupeiro no Auditorio Municipal Fuxan Os Ventos

En Lugo este venres actúa Abraham Cupeiro no Auditorio Municipal Fuxan Os Ventos. Será ás 18.30 e ás 21 horas. O sábado o Instituto de Estudos Ulloáns, coa colaboración do Concello de Palas de Rei, celebrará o Día das Letras Galegas 2025 no castelo de Pambre, nun acto organizado pola Sección de Literatura e toponimia do IEU, coordinada por Fernando García Penas e Andrea Santiso.

Finalmente, en Vigo destaca o venres na Praza do Rei a actuación da Escuela Municipal de Danza e Percusión Tradicional E xa o sábado ao mediodía na Porta do Sol o espectáculo poético-musical Cantigaéverso, de Castro & Welicki

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.