Monta unha foliada na casa con Carmucha, o trebello dixital para crear música tradicional

Carmucha VST preséntase como "a primeira ferramenta de percusión galega completamente libre e de balde" © Carlos P. Lijó

A aplicación, desenvolvida polo coruñés Carlos Lijó e MOB Studios, pódese descargar de balde e ofrece ritmos de pandeireta, tamboril ou pandeiro para que poidan ser mesturados con estilos contemporáneos, practicar pasos de baile ou ensinar en calquera aula

Dende hai anos existen un gran número de ferramentas dixitais que permiten facer música na casa, no ordenador en case todos os estilos. Dende hai uns días, ademais, está dispoñible un trebello que achega a percusión tradicional galega ao mundo da produción musical moderna. Carmucha VST, desenvolvida polo coruñés Carlos Lijó e MOB Studios, preséntase como "a primeira ferramenta virtual de percusión galega".

A aplicación que se pode descargar de balde dende o pasado venres 5, ofrece ritmos de pandeireta, tamboril ou pandeiro para que poidan ser mesturados con estilos contemporáneos, practicar pasos de baile ou ensinar en calquera aula. O seu creador destaca que se trata dun "proxecto independente e sen ánimo de lucro cuxo único obxectivo é poñer en valor a cultura galega a través da tecnoloxía e homenaxear a todas aquelas persoas que mantiveron viva a tradición durante xeracións". 

“A idea é poñer ao dispor do mundo da produción musical moderna os nosos ritmos tradicionais e que calquera creador poida mesturalos con estilos contemporáneos de maneira fácil”, explica Carlos Lijó

“A idea é poñer ao dispor do mundo da produción musical moderna os nosos ritmos tradicionais e que calquera creador poida mesturalos con estilos contemporáneos de maneira fácil”, explica Carlos Lijó. “Carmucha VST” tamén está pensado para facilitar o traballo daqueles profesores de baile á hora de que os seus alumnos e alumnas practiquen os pasos e tamén para ensinar os ritmos de pandeireta, tamboril ou pandeiro nas aulas. 

Lijó conclúe que Carmucha VST "representa un paso adiante na preservación e difusión da música tradicional galega, combinando tradición e tecnoloxía".

Lijó conclúe que Carmucha VST "representa un paso adiante na preservación e difusión da música tradicional galega, combinando tradición e tecnoloxía"

A ferramenta está dispoñible en versións VST, AU e Standalone para Windows e Mac, permitindo aos músicos e produtores explorar máis de 250 patróns rítmicos, que inclúen muiñeiras, xotas, pasodobres e rumbas. Carmucha ofrece dúas seccións principais: a Foliada, que simula unha foliada real con todos os instrumentos xuntos e un panel de mesturas para controlar volume, paneo e canal de cada instrumento; e a sección de Instrumentos individuais, que permite seleccionar e reproducir un a un diferentes instrumentos de percusión galega, como pandeiretas, tamborís, pandeiro e bombo.

Captura de pantalla da aplicación Carmucha VST ©

Carmucha ofrece dúas seccións principais: a Foliada, que simula unha foliada real con todos os instrumentos xuntos e un panel de mesturas; a sección de Instrumentos individuais

Calquera usuario da aplicación poderá acceder a patróns rítmicos galegos (muiñeira, pandeirada…) e arrastralos facilmente a calquera secuenciador, dispoñendo de controis dinámicos para personalizar cada golpe (ataque, volume, cola…). Tamén ofrecen efectos integrados (reverb, compresor ou ecualización). 

Outra das características é que eses patróns se presentan en dobre formato: VST, para o seu uso en programas de produción musical e Standalone, como aplicación independente, especialmente útil para o seu uso na práctica do baile, adaptable á velocidade que se desexe.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.