O 40% do sector cultural galego aumentou os seus ingresos e a súa audiencia en 2025

Público dun concerto nun festival en Galicia CC-BY-SA Xunta

"Máis público, máis actividade, maior produción e perspectivas favorables para o futuro", é o resumo que o Consello da Cultura Galega (CCG) fai sobre a situación dun sector cultural galego "consolidado pero moi condicionado polo incremento dos custos". 

O 'Barómetro da Cultura Galega 2026' amosa un sector que traballa máis aínda que iso non se traduza en máis ingresos polos elevados custos

É o contexto que reflicte o Barómetro da Cultura Galega 2026, elaborado polo Observatorio da Cultura Galega (OCG) do CCG a partir dunha mostra de 829 entidades de todos os ámbitos da cultura galega. “Amosa unha mellora real pero sen facer unha lectura triunfalista” apuntou a presidenta do CCG, Dolores Vilavedra, durante arolda de presentación do documento este venres. 

Canda ela, Håkan Casares Berg, membro da comisión asesora do OCG, que destacou que “aínda que o sector traballa máis, non se traduce en máis ingresos debido aos elevados custos que ten para desenvolver a súa actividade”

Dolores Vilavedra e Håkan Casares, na presentación do 'Barómetro da Cultura Galega 2026' CC-BY-SA Tere Navarro / CCG

Ademais, o estudo revela que, por primeira vez, máis da metade das entidades non solicitaron axuda pública e salienta o papel do galego como un "activo importante" para o sector.

Case a metade do sector aumentou a súa produción ou carga de traballo en 2025 e o 41,7% das entidades din ter incrementado a audiencia

Segundo o informe, o 49,4% das entidades incrementou a súa produción ou carga de traballo durante 2025, fronte a só un 10,3% que experimentou unha redución. A valoración deste indicador sitúase en 3,52 puntos sobre 5, un dos mellores rexistros da serie. Tamén medran os públicos e usuarios. O 41,7% das entidades culturais declara ter aumentado a súa audiencia nos últimos doce meses, mentres que o 46,1% mantivo niveis estables.

"Sectores como os museos, as bibliotecas, os medios audiovisuais, os arquivos e as asociacións culturais destacan especialmente polo incremento da participación cidadá e unha valoración máis positiva da súa evolución recente", destaca o CCG. No caso dos museos, por exemplo, o 63,3% afirma que mellorou a súa situación durante 2025 e o 66% incrementou os seus públicos. 

Os resultados do informe "describen un sector máis activo e cunha recuperación ou expansión moderada dos públicos". Ademais, o 39,6% das entidades aumentou os seus ingresos ou orzamentos durante 2025, case o dobre das que rexistraron descensos (20,5%)

O 40% das entidades culturais aumentaron os seus ingresos ou orzamentos fronte a un 20% que rexistraron descensos

A recuperación é especialmente visible se se compara coa edición anterior do Barómetro. Nesa liña, o 80,2% das entidades considera que a continuidade da súa actividade está bastante ou moi garantida nos próximos dous ou tres anos. 

A maioría das entidades perciben unha evolución favorable da súa situación e encaran o futuro con optimismo prudente. Case a metade das entidades culturais galegas (47,9%) afirma que a súa situación mellorou ou mellorou moito durante 2025, fronte a só un 12,1% que considera que empeorou. 

Dolores Vilavedra e Håkan Casares, na presentación do 'Barómetro da Cultura Galega 2026' CC-BY-SA Tere Navarro / CCG

Con todo, o informe destaca que a cultura galega "non funciona como un bloque homoxéneo", no que conviven entidades de moi diferente tipo (administracións, entidades sen ánimo de lucro, equipamentos culturais, proxectos de produción…) que condiciona a súa evolución económica. 

O 90% das entidades culturais desenvolven algunha parte da súa actividade en galego: o 56% din que máis da metade e case un terzo fan todo na lingua propia

A suba dos custos e a contención dos prezos finais é outra das situacións máis destacadas, de tal xeito que se producen “marxes estreitas e cunha capacidade limitada para acumular recursos, investir ou reforzar estruturas”. No eido laboral, o informe conclúe que o reto laboral pasa por unha “combinación de custos laborais, dificultade para atopar perfís profesionais e capacidade real das entidades para incorporarse, reter e remunerar adecuadamente o persoal que precisan”.

O galego é un activo

O Barómetro destaca, ademais, a "fortaleza do galego como lingua de creación, produción e difusión cultural". O 90,1% das entidades culturais galegas declara desenvolver algunha parte da súa actividade ou volume de negocio en galego. Ademais, o 55,7% afirma que o galego está presente en máis da metade da súa actividade e o 46,7% supera o 75%. Especialmente significativo é que o 31,6% das entidades desenvolve o 100% da súa actividade cultural en galego

O informe salienta que "o galego ten unha presenza transversal" no conxunto do sector e sinala que esta presenza é particularmente intensa nos ámbitos públicos, asociativos, educativos, patrimoniais e de mediación cultural. Ademais, a media de actividade en galego alcanza o 63,1%, un dato que confirma o papel central da lingua propia como elemento vertebrador da cultura galega contemporánea.

Máis da metade das entidades culturais declara non ter solicitado ningunha axuda pública

No estudo recóllense as diferentes fórmulas que a administración emprega en relación co sector (incentivos fiscais, simplificación administrativa, regulación, axudas….) e conclúe que “o apoio público segue sendo estrutural pero debe deseñarse con instrumentos diferenciados e adaptados á realidade do tecido cultural”. Tamén indica que, “por primeira vez na serie, máis das metade das entidades – o 51,2%- declara que non solicitou ningunha axuda pública” e que descende a porcentaxe de entidades que solicitan e obteñen subvencións – do 47,9% ao 44,2%-. Ademais, a maior parte das entidades beneficiarias recibiron axudas inferiores aos 10.000 euros e só o 20% recibe máis de 50.000 euros. 

A valoración do apoio prestado polas administracións públicas ao sector cultural presenta diferenzas: o nivel estatal obtén a puntuación media máis baixa -3,35-, sitúase de seguido a administración autonómica -4,63-, mentres que o nivel local, formado por concellos e deputacións, recibe a valoración media máis elevada -4,80-.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.