O día que García Lorca escribiu unha canción de berce en galego que lera nun libro de Rosalía

Manuscrito en galego de García Lorca, procedente dunha conferencia do poeta, pronunciada en Madrid en 1928, catro anos antes de que o granadino iniciase a creación dos seus poemas galegos © Alvarellos

O manuscrito recolle catro versos dun arrolo ou canción de berce procedentes do cancioneiro popular galego, que García Lorca escribe, pode que de memoria, nunha conferencia pronunciada en 1928 na Residencia de Estudiantes de Madrid, catro anos antes de que iniciase a creación dos seus poemas galegos

Dende hai uns anos vén celebrándose o 25 de outubro o Día de García Lorca en Galicia, conmemorando o aniversario da primeira ocasión en que o poeta granadino chegou a Santiago. Fíxoo na noite do 25 de outubro de 1916. O poeta e o grupo de estudantes co que viaxaba viñan de Redondela en tren (anteriormente estiveran en Ourense) e baixaron na estación de Cornes (daquela pertencente ao Concello de Conxo). Foron recibidos polas autoridades da cidade e polo reitor da Universidade, recoñecendo o carácter pioneiro desta actividade: unha excursión de estudo que cruzou toda España, de Granada ata Galicia.

A conmemoración iniciouse no ano 2016, cando se cumpría exactamente un século daquel momento e do inicio dunha relación entre o poeta e Galicia, á que lle dedicou un gran número de escritos, chegando a compoñer os Seis poemas galegos que coñecemos, coa axuda de Guerra da Cal e Blanco Amor.

García Lorca, en Vigo Dominio Público Imaxes custodiadas no Institut Valencià de Cultura

Dende hai uns anos vén celebrándose o 25 de outubro o Día de García Lorca en Galicia, conmemorando o aniversario da primeira ocasión en que o poeta granadino chegou a Santiago

Este ano celébrase a sexta edición deste Día de García Lorca en Galicia (que ficou adiado durante a pandemia) coa publicación dun manuscrito en galego do poeta, procedente dunha conferencia que o granadino pronunciou en Madrid en 1928, catro anos antes de que iniciase a creación dos seus poemas galegos. O documento é difundido polo editor e escritor Henrique Alvarellos, un dos grandes impulsores desta celebración e autor, entre outros, do libro Federico García Lorca en Santiago de Compostela (Alvarellos Editora, 2020).

O manuscrito recolle catro versos dun arrolo ou canción de berce procedentes do cancioneiro popular galego, que García Lorca escribe, pode que de memoria, nesa conferencia pronunciada por vez primeira o 13 de decembro de 1928 na Residencia de Estudiantes de Madrid, co título 'Canciones de cuna españolas. Añada. Arrolo. Nana. Vou veri vou'. Unha conferencia coñecida, que foi estudada e publicada, entre outros, por Chistopher Maurer, un dos especialistas no poeta máis prestixiosos.

O documento é difundido polo editor e escritor Henrique Alvarellos e "representa a que probablemente sexa a primeira vez que Lorca se atreve a escribir (ou transcribir, neste caso) en galego"

Henrique Alvarellos destaca que probablemente é a primeira vez que este manuscrito (a páxina oitava do texto completo da conferencia) se mostra ao público. O documento chega a nós grazas ao Arquivo da Fundación Federico García Lorca de Granada, agradecemento que Alvarellos estende a Laura García-Lorca, sobriña do poeta e presidenta da Fundación.

O documento "representa a que probablemente sexa a primeira vez que Lorca se atreve a escribir (ou transcribir, neste caso) en galego", destaca Henrique Alvarellos, que subliña que "o poeta andaluz ten un coñecemento pasivo da nosa lingua, é dicir, adquirido por lecturas atentas da nosa tradición literaria (dende os cancioneiros medievais ata o Rexurdimento e mesmo os contemporáneos galegos), mais sentindo unha especial admiración por Rosalía de Castro, a quen por certo chega a imitar directamente cando comeza a escribir os seus primeiros versos". 

Lorca e outros membros de 'La Barraca', na Coruña en 1932 © Juan Cancelo / Alvarellos Editora

"O poeta andaluz ten un coñecemento pasivo da nosa lingua, é dicir, adquirido por lecturas atentas da nosa tradición literaria mais sentindo unha especial admiración por Rosalía de Castro, a quen por certo chega a imitar directamente cando comeza a escribir os seus primeiros versos", di Alvarellos

Velaquí os catro versos populares que Lorca escribe, posiblemente de memoria, e repite na conferencia:

Ora, ora, niño miu.

Quién te ha de darla teta

si tu mai está no muíño

y tu pai na leña seca.»

Alvarellos pide desculpar "todas as grallas, castelanismos ou imperfeccións do seu galego" e valorar "na súa dimensión, esta breve achega". O editor sinala que Lorca "evidentemente non chegaría a falar galego (que saibamos) pero tiña dentro as horas de lectura atenta dos nosos clásicos" e, sobre todo "esa verdadeira conexión literaria e vital que estableceu con Rosalía de Castro".

Este arrolo procede dos Cantares Gallegos, unha mostra polo tanto da importancia que para o poeta tivo non só a lingua galega senón a obra de Rosalía

De feito, este arrolo procede dos Cantares Gallegos de Rosalía, en concreto do Cantar nº 20, que empeza así: "Ora, meu meniño, ora, / ¿quen vos ha de dar a teta, / si túa nai vai no muíño, / e teu pai na leña seca?". Un cantar ou arrolo "ben popular xa daquela no país, e que hoxe, coas súas variantes, pervive nas nosas xentes", destaca Alvarellos.

"Que este breve manuscrito que aquí presentamos sirva, en fin, para lembrar unha vez máis que o achegamento de Lorca á nosa cultura non foi capricho transitorio senón profunda e prolongada inmersión no mundo galego", pide Alvarellos, que fai fincapé na demostración da importancia que para o poeta tivo non só a lingua galega senón a obra de Rosalía de Castro.

‘Noiturnio do adolescente morto’, incluído nos Seis poemas galegos de Lorca ©

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.