Hai corenta e dous anos, o crego Alfonso Blanco Torrado, alma da asociación cultural Xermolos, foi un dos que dixo por primeira vez aquilo de “vinde merendar a Pardiñas!”. Nacía así un dos festivais máis singulares do país, que leva no nome a palabra "festival", mais tamén os 'apelidos' de Feiras e Festa da Música e da Arte.
Por segundo ano consecutivo, o histórico festival adapta a súa programación ás restricións da COVID-19 espallándose durante dúas fins de semana de agosto en diversas localizacións de Guitiriz
O último festival de Pardiñas antes da pandemia, o de 2019, serviu para celebrar o cuadraxésimo aniversario do evento. Aquel Pardiñazo tivo un aquel de sublimación de todo o que representa o festival de Pardiñas, unha apoteose antes de que a COVID obrigase a pisar o freo, pero non a parar.
En 2020, ante a imposibilidade de celebrar o festival no seu formato habitual, Xermolos espallouno durante todas as fins de semana de agosto por varias localidades da contorna. Non houbo multitudes no histórico campo da festa ao carón do balneario de Pardiñas, nin concertos masivos ata a madrugada. Tampouco as merendas polas leiras que a veciñanza cede cada comezo de agosto. Pero, así e todo, Pardiñas resistiu: "Concibimos a cultura como unha ferramenta contra outras pandemias, como a da desigualdade, por iso cremos que ante o coronavirus tampouco podemos baixar as forzas", evocaba Alfonso Blanco.
Pardiñas espallouse para resistir no 2020 e vólveo facer neste 2021. Tras a presentación celebrada o pasado 1 de agosto, este venres, día 6, o festival detense no campo da feira de Guitiriz co pregón de Luz Fandiño e as músicas de Aire Xulia e Tiruleque. O sábado, no recinto da feira de Parga, Camilo Regueiro pregoa a vixésimo oitava mostra de instrumentos de música tradicional de Pardiñas e soarán Galicia Fiddle e Airiños a Freba.
Citas emblemáticas como a mostra de instrumentos tradicionais ou a feira de artesanía mantéñense na versión expansiva de Pardiñas, que tamén inclúe concertos para os que é preciso anotarse con anterioridade
O domingo 8, a que sería a fin de semana tradicional do festival finalizará na feira de Parga coa mostra de artesanía, a música de Brassica Rapa ou o aberto de billarda. Tamén con espazo para xantar polbo e churrasco, sempre gardando as distancias. Neste sentido, Xermolos lembra que para asistir aos concertos cómpre anotarse previamente por correo electrónico (concertospardinhas2021@gmail.com). Todas as indicacións, no sitio web da asociación.
A nova edición expansiva de Pardiñas continúa a finais de mes. O venres 27, de novo no campo da feira de Guitiriz con Asubíos da Chaira, Backwest e Guezos. O día 28, outra volta en Guitiriz, a infancia será protagonista co espectáculo de Paco Nogueiras, con cinema ou coa entrega de premios do certame Terra Chá de creación infantil e xuvenil que sempre acompaña ao festival. High Paw e Sabino pecharán a xornada con música e, xa o domingo, Os Carunchos farán o seu "pasaaldeas" polos barrios de Pardiñas antes dunha sesión vermú na escola de Pardiñas. Se cadra, como un primeiro paso para regresar xa en 2022.