O Museo Provincial de Lugo vén de inaugurar unha mostra fotográfica que reúne 52 imaxes tomadas polo fotoxornalista Xan Carballa durante o regreso a Galiza dos restos de Castelao, o 28 de xuño de 1984
O Museo Provincial de Lugo vén de inaugurar a mostra fotográfica Castelao. O retorno a Galicia, 1984, que reúne 52 imaxes tomadas polo fotoxornalista Xan Carballa durante o regreso a Galiza dos restos de Castelao, o 28 de xuño de 1984.
Durante a inauguración, Xan Carballa e o comisario da mostra, Xosé Enrique Acuña, detallaron e contextualizaron as fotografías que documentan o acontecido nesa xornada, precedida, segundo lembraron, do debate arredor da oportunidade da volta a Galiza de Castelao polo contexto político no que se producía.
![](https://praza.gal/storage/uploads/img-9304-1-67c2b98.jpeg)
A selección das fotografías reflexa, segundo explicou Xan Carballa, as múltiples sensibilidades que se concentraron aquela tarde en Compostela e a improvisación coa que se desenvolveu o acto
A selección das fotografías reflexa, segundo explicou Xan Carballa, as múltiples sensibilidades que se concentraron aquela tarde en Compostela e a improvisación coa que se desenvolveu o acto, que confrontou coa cerimoniosidade e as honras coas que volveran do exilio Tarradellas ou Leizaola.
A mostra inaugurada este sábado e que estará aberta ata o 30 de marzo, forma parte da programación conmemorativa “75 cabodano de Castelao (1950-2025)” coa que o Museo Provincial de Lugo difunde o legado artístico e político de Castelao no primeiro trimestre deste ano, coa colaboración de diferentes institucións galegas.
Outro dos proxectos expositivos que pode verse estes días no Museo é a mostra bibliográfica “75 anos da sinatura de As cruces de pedra na Galiza”, que conmemora o setenta e cinco aniversario da publicación desta obra que Castelao asinou días antes de falecer, no exilio, en Arxentina.
Ademais, está prevista a celebración de dous relatorios: o día 20 de febreiro, o Museo Provincial de Lugo acollerá unha ponencia de Fernando Arribas sobre as achegas de Castelao aos comezos da investigación científica dos cruceiros; o día 28 de febreiro, celebrarase a II Xornada dedicada á vixencia de Castelao na arte e no pensamento galego, coordinada por Pilar García Negro e Aurelia Balseiro, con intervencións de Miguel Anxo Seixas, Iria-Friné Rivera, Victoria Carballo Calero, Diana Vila Meis e Francisco Rodríguez.
O Museo Provincial de Lugo conserva entre os seus fondos unha colección de trinta obras de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (Rianxo, A Coruña 1886 - Bos Aires, Arxentina 1950), exposta integramente ao público. Unha sala monográfica adicada ao artista dende o ano 2010, onde se recollen debuxos, gravados realizados con diversas técnicas e unha acuarela, feitos na súa maioría nos anos vinte do século XX, ubicada na sala 25 da primeira planta e dous óleos sobre cartón, “Asno e gaivotas” e “Paisaxecon castiñeiro”, que se poden ver na sala 13 dedicada ás Vangardas Históricas e Arte da posguerra.