O sector cultural galego reclama da Xunta un "trato igualitario" para poder traballar no tempo da pandemia

Teatro Rosalía de Castro da Coruña © Concello da Coruña

As asociacións profesionais vinculadas ás artes escénicas, os festivais de cinema, a música e a xestión cultural de Galicia veñen de publicar un manifesto conxunto no que solicitan á Xunta de Galicia un "trato igualitario", "menos restricións nos espazos" e protocolos de actuación "razoables e precisos" para poder desenvolver as súas actividades no marco da pandemia de coronavirus.

Denuncian "un trato discriminatorio con respecto a outros sectores produtivos con máis capacidade de presión"

A Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas (Escena galega), a Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), a Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC), a Asociación Galega de Salas de Música (Clubtura), a Coordinadora Galega de Festivais de Cinema (Proxecta), a Asociación Sindical de Profesionais Técnicos do Espectáculo (Tesgal), Músicas ao Vivo (MAV) e a Unión de Cooperativas de Galicia (Espazo Coop) denuncian "un trato discriminatorio con respecto a outros sectores produtivos con máis capacidade de presión" e reclaman unha xuntanza urxente coas Consellerías de Cultura, Sanidade e a Dirección Xeral de Emerxencias.

Edición 2020 do Vive Nigrán © Vive Nigrán

As oito entidades reclaman que "a cultura é segura" e que "os espazos e os eventos seguen sendo espazos libres de contaxios"

As oito entidades reclaman que "a cultura é segura" e que "os espazos e os eventos seguen sendo espazos libres de contaxios". "Somos profesionais, e que por riba de todo co noso traballo garantimos a seguridade e a protección dos traballadores e traballadoras e do público nos nosos eventos, cumprindo os protocolos estritamente", reivindican. Porén, critican que "a falta de claridade da normativa sanitaria aplicada, xunto coas restricións debidas a novos gromos en zonas localizadas, dificulta enormemente a celebración de eventos nos espazos e traslada á cidadanía unha mensaxe errónea de que a cultura non é segura".

Denuncian que nestes momentos "se están suspendendo espectáculos sen causa xustificada". E alertan das "gravísimas consecuencias" que teñen as cancelacións e aprazamentos nun sector como o da Cultura, "no que se van incrementando a marchas forzadas os niveis de precariedade", din.

"A cabida debe ser un 50% da capacidade do espazo (unha butaca polo medio en zigzag no caso de butacas fixas)", propoñen

No manifesto afirman que é necesario fixar "un único criterio claro e inequívoco de capacidade de 
espazos que non dea lugar a malinterpretacións" e elaborar plans de continxencia seguindo os mesmos criterios. Neste senso, piden que se especifique "con maior precisión" a cabida dos teatros, cines, auditorios, circos de toldo e espazos similares. "A cabida debe ser un 50% da capacidade do espazo (unha butaca polo medio en zigzag no caso de butacas fixas) ampliable ata un límite máximo do 75% en caso de asistencia de persoas convivintes, sempre e cando non existan motivos sanitarios que xustifiquen unha capacidade menor", sinalan

Así mesmo, solicitan equiparar as Salas de Concertos privadas, ou espazos con licenza similar, permitindo a celebración de concertos e outros eventos escénicos, aos espectáculos en espazos pechados, respectando as medidas que rexen para os teatros, o uso necesario de cadeiras e sempre nun horario que, contando o tempo de desaloxo da sala non supere nunca a unha da madrugada, tal como sucede cos restaurantes e outros establecementos de hostalaría.

Solicitan equiparar as Salas de Concertos privadas aos espectáculos en espazos pechados, permitindo a celebración de concertos e outros eventos escénicos

Finalmente, as oito entidades solicitan a todas as Administracións Públicas "que manteñan firme o seu 
compromiso coa cultura este ano e o vindeiro, coas partidas orzamentarias asignadas e respectando os compromisos adquiridos". E piden que en todos os contratos de interpretación artística e de espectáculos quede recollida a cláusula de cancelación, "de tal maneira que se son suspendidos ou resoltos, no caso de que a pandemia producida pola COVID-19 imposibilite a execución da actividade obxecto deste contrato, as partes buscarán unha alternativa de común acordo".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.