Os Bolechas contan agora a historia de Galicia

Escolares de Ordes e Frades, cos Bolechas na presentación dos seus libros e vídeos sobre a historia de Galicia, este 12 de decembro de 2024 no Museo Pedagóxico de Galicia, en Santiago © Bolanda

A piques de faceren 25 anos e con máis de 700 títulos publicados, a familia d'Os Bolechas non cansa. Ao contrario. Os personaxes creados por Pepe Carreiro emprenden agora unha nova aventura en 24 tomos e unha serie audiovisual para contar a historia de Galicia.

Na liña de seguir "ofrecendo á cativada de Educación Infantil e Primaria lecturas que reflictan os sinais de identidade da nosa terra", este 12 de decembro Edicións Bolanda presentou o novo proxecto da segunda biblioteca infantil d'Os Bolechas. Agora procuran "fomentar o interese polo coñecemento da nosa historia e os modos de vida dos nosos antepasados".

Presentación da biblioteca e serie d'Os Bolechas sobre a historia de Galicia no Mupega CC-BY-SA Xunta

A plataforma de contidos infantís e xuvenil da CRTVG, Xabarín.gal, ten xa publicados os primeiros sete capítulos da serie. A combinación de ambos soportes pretende "animar á lectura e ao consumo audiovisual galego e eng alego da nosa xente máis miúda", sinala o secretario xeral da Lingua, Valentín García. "Permitirá achegar de maneira lúdica e dende o galego á cativada e ás familias á nosa historia, persoeiros, tradicións e idiosincrasia.

Cunha biblioteca de 24 volumes e unha serie na plataforma infantil da CRTVG, o proxecto pretende "achegar dende maneira lúdica e dende o galego os nosos persoeiros e tradicións" ás crianzas a través dos personaxes infantís creados por Pepe Carreiro, "que se converteron nun símbolo da nosa identidade"

Na presentación, á que acudiron nenas e nenos de colexios de Ordes e Frades que ademais participaron en varios obradoiros, participou tamén o presidente da Caixa Rural Galega, entidade que colabora con proxectos d'Os Bolechas dende hai sete anos. Fano, sinala Manuel Varela, por ser "unha conexión profunda coa nosa cultura e coa nosa historia a través dos ollos duns personaxes que se converteron nun símbolo da nosa identidade e tradicións". Os Bolechas, sinala Varela, teñen o valor de "transmitir os valores culturais de Galicia ás novas xeracións", "preservan e comparten a cultura de Galicia", agrega. 

Na serie d'Os Bolechas sobre a historia de Galicia cada libro e episodio audiovisual céntrase nun episodio ou época concreta. Así, por exemplo, en Cando andabamos polo monte as crianzas achegaranse ao Paleolítico; en Cando pelexamos coas lexións romanas explican a romanización; en Cando fundamos un reino co pobo suevo percorren ese fito histórico e os seus reis ou en Cando inventamos o camiño de Santiago explican o mito xacobeo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.