As gañadoras foron escollidas entre 10 cancións galegas e outras tantas de Portugal
A edición deste ano dos premios aRi[t]mar xa teñen gañadores nas categorías de Mellor Canción do Ano 2021 na Galiza e Mellor Canción do Ano 2021 en Portugal. Os 5.500 votos emitidos polo público a través da Internet decidiron que fosen elixidas “Peixe”, de Xisco Feijóo, e “Andorinhas”, de Ana Moura.
Os temas triunfadores foron seleccionados entre dez músicas galegas finalistas e outras tantas portuguesas. A segunda e terceira cancións máis votadas na categoría galega foron, respectivamente, “Pobo de Artistas” de Dakidarría, e “Maneo de Cambre”, de Caamaño&Ameixeiras. Na categoría lusa, a segunda e terceira cancións máis votadas foron “Estou por tudo”, de Miguel Araújo, e “Eco”, de Carolina Deslandes.
Houbo 5.500 votos emitidos polo público a través da Internet
aRi[t]mar é un proxecto didáctico e cultural da Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela, pertencente à Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, e que ten por obxectivo divulgar a música e a poesía galego-portuguesa actuais e achegar a cultura e a lingua dos dous países, no marco da Lei Valentín Paz-Andrade para o aproveitamento do ensino do portugués e vínculos coa lusofonía.
“Peixe” dá nome ao primeiro traballo discográfico de Xisco Feijóo en solitario. Este bailador, coreógrafo, presentador de televisión, mestre e cantor ten participado en máis de vinte traballos e presentacións de artistas de proxección internacional como Mercedes Peón, Xosé Manuel Budiño, Carlos Núñez, Kepa Junquera, Berrogüetto ou Rodrigo Romaní.
Mentres, “Andorinhas” é o primeiro tema do novo camiño que a fadista máis exitosa do presente século, Ana Moura, botou a andar tras romper coa súa casa discográfica e comezar a crear e producir música dun xeito máis diverso e independente. “Andorinhas” é mostra desta nova senda, basculando entre unha voz sentida de fadista e unha envolvente musical que, sen deixar de recordar á música nacional lusa, tamén se achega a ritmos contemporáneos coma o da electrónica.
aRi[t]mar é un proxecto didáctico e cultural da Escola Oficial de Idiomas de Santiago que ten por obxectivo divulgar a música e a poesía galego-portuguesa actuais e achegar a cultura e a lingua dos dous países
As 10 cancións finalistas na categoría de Mellor Música do 2021 en Galicia eran: Luar (Baiuca feat. Lilaina), O Samil é Portugal (Os Vacalouras mais Quim Barreiros), Maneo de Caión (Sheila Patricia), Maneo de Cambre (Caamaño&Ameixeiras feat. Sílvia Pérez Cruz + Carola Ortiz), Casa deshabitada (Moel feat. Guadi Galego), Emerxencia: Freixo (Davide Salvado e Abe Rábade), Pobo de artistas (Dakidarría ft. Tanxugueiras e O Rabelo), Outras Lérias (Ukestra do Medio), Somos a pedra (Os d'Abaixo) e Peixe (Xisco Feijoó).
As 10 cancións finalistas na categoría de Mellor Música do 2021 en Portugal foron: Areia Fina (Tiago Nacarato & Fran), Estou por Tudo (Miguel Araújo c/ Cláudia Pascoal), Andorinhas (Ana Moura), Este Meu Jeito (Elisa), Cidade (Bárbara Tinoco x Bárbara Bandeira), Mãe (Mariza), Eco (Carolina Deslandes), Sou Como Sou (Ana Bacalhau), Ready [Mulher Batida] (Orelha Negra com A Garota Não) e Purga (Rita Vian).