Os examinadores da candidatura de Galicia e Portugal consideran que a súa “combinación de radio, educación e patrimonio cultural” é un modelo exportable a outros territorios pois “fomenta a paz e o entendemento cultural"
Ponte... nas Ondas!, que leva máis de 25 anos traballando na divulgación do patrimonio inmaterial galego-portugués, vén de superar o último trámite previo para entrar no rexistro de boas prácticas na defensa do patrimonio da UNESCO. O órgano de avaliación acaba de emitir informe favorable [aquí o documento] á candidatura conxunta de Galicia e Portugal, polo que recomenda que a proposta sexa inscrita, algo que se decidirá no 17 Comité Intergubernamental que se celebrará en Rabat do 28 de novembro ao 3 de decembro.
A Xunta salienta que “catro candidaturas de todo o mundo aspiran a obter este recoñecemento” e que “para Galicia sería a primeira distinción nesta materia”. No informe da candidatura galaico-portuguesa os examinadores felicitan aos responsables “por un arquivo ben preparado que destaca a participación”.
Ponte... nas Ondas naceu hai máis de 25 anos nas escolas de Salvaterra de Miño e Monção e desde entón non deixou de medrar. Co impulso da Asociación Cultural e Pedagóxica do mesmo nome, o seu obxectivo “é salvagardar o patrimonio cultural inmaterial na fronteira portuguesa-galega mediante a creación de espazos nos que o patrimonio pode practicarse e transmitirse ás xeracións máis novas”, indica o informe.
Este modelo de ensinanza bota man das tecnoloxías da información e as comunicacións, nomeadamente da radio, na súa aplicación. Precisamente, en opinión dos examinadores da Unesco, “a combinación de radio, educación e patrimonio cultural é unha fórmula eficaz de salvagarda” nas escolas a ambos lados da fronteira galego-portuguesa.
Isto, afirman , “permitiu que os mozos se impliquen nas súas propias tradicións” e “crea conciencia sobre a importancia do patrimonio cultural inmaterial”. Para logralo ao longo deste tempo concorreron factores como a formación do profesorado, a presenza de especialistas, o uso das tecnoloxías da información e os recursos radiofónicos.
“A integración da cultura intanxible no sistema educativo é outro resultado efectivo e factible do proxecto”, conclúe o informe, no que se subliñan os esforzos por un “desenvolvemento social inclusivo, o diálogo intercultural e a igualdade de xénero”.
Así mesmo, consideran que Ponte... nas Ondas! “fomentaría a paz e a cooperación entre sociedades de diferentes países”, especialmente en comunidades transfronteirizas en países en desenvolvemento. Por iso, opinan que o modelo é exportable a nivel internacional.