Pontevedra abre a semana Feroz preparada para un aluvión de estrelas do audiovisual

Nos Feroz 2025 haberá en total 21 categorías que levarán o galardón o 25 de xaneiro en Pontevedra. CC-BY-SA Premios Feroz

Un aluvión de estrelas á beira do Lérez. Pontevedra encara a semana que culminará, o vindeiro sábado, coa entrega dos Premios Feroz no Pazo da Cultura. Con Casa en flames e Querer encabezando as candidaturas, a Asociación de Informadores Cinematográficos de España (AICE), que organiza os galardóns, e o Concello de Pontevedra, xa teñen confirmada unha ampla nómina de representantes do sector audiovisual que desfilarán pola alfombra vermella dende as seis e media da tarde do sábado para acudiren á gala que botará a andar ás dez da noite coa presentación a cargo de La Dani.

Os equipos de 'Casa en flames' e 'Querer', producións con máis candidaturas, encabezan as presenzas confirmadas na gala que se celebra este 25 de xaneiro no Pazo da Cultura

Os responsables da película e a serie con máis candidaturas (8 Casa en flames e 7Querer) confirmaron xa que acudirán o seu director e directora, respectivamente, así como gran parte dos seus equipos. Así, a comedia dramática que é posible ver en Netflix estará representada polo seu director, Dani de la Orden e mais polo guionista Eduard Sola xunto a actrices e actores como Emma Vilarasau, Macarena García, María Rodríguez Soto, e Enric Auquer. Pola serie de Movistar acudirán a Pontevedra a directora, Alauda Ruiz de Azúa, con  Nagore Aranburu, Pedro Casablanc, Miguel Bernardeau, Iván Pellicer e Loreto Mauleón.

A gala dos Feroz en Pontevedra estará presentada por La Dani -na imaxe, con María Guerra e Miguel Anxo Fernández Lores, na presentación dos premios no Festival de Donosti- © Concello de Pontevedra

La habitación de al lado buscará levar os seis premios aos que opta cun equipo encabezado por Pedro Almodóvar e mais por Alberto Iglesias, autor da banda sonora. Pola alfombra vermella do Pazo da Cultura pasarán igualmente Paula Ortiz, Najwa Nimri, Aixa Villagrán, Clara Roquet e María Zamora de ‘La virgen roja’ e Pilar Palomero, Patricia López Arnaiz, Julián López e Mariña Guerola, por ‘Los destellos’.

Pedro Almodóvar, Najwa Nimri, Candela Peña ou Carmen Machi estarán en Pontevedra para unha entrega de premios que xuntará os equipos dos filmes e series máis destacados do último ano. La 2 de TVE retransmite o acto ao vivo

No ámbito das series, algunhas das producións clave da temporada terán os seus rostros máis coñecidos na gala É o caso de 'Celeste', con Carmen Machi, Manolo Solo, Clara Sans, Andrea Bayardo, Diego San José, Elena Trapé e Fran Araujo; 'El caso Asunta', con Candela Peña, Tristán Ulloa, María León e Javier Gutiérrez; Iria del Río, Francesco Carril, Rodrigo Sorogoyen e Domingo Corral en representación de 'Los años nuevos' ou Roberto Gutiérrez, Pol López, Tamara Casellas, Alberto e Jorge Sánchez-Cabezudo e Manuel Jabois por 'Nos vemos en otra vida'.

Os Feroz tamén teñen previsto recibir na Boa Vila a Eduard Fernández (que opta a un premio por ‘Marco’ e protagoniza ‘El 47’); Anna Castillo e Rodrigo Cortés (‘Escape’); Arantxa Echevarría (‘La infiltrada’); Laura Weissmahr, Mar Coll e Zeltia Montes (‘Salve María’); Urko Olazábal (‘Soy Nevenka’); Mónica López (‘Rapa’); Pepe Lorente e Javier Macipe (‘La estrella azul’); Jose Mari Goenaga e Aitor Arregi (‘Cristóbal Balenciaga’); Jorge Ponce (‘Medina, el estafador de famosos’); Óscar de la Fuente e Fernando Velázquez (‘La casa’); Carlos Marques-Marcet e María Arnal (‘Polvo serán’) ou Julia de Castro e Gisèle Royo (‘On the Go’).

Veciñanza de Pontevedra, no acto de presentación das candidaturas aos premios, no Teatro Principal CC-BY-SA Premios Feroz

As candidatas e candidatos, xunto cunha ampla nómina de actrices, actores e representantes do audiovisual, entre eles o veterano cineasta Jaime Chávarri como Premio Feroz de Honra, serán recibidos en Pontevedra pola xornalista María Guerra canda o alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores. Na gala do Pazo da Cultura xa están confirmadas, asemade, representacións institucionais como a vicepresidenta segunda do Goberno de España e ministra de Traballo, Yolanda Díaz, ou o ministro de Cultura, Ernest Urtasun.

A gala, con guión de Diego Soto e Javier Durán, emitirase ao vivo ás dez da noite deste sábado por La 2 de Televisión Española e mais pola plataforma dixital da canle estatal, RTVE Play, con comentarios de Bob Pop. A canle de YouTube dos Premios Feroz retransmitirá ao vivo as chegadas da alfombra vermella cun programa conducido por David Martos e Mariona Borrull dende as 18h30.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.