"Que é o 'normal' e até que punto nos afecta nas nosas vidas?"

Carmen PG Granxeiro, cun exemplar de 'Estranxeiras' CC-BY-NC-SA Praza.gal / Cedida

Carmen P.G. Granxeiro gañou o II Premio Literario Pinto e Maragota pola Diversidade Sexual e de Xénero pola novela Estranxeiras (Xerais), unha historia do encontro, de vínculos entre mulleres como boa parte dos traballos feitos por esta mesma autora no campo do audiovisual. Os dereitos LBGT+, o ecoloxismo ou, en xeral, unha concepción do mundo baseada na cooperación, na escoita activa e no coidado vertebran a súa obra como escritora, realizadora, ilustradora, fotógrafa ou deseñadora gráfica. Falamos con ela. 

Estranxeiras é a historia de B., unha moza que deixa Berlín por un tempo para refuxiarse nunha aldea galega, e de Mara, unha muller que vai pasar o verán a casa familiar. Como xorden estas dúas personaxes?

Todo comezou con dous elementos. Por unha banda B. foi a primeira personaxe que apareceu na historia e a que a levou ao resto. Pola outra, sabía que quería localizar a historia no rural galego. Todo o demais foi chegando.

O título de novela alude á condición de estranxeiría de B., que é alemá, e tamén á de Mara, que ao longo da novela vive, coma a súa crianza, unha transición. En que sentido son estranxeiras estas personaxes?

Até o punto de que o título fai referencia a todes elis, nun emprego da palabra alén das fronteiras xeográficas… moito máis vencellada ao que implica cultural, social e identitariamente, claro. A identidade é un tema moi presente na miña vida como lesbiana e creadora e un dos temas centrais do meu novo traballo con Xácia Ceive, unha película de ficción documental titulada Alex and Munchie -contra o cisheteropatriarcado-.

Xácia Ceive como Alex e Carmen Granxeiro como Munchie CC-BY-NC-SA Praza.gal / Cedida

Mara ten unha relación especial coa súa tía Maruxa, que parece máis aberta no relativo á diversidade sexual ca os pais de Mara. Quixeches retratar un rural, nese aspecto, moito máis complexo do que pode indicar o estereotipo sobre o agro atrasado?

“En canto te achegas un chisco a unha realidade os estereotipos deixan de funcionar”

É que en canto te achegas un chisco a unha realidade os estereotipos deixan de funcionar. Teñen un uso importante mais moi limitado e en Estranxeiras escribo arredor de dous mundos -o galego, especialmente o rural; e o berlinés- que son parte da miña vida persoal, que coñezo ben. 

Prodúcese, ademais, unha forte mobilización veciñal contra un proxecto urbanístico totalmente especulativo. Por que aparece esta mobilización na túa novela?

Xusto cando estaba preparando a presentación, recapitulando xa cun bocado de distancia, atopei un pequeno conto que escribira con dez ou once anos e velaí estaba a historia da especulación urbanística, por suposto nomeada doutro xeito. Así que supoño que vén do inconsciente, mais loxicamente está fundamentada na miña vida adulta e tamén influída polo contacto que tiven co activismo local nesa materia, co Stop Desafiuzamentos e as vivencias da veciñanza do rural.

Maruxa comparte con Herminia un segredo relacionado coa liberación fronte ás normas do heteropatriarcado. Sendo mulleres, tamén, distintas, e de diferente xeración ca Mara e B. Que teñen en común estas catro mulleres e que as diferenza?

“Hai realidades que nos unen alén do previsible, en que transcendemos o que somos individualmente e nos entendemos coma parte dalgo máis amplo”

O feito mesmo de ser mulleres é o punto en común forte, mais tamén a súa posición social… De calquera xeito creo que hai momentos especialmente intensos nas nosas vidas que nos vencellan a xente coa que, en principio, poderiamos pensar que non encaixamos. Algo así tamén acontece na novela. Hai realidades que nos unen alén do previsible, en que transcendemos o que somos individualmente e nos entendemos coma parte dalgo máis amplo.

B. procede dun contexto social no que o queer, ou as relacións poliamorosas, son algo “normal”. En que sentido iso axuda no proceso de cambio de Mara? E ao revés, como a relación con Mara e coa aldea axudan a B. a reformularse cousas tamén? 

É unha das cousas que máis gozo de achegarme a realidades alleas á miña. Fante máis consciente do que implica ser quen es á hora de percibir o que nos rodea. As vidas de Mara e B. evolúen como o fan porque están interrelacionadas, a xente que nos rodea -e da que nos rodeamos- múdao todo, sempre… ou fai que sexa o que é.

Un dos temas que saen é o bullying. Nese caso, di Mara que non trata de saír gañando, senón de que ninguén saia perdendo. Que quere dicir?

Vai un pouco na liña de entender a sociedade máis coma un xogo cooperativo ca coma unha competición.

Tráiler de 'Alex and Munchie -contra o cisheteropatriarcado-'

En realidade, todo o teu traballo está relacionado. O documental Persoas S.A. fala tamén de diversidade sexual e de xénero, coma Estranxeiras. Tratando temas como a discriminación aberta e sutil, o binarismo…. Con que obxectivos fixeches este documental e como xurdiu?

Levaba tempo querendo facer algo similar e co inicio de todo este periplo que foi a Lei Trans souben que era o momento. Non quería ficar calada e poñíanme moi nerviosa todo eses debates ermos que estaban a ter lugar, cheos de violencia e sempre esquecendo as persoas. Coa pandemia tiven tempo de me sentar e sementar as bases. Falei coa Asociación Arelas cando aínda non tiña máis ca unha escaleta e logo fóronse sumando Avante LGBT+ Lugo, a xente do Agrocuir e moitas outras persoas que fixeron posible este relato colectivo. Creo que ten un obxectivo común con outros traballo que fixen e, de novo, especialmente con Alex and Munchi, o obxectivo da escoita activa. 

Un día normal cuestiona a norma social denunciando o machismo ou o racismo cos seus efectos na vida cotiá de moitas persoas. Coma Persoas S.A. usa imaxes de arquivo, branco e negro… Cal é a relación entre estes dous traballos documentais? En que sentido ambos cuestionan a “normalidade”?

No aspecto formal hai un estilo, se así o podemos chamar, que me caracteriza na edición. Nun documental tan diferente como Nun tempo de horta tamén está presente, malia que logo non teña nada que ver con estes outros traballos. Mais no temático creo que dás no cravo e, de feito, os dous parten da mesma premisa: que é o ‘normal’ e até que punto nos afecta nas nosas vidas?

Entre os teus traballos recentes tamén destaca Benvidas ao club, un documental gañador da biznaga de prata do festival de Málaga que fala da operación Carioca, é dicir, dos campos de concentración de mulleres que eran os clubs deste coñecido caso de trata e corrupción social e institucional. Que dificultades tiveches para facer este traballo? Que repercusión tivo? 

“Houbo varios atrancos á hora de proxectar Benvidas ao club nalgúns lugares. Atrancos políticos, partidistas máis ben”

No profesional esta curta deume un pulo que non agardaba e que agradecín moito, tamén ao respecto da confianza que dá poder estar en Málaga. Fai unhas semanas repetín no Festival con Nun tempo de horta e estiven falando coas programadoras da sección que premiara a Benvidas ao club precisamente sobre isto. O impacto positivo, en especial en producións tan pequenas como as miñas (que nin sequera se poderían chamar producións). Con respecto ás dificultades… ben, unha das cousas boas de traballar como o fago é precisamente a capacidade para superar este tipo de obstáculos, malia todo houbo varios atrancos á hora de proxectalo nalgúns lugares. Atrancos políticos, partidistas máis ben.

Nun tempo de horta está protagonizado por dúas mulleres, coma 1948-2016, Un final para empezar. Como en La imagen del secreto, fálase nestes traballos de amor entre mulleres. Nese sentido, Estranxeiras non deixa de ser unha novela sobre vínculos entre mulleres. En que sentido pode haber aí un traballo político de visibilización do lesbianismo? 

A visibilización do lesbianismo en particular e o cuir en xeral está sempre presente nos meus traballos, incluso cando non o parece. Non podería ser doutro xeito porque na miña vida non son quen de separar o persoal do profesional. E gústame así!

Carmen PG Granxeiro CC-BY-NC-SA Praza.gal / Cedida

“A visibilización do lesbianismo en particular e o cuir en xeral está sempre presente nos meus traballos, incluso cando non o parece”

Outro dos piares do teu traballo é quizais o ecoloxismo. Ás 20:30 horas é unha curta distópica que critica as transnacionais do monocultivo, por exemplo. Que papel ten o ecoloxismo no teu traballo?

De novo o mesmo que na miña vida persoal. O ecoloxismo, amplo termo por outra banda, é tamén un xeito de vivir, de tomar decisións, de pensar e de decidir que pegada queres deixar no mundo.

Tamén fas deseño gráfico, fotografía, ilustración, exposicións de arte… Como conecta este outro traballo teu coa túa produción escrita e audiovisual?

Creo que son inseparables. Até fai pouco adoitaba explicarmo a min mesma deste xeito: hai algo que quero contar, sentir, explorar, comunicar ou que sexa e busco o xeito de facelo. Ás veces o medio apropiado é a ilustración, ou a fotografía, e outras veces preciso da escrita ou do audiovisual, que son os eidos en que máis veño traballando ultimamente.

Estudaches en Barcelona, Berlín ou Lisboa, ademais de en España. De que xeito se foi conformando o teu interese na arte social?

“O aspecto social da arte sempre foi un dos alicerces do meu gusto por ela, alén da creatividade per se”
 

En realidade estudos regrados fixen poucos… Mais si, aprendín moito de habitar diferentes lugares. En Nova Orleáns tiven unha experiencia moi intensa cun colectivo artístico moi vencellado á comunidade e foi o primeiro contacto co traballo colectivo nese respecto. Mais o aspecto social da arte sempre foi un dos alicerces do meu gusto por ela, alén da creatividade per se.

É frecuente que a arte social -a escrita feminista, por exemplo- sexa acusada de “ideolóxica”, dogmática, panfletaria, etc… Tenche pasado? 

Tenme pasado. Cando provén de quen non quere máis que danar non o escoito sequera. Mais curiosamente son apelativos que tamén se empregan dende contextos de esquerdas contra algúns dos meus traballos. Reacciono facendo cousas como Alex and Munchie.

Fuches candidata de En Marea. O tempo político é agora outro, mais houbo algúns avances en canto a dereitos das mulleres e dos colectivos LGBT+. Que pensas das polémicas sobre a mal chamada lei trans ou a lei do só si é si?

Por non entrar moi ao miúdo… creo que son avances. E que temos que seguir a avanzar. Hai xente que quedou fóra da lei trans, as persoas migrantes, as menores… Xa vemos que hai aplicacións nefastas da lei do só si é si… Mais non entendo as leis como dogmas, son ferramentas para seguírmonos a mellorar como sociedades e, como tal, tamén evolúen e axudan a facelo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.