Titiriberia celebra os 40 anos de andaina de Trécola e Viravolta

Espectáculo de Viravolta, nunha imaxe de arquivo © Viravolta / Cedida

Sobrevivir, que non é pouco. Ese é, segundo Anxo García, de Viravolta Títeres, e Ero Vázquez, de Teatro de Marionetas Trécola, un dos principais logros dos que pode falarse tras manterse, como é o caso de ambas compañías, durante 40 anos. Catro décadas de andaina nas que se transformaron os públicos, as técnicas ou as infraestruturas, mais nas que a emoción de “ver os bonecos aí movéndose”, segundo salienta Ero Vázquez, non mudou nin vai mudar. Trécola e Viravolta participarán, xunto con outro dos grupos históricos do teatro de monicreques, Tanxarina, nunha mesa redonda sobre a historia do tiruleque profesional en Galicia no festival Titiriberia o mércores 27 de xullo ás 18:30 no Auditorio de Rianxo.

“Había a quen ‘monicreques’ lle soaba mal. Tampouco era doado facer teatro en galego”, dicía o propio Kukas

Houbo un tempo -polos anos 60- no que o teatro de bonecos desapareceu en Galicia. Pouco máis quedaba da tradición galega -que existira, e de feito hai textos de Blanco Amor ou de Valle-Inclán, e Rafael Dieste ou Lugrís Vadillo fixeron monicreques- que a lembranza de Barriga Verde nas feiras. Ademais de, tal como lembraba Kukas nunha entrevista en Praza.gal, “grupos de guiñol que viñan facer espectáculos sobre a bruxa, o demo e ao final a bomba atómica que os mataba a todos”. De feito, cando Kukas e os seus compañeiros comezaron a facer espectáculos de monicreques, nin a propia palabra era sempre ben aceptada. “Había a quen ‘monicreques’ lle soaba mal. Tampouco era doado facer teatro en galego”, dicía o propio Kukas. 

Espectáculo de monicreques de Trécola © Trécola

Os Monicreques de Kukas, a compañía formada por Isabel Rey e Santiago Kukas, nacida en 1979, pasará tamén este ano polo Titiriberia. Será co Gernika, espectáculo de técnica lambe-lambe na Praza Castelao de Rianxo entre ás 12.00 e ás 14.30 horas do mércores 27 de xullo. Fabanola e televexo foi a primeira montaxe de Monicreques de Kukas, estreada en 1979 en Arzúa. Entón non había case textos en galego para tiruleques. E Kukas comezou a escribilos. Do mesmo xeito que foi aprendendo a construír e manipular monicreques. “O desenvolvemento artístico da miña xeración”- escribe Kukas no catálogo da exposición Os Monicreques de Kukas. 20 anos facendo teatro con marionetas, de 2007- “produciuse a trancas e barrancas, entre a improvisación e a aprendizaxe autodidacta, cunha linguaxe que estabamos a inventar aos poucos”. 

Por alí andaban tamén, a primeiros dos anos 80, Viravolta ou a primeira xeración de Trécola. “Estabamos inmersos nun movemento cultural que había en Galicia e en toda España. Xente nova con moitas ganas de facer cousas. E en Lalín pensamos en facer teatro. Primeiro tivemos unha compañía teatral de actores, pero parte deles marcharon estudar a Santiago ao acabar no instituto. Como sabiamos que iso ía seguir pasando, decidimos pasarnos ás marionetas”, conta Anxo García sobre os comezos de Viravolta. Canto a Trécola, eran os inicios de Fernanda Cabrera e Rafael Vázquez Núñez, que recuperaron a tradición de marionetas de fíos coa peza Teatriño de Feiras, que aínda hoxe segue representándose co título The Piccole Theatre. No 2006 Ero Vázquez e Isa García Cordeira fixéronse cargo da compañía. “Eu realmente estivera sempre presente, desde pequeno: participaba nas obras, facía monicreques… Era o traballo da familia, a nosa forma de vida”, lembra Ero Vázquez. “Coa morte da miña nai paramos, pero despois seguiu meu pai”, engade. 

Nos 80 había, así, pouca información e formación, pero moita ilusión posta pola xeración da Transición, da esperanza do cambio político, cultural e social

A Galicia dos anos 70/80 non era, salienta Ero Vázquez, a de hoxe. “Traballábase moito coas comisións de festas, asociacións culturais, etc. E a xente daquela xeración loitou moito para lograr que se creasen circuítos para o teatro. Foi unha época dura porque os títeres estiveran desaparecidos”, di. Anxo García lembra un panorama semellante. “Non tiñamos local, nin formación, nin nada. Estabamos na Casa da Xuventude de Lalín. Daquela estaba xa Kukas en Santiago e empezaban os Trécola. A Tanxarina coñecémolos despois. Eu en concreto estivera en Madrid e vira moito teatro. Na televisión española tamén había un programa que falaba de teatro alternativo. Non sabiamos nada de técnicas, pero fomos aprendendo. Fernanda, de Trécola, estudara en Barcelona e tamén aprendemos con ela. Tiñamos, ademais, un público como era o daquel tempo: moi receptivo, con moita ansia de ver cousas. Hoxe hai máis oferta e iso cambia, difumínase un pouco”, asegura.

Nos 80 había, así, pouca información e formación, pero moita ilusión posta pola xeración da Transición, da esperanza do cambio político, cultural e social. “A nivel técnico evolucionamos moito, claro. En principio pouco máis faciamos que teatro de luva. Trécola e Tanxarina empezan con técnicas de fío. Despois comezan os monicreques de variñas, etc. Tamén se pasa de ter os actores ocultos a que estean á vista, de xeito que o monicreque interactúe co actor físico. Despois tamén se incorporan as novas tecnoloxías, que cambian moito a iluminación, o son, etc. O teatro de monicreques vaise adaptando aos novos tempos”, explica Anxo García. E xunto coas técnicas foron mudando, tamén, as temáticas. Anxo García lembra, por exemplo, a personaxe feminina creada para teatro de cachaporra por Larraitz Urruzola, dona Barriga Verde. 

A recuperación da tradición do teatro popular de Barriga Verde -da familia Silvent- foi un proxecto que compartiron tamén as compañías históricas. Viravolta ten entre os espectáculos Barriga Verde e Barriga Verde de Manuel María. No festival Titiriberia adoita estar presente, ademais do teatro de cachaporra, a reprodución da barraca de Barriga Verde que fixo a asociación Morreu o Demo. Comba Campoi, membro deste colectivo, explicara o ano pasado nunha entrevista en Praza Pública que “para que o teatro de cachaporra siga sendo subversivo ten que adaptarse, remover as cuestións problemáticas de cada contexto histórico. E se noutros momentos o poder estaba representado polo corpo eclesiástico, por exemplo, neste momento o teatro de cachaporra pode ser unha ferramenta para loitar contra o patriarcado. Aí é onde se sitúa a dona Barriga Verde de Larraitz. É unha muller, unha heroína, que se rebela contra a autoridade patriarcal e contra o machismo e a violencia contra as mulleres”. 

Nenas e nenos atenden un espectáculo de Viravolta © Viravolta

“Para que o teatro de cachaporra siga sendo subversivo ten que adaptarse, remover as cuestións problemáticas de cada contexto histórico” 

Anxo García engade, pola súa banda, que “a temática de Barriga Verde era, en realidade, a fame da época. Agora vai incorporando novos temas, como a vivenda, a igualdade das mulleres, etc”. O teatro de cachaporra, reflexiona, “ten defensores e detractores”. Xa que “hai xente que está en contra porque di que é violento. Eu creo que hai unha representación da violencia, pero nunca vin saír a ninguén ferido de alí. Mesmo houbo unha compañía de títeres, Títeres desde Abajo, que acabou hai pouco na cadea, se queremos falar de violencia. Nós mesmos temos sido atacados a través das redes sociais, que sempre o magnifican todo. Antes se non che gustaba un espectáculo non ías. Agora van e despois insúltannos nas redes. Ademais hai violencia en todas as artes, pero só se di dos títeres”, asegura. 

“Antes se non che gustaba un espectáculo non ías. Agora van e despois insúltannos nas redes. Ademais hai violencia en todas as artes, pero só se di dos títeres”

Mais xa Comba Campoi intervira neste debate subliñando que “se pensamos por exemplo nos contos marabillosos clásicos, se os analizamos desde a perspectiva de hoxe tamén nos decatamos de que din cousas terroríficas. Pero trátase do mesmo, de lelos e explicalos en familia. O teatro popular foi sempre un teatro participativo, de diálogo co público. Cando este contexto natural se perdeu foi cando deixou de entenderse o teatro de cachaporra. E despois hai outra cuestión, que é que era un teatro marxinal que foi sendo substituído polas atraccións de feira mecánicas. Houbo un momento no que os que quedaron facendo teatro de cachaporra eran xente da Falanxe, polo que quedou tamén unha imaxe de teatro rancio, machista, violento… Pero penso que polo menos en Titiriberia conseguimos mudar todas esas imaxes”. Nese sentido son importantes, tamén, os textos escollidos. Nese aspecto Viravolta prefire os clásicos. Trécola, porén, traballa moito con textos propios. 

Marionetas Trécola ten entre os seus principios “fomentar, sempre desde o divertimento, valores como a igualdade, o respecto e o apoio mutuo. Vemos de vital importancia unha educación emocional positiva, así como o respecto pola natureza”. Ao cabo, explica Ero Vázquez, a través do teatro “transmites a túa forma de ver o mundo. E os títeres danche unha facilidade moi grande para facelo. Tamén pasa que ás veces as institucións tiran por certas temáticas. Pero a nosa compañía tivo sempre unha raíz moi social. O espectáculo que levamos este ano a Titiriberia, Nº 8 Rúa dos Contos” -o mércores 27 ás 12:00 no Pazo de Rianxiño e o xoves á mesma hora no parque de Santa Lucía de Asados- “é dos anos 80 e hai que entendelo como un texto dos anos 80”. Mais as cousas mudaron desde entón. Aínda que, por exemplo no tema de xénero, poden verse ás veces no teatro de marionetas do país, como no resto das artes, algunha contradición entre o que se di e o que se fai

Monicreques de Viravolta © Viravolta

As reivindicacións

Houbo moitos avances na situación do teatro de monicreques feito en Galicia. Os premios Barriga Verde -a profesión tivo que loitar para que o galardón fose asumido pola administración, en vez de actuar só como colaboradora- facilitan o relevo xeracional na escrita de textos para teatro de monicreques. A sala Gurugú, na Coruña -vinculada a outro veterano dos títeres galegos, Carlos Clemente Martínez- dedica boa parte da súa actividade ao teatro de bonecos. Ademais do festival Titiriberia, que vai pola sétima edición, mantéñense outros festivais veteranos, como o de Redondela, que vén de celebrar o seu vixésimo terceiro cumpreanos, ou o Galicreques. 

Ademais do festival Titiriberia, que vai pola sétima edición, mantéñense outros festivais veteranos, como o de Redondela, que vén de celebrar o seu vixésimo terceiro cumpreanos, ou o Galicreques

Mais non se conseguiu nin estabilizar as programacións o que sería desexable, nin abrir un teatro de bonecos en Santiago, nin facer realidade o proxecto de Kukas de crear un espazo que servise á vez de museo e de lugar de formación, de exhibición e de creación de proxectos. Tampouco se conseguiu recuperar a sala Yago, que durante anos programou teatro de monicreques, nin imitar o modelo europeo das salas de teatro de bonecos nos parques. Existiu, de feito, un proxecto que consistía na creación de catro salas, cun sistema de residencias, en catro vilas con tradición teatral: Redondela, Lalín, Lugo e Santiago. Pero non chegou a facerse realidade. 

Canto á distribución, un dos problemas de sempre do teatro galego pese á existencia da Rede de Teatros e Auditorios, tamén afecta aos monicreques. “Nós na provincia de Lugo non temos problema, pero fóra temos máis dificultades. En Lugo a xente coñécenos e recíbenos con moito cariño. Os rapaces recoñécennos despois de ver espectáculos nosos… Iso dá moito ánimo”, indica Ero Vázquez. A cuestión é que os espectáculos de pequeno formato son máis doados de mover -centros culturais, festas, concellos…- mais para espectáculos máis grandes precísase acceder a teatros ou polo menos salas coas condicións técnicas axeitadas. “É difícil entrar en certos circuítos, e penso que por falta de orzamento, non por falta de vontade dos programadores”, afirma. Aconteceu, por exemplo, en Ourense, onde se empezou a programar moito menos coa chegada de Pérez Jácome á alcaldía. Vázquez bota en falta, tamén, unha mostra galega de títeres que sirva, como a feira de teatro, para presentar o que se está a facer e facilitar o encontro da profesión. 

Outra das batallas de sempre das compañías de títeres é a imaxe do teatro de monicreques como unha actividade cultural só para crianzas

Outra das batallas de sempre das compañías de títeres é a imaxe do teatro de monicreques como unha actividade cultural só para crianzas. Os bonecos “son unha ferramenta teatral tan potente ou máis que a interpretación dos actores e actrices. Con eles pódense facer tamén grandes espectáculos. Hai moitas compañías de teatro que se están pasando a facer tamén bonecos, que é algo que atrae público”, comenta Ero Vázquez. Lembra, tamén, a tradición de teatro de monicreques da República Checa ou de Italia. “O teatro de Praga ou o Policinella están moi arraigados na sociedade. É algo que todo o mundo coñece e que aquí hai que dignificar. Porque non é só ter entretidos os nenos media hora”. Anxo García amósase de acordo en que “é a lacra de sempre que se identifique con teatro só infantil. E é algo moi difícil de cambiar. As familias levan os nenos ver obras que non son axeitadas para eles porque non se informan antes de que van ver”, subliña. 

O que non vemos dos monicreques, nunha imaxe do arquivo de Viravolta © Viravolta

Mais Viravolta tamén tivo a súa loita particular, que é tamén a de todas as persoas interesadas polo mundo dos títeres. A compañía tivo un museo en Lalín que pechou e logo reabriu, pero xa sen que Viravolta formasen parte do proxecto. “Nós tiñamos un proxecto serio para crear un lugar de estudo e reflexión, pero non encaixaba co proxecto que tiña o concello. Nós queriamos que estivese a nosa biblioteca, ademais da nosa colección. Pero na reforma que deseñou o concello, a nosa biblioteca, por exemplo, non tiña cabida. E para nós era algo irrenunciable”, apunta Anxo García, que sinala tamén, como Ero Vázquez, as dificultades para distribuír os espectáculos. 

“Estás moi condicionado polo tamaño e polas necesidades técnicas, porque un espectáculo grande non se pode facer nunha biblioteca ou igual na rúa, por exemplo”

“Estás moi condicionado polo tamaño e polas necesidades técnicas, porque un espectáculo grande non se pode facer nunha biblioteca ou igual na rúa, por exemplo. E en Galicia parecemos abocados a facer sobre todo espectáculos de pequeno formato, porque entrar noutro tipo de circuítos é difícil. Kukas, por exemplo, si fai grande formato, pero non é fácil. De todas maneiras nós reivindicamos que os teatros pertencen a unha época determinada e que sempre houbo teatros en espazos distintos”, reflexiona. En canto ás axudas de Agadic á produción, as empresas teatrais dedicadas aos títeres acceden igual que as demais. Aínda que algunhas compañías, coma Trécola, prefiren non recorrer ás mesmas. 

Hai moita tradición de teatro de títeres en toda Europa”, lembra García. “Nuns sitios conservouse e noutros perdeuse. En Cataluña, por exemplo, mantívose ben porque a burguesía considerábao importante para a educación dos seus fillos. No resto de Europa mantívose en distintos lugares, con altibaixos, pero non desapareceu como aquí”, engade. E foi a xeración de Trécola -a primeira-, Viravolta, Kukas ou Tanxarina a encargada de recuperalo. Logo viñeron outras compañias, como Cachirulo ou Caramuxo, e na actualidade traballan tamén compañías novas, coma Alakrán, a Xanela do Maxín ou Mircromina. E por moitos anos. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.