O festival de títeres tradicionais de Rianxo Titiribeira chega á súa sétima edición ampliando o seu programa polas parroquias con compañías galegas, portuguesas e italianas
O Titiriberia. Olladas sobre os cristovos, festival de Títeres tradicionais, organizado pola asociación Morreu o Demo coa colaboración do Concello de Rianxo, da Deputación da Coruña e da Xunta, celebrará do 24 ao 31 de xullo a súa sétima edición cunha programación que inclúe unha trintena de formacións artísticas. Este será “o Titiriberia da consolidación en Rianxo e o da ampliación do seu programa ao estender a actividade ao longo dunha semana”.
Este ano o festival recupera a súa dimensión internacional ao contar no seu cartel con artistas italianas e portuguesas. Así o adiantou na presentación a súa coordinadora, Larratiz Urruzola, na que tamén participaron o alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, e o deputado de Patrimonio da Deputación da Coruña, Xosé Lois Penas.
“Esta sétima edición significa crecemento e expansión e tamén, por suposto, a edición na que recuperamos a normalidade tras dous anos de pandemia”, sinalou Urruzola para engadir que o festival afondará nas súas metas habituais: “recuperar o xénero dos títeres, captar novos públicos, fomentar espectáculos de rúa, descentralizar a cultura e visibilizar o traballo das mulleres nas artes escénicas e nos equipos de traballo”.
Titiriberia mantén a vontade de levar os espectáculos a distintos escenarios de Rianxo para garantir un encontro directo e próximo tanto coa veciñanza coma cos visitantes que pasan o verán no municipio. As parroquias de Asados, O Araño, Taragoña, Isorna ou Leiro contarán con diversas funcións, así como acontecerá coas praias da Torre e de Tanxil.
Titiriberia integrará talleres do seu programa nas actividades dos Campamentos de Conciliación de Rianxo
Nesa liña de entrar en contacto directo cos espectadores para captar novos públicos, Titiriberia integrará talleres do seu programa nas actividades dos Campamentos de Conciliación do Concello de Rianxo. Desta maneira, entre os días 26 e o 29 haberá obradoiros para a cativada que mesturan a construción de bonecos coa súa manipulación. Os pasarrúas tamén serán outra canle que explorará o festival para atoparse cos públicos. Baixo o título d’A festa dos títeres, as agrupacións Vai de Roda e Viravolta Títeres partirán do Auditorio de Rianxo –ás 12.30 horas– para percorrer as rúas o domingo 24, na xornada inaugural.
Do Barriga Verde ao Dom Roberto
Un total de 30 compañías, formacións e artistas acudirán a Rianxo para amosar os seus espectáculos, participar nas conferencias, impartir os obradoiros, difundir o xénero dos títeres de cachaporra e revisitar algúns dos personaxes máis destacados da tradición europea como son o Dom Roberto portugués, o Pulcinella italiano e, por suposto, o galego Barriga Verde. No caso luso, será a compañía Teatro e marionetas de Mandrágora, mentres que Irene Vecchia achegará a visión anovada do personaxe transalpino a través de dous espectáculos e dun obradoiro de títeres destinados aos profesionais.
'As Varietés de Barriga Verde' é un espectáculo propio do festival que terá lugar o día 29 no Auditorio de Rianxo ás 22.30h
Unha vintena de compañías e artistas ofrecerán ao longo de toda a semana unha ampla mostra da produción galega dentro do xénero dos monicreques. Formacións como A Xanela do Maxín, Fantoches Baj, Diáspora Teatro, Seisdedos Marionetas, Trécola Produccións ou Os Monicreques de Kukas ofrecerán as súas obras.
Ademais, Tiriberia volverá a producir o seu propio espectáculo anual: As Varietés de Barriga Verde. Conducido pola actriz Antía Costas, a montaxe terá lugar no Auditorio o venres 29 ás 22.30 horas e incluirá actuacións de artistas como a propia coordinadora do certame, Santi Prego, Irene Vecchia ou o Grupo de Teatro Airiños co acompañamento musical do Cuarteto da Escola de Música. A programación completa da sétima edición do festival pode consultarse aquí.