O izado do cento de velas dos participantes no XVI Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia abriu este 3 de agosto no porto sadense de Fontán un amplo programa de actividades que, ata o domingo, enche a vila de reivinidicación e celebración da cultura e do patrimonio mariñeiro. Farano cunha manchea de actividades e, por suposto, navegando.
A Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (Culturmar), a asociación cultural e mariñeira Os Patexeiros e o Concello de Sada impulsan, co apoio da Xunta, a Deputación da Coruña e outras entidade, un encontro que no mar xa principiou a finais do mes pasado. Fíxoo co III Convoi Tesa a Escota Proa a Sada, que arribou a Muros o pasado 23 de xullo para principiar a singradura cara a Sada, onde chegaron o día 30.
Mostras de pintura e fotografía, entre outras actividades, dinamizaron os días previos a un encontro con programa de mar e de terra. O programa marítimo inclúe concentracións dos barcos, visitas guiadas ás embarcacións tradicionais para o público xeral e tamén centradas na infancia. Tamén navegacións como a que se dirixirá a Lorbé o sábado pola mañá, irá cara a Ares pola tarde e, xa o domingo, percorrerá a beiramar sadense.
O XVI Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia desprega en Sada ata este 6 de agosto un amplo programa en mar e terra con navegacións, exposicións e visitas guiadas
En terra o Pavillón do Patrimonio amosa carpintaría de ribeira ao vivo e mostras do patrimonio marítimo galego, portugués, catalán ou vasco. Ademais da feira de artesanía, os visitantes poden acudir a ata unha decena de exposicións, así como asistir a diversas presentacións artísticas. Ao tempo, o espazo destinado aos obradoiros céntrase no traballo de oficios como as redeiras e as atadoras, a cestaría, ou a pintura ao vivo.
Faltriqueira, Habelas Hainas, Mercedes Peón, Lenda Ártabra e A Bule Bule Band poñen cos seus concertos a banda sonora dun Encontro de Embarcacións Tradicionais que conta tamén cun programa inclusivo para persoas con discapacidade coa colaboración de ASPACE. Asemade, o Encontro Infantil ofrece espectáculos toda a fin de semana e mais obradoiros de estampado de camisolas, de música tradicional e de construcións de barquiños de vela con madeiras á deriva.
Estas e outras moitas actividades pódense consultar polo miúdo no programa completo dun encontro que, explica o presidente de Culturmar, José Luis Sacau, tamén busca salientar "a potencia de Sada e das Mariñas como un dos grandes polos de desenvolvemento do país". E, neste sentido, "sobran exemplos que nos indican que o desenvolvemento debe ir parello coa salvagarda dos valores patrimoniais".
O evento serve tamén para reclamar "políticas decididas" para preservar a frota tradicional ou oficios como os das redeiras e a carpintaría de ribeira
Por iso este evento tamén serve para reclamar "políticas decididas" para preservar, por exemplo, áreas portuarias "específicas para a exhibición da frota tradicional" como "museo vivo". Pero tamén para poñer o foco na necesidade de potenciar "a remuda xeracional na carpintaría de ribeira a través da formación regrada".
Para o presidente d'Os Patexeiros, Miguel Martínez, alén do éxito do propio encontro, "sería fermoso que non terminase o Encontro de Embarcacións o día 6", senón que tamén servise para "transformar a sociedade de Sada" e "poñer no primeiro plano o seu orgullo mariñeiro". Neste sentido vai a súa proposta de 'Museo a Flote' "para poder exhibir as nosas xoias flotantes, as nosas embarcacións tradicionais fondeadas ao longo dunha parte de paseo marítimo de Sada".