Cinema a 2 euros os martes para quen teña feitos os 65 anos. Dende o pasado 30 de abril está en marcha a segunda edición do programa Cine Sénior do Ministerio de Cultura, que nestes primeiros días de maio pon o foco en difundir a iniciativa para animar a poboación por riba desa idade a acudir ás salas a prezo reducido.
Nesa intención encadrouse a asistencia, este pasado martes, do delegado do Goberno de España en Galicia a unha proxección nos cines Cantones da Coruña, unha das salas participantes, xunto cun dos primeiros grupos que se beneficiaron do desconto. O filme elixido foi a comedia española Menudas piezas.
Sinala Pedro Blanco que o Ministerio de Cultura confía en "aumentar as cifras" que o programa Cine Sénior acadou na súa primeira edición, o pasado ano. Daquela participaran 167 salas en Galicia coa asistencia de 16.681 persoas de 65 ou máis anos.
Na primeira edición de Cine Sénior, que logrou "incrementar un 49% a asistencia ás salas os martes", adquiriron as entradas a prezo reducido case 17.000 maiores de 65 anos en Galicia
Desta volta, o programa -dotado no seu conxunto con 12 millóns de euros- chega ata o mes de decembro e, indica Blanco, o Executivo central procura "animar as máis de 700.000 persoas maiores de 65 anos" residentes en Galicia a que se beneficien del. Este ano, explica, ademais existe a posibilidade de mercar as entradas a prezo reducido tanto nas billeteiras das salas como a través de internet.
Subliña o delegado gobernamental que Cine Sénior procura facilitar o acceso da poboación de máis idade á cultura, pero tamén "apoiar a industria cinematográfica". Neste sentido, resaltan que a primeira edición de Cine Sénior logrou "incrementar, de media, un 49% a asistencia ás salas os martes" nun contexto no que, ademais, o Ministerio concedeu "600.000 euros en axudas ás salas de exhibición", entre elas as de 5 empresas galegas como o devandito cine coruñés.