- Maximus Por que o león do Breogán se converteu na mascota favorita da ACB
- Vinte na rúa, con Jacobo Gómez Do Breo á voda
- Vinte no vestiario do Durán Maquinaria Ensino Lugo
Galicia reina no baloncesto. O épico ascenso acadado este domingo polo Básquet Coruña —que derrotou na final da final four de Primeira FEB o Estudiantes tras remontar 15 puntos no último cuarto— sitúa tres equipos galegos na ACB para a vindeira temporada. O equipo laranxa acompañará o Obradoiro, que subiu de forma directa tras finalizar primeiro na liga regular, e o Breogán, referente da disciplina en Galicia e que acumulará a súa sexta campaña seguida na elite tras outro meritorio curso.
O ascenso do Básquet Coruña sitúa tres galegos na ACB por primeira vez desde 1994; na elite feminina tamén haberá tres clubs de Galicia tras o ascenso do Celta
Non será só na Liga ACB. A primeira categoría feminina contará na vindeira tempada con tres equipos galegos logo do ascenso do Celta, que se uniu así ao Baxi Ferrol e ao Ensino de Lugo noutro fito para este deporte en Galicia. É a comunidade autónoma, xunto á do País Vasco, que contará con máis representación na elite.
Na competición masculina, só Catalunya (con Barcelona, Joventut, Girona, Manresa e mais Lleida) supera agora a presenza galega na elite, por riba de potencias históricas como Andalucía ou País Vasco, entre outros territorios.
Serán, xa que logo, seis equipos galegos na elite do baloncesto español, algo que non sucedía desde hai 35 anos, cando coincidiran na temporada 1991-92 OAR Ferrol, Breogán e COB Ourense na ACB, e na primeira división feminina o Compañía de María da Coruña, o Xerox Vigo e o Xuncas de Lugo.
A última vez que coincidiron seis equipos galegos na elite do baloncesto (tres no masculino e tres no feminino) foi na temporada 1991-92
Na máxima competición masculina non había un trío de conxuntos galegos desde 1994, cando coincidiran estes mesmos clubs (COB, Breogán e OAR), que foron durante os 80 e comezos dos 90 os grandes referentes do baloncesto galego, deporte que polos éxitos deportivos e a difusión que supuxo a chegada da TVG acadou unha enorme relevancia no país, como lembraba en Praza.gal Ovidio González.
El e Sergio Delpont foron as caras e a voz das retransmisións de básquet na televisión pública galega e non só dos equipos galegos. Agora, retirado pero aínda comentarista do día a día do baloncesto —especialmente do seu querido Breogán—, González reflexiona sobre o éxito actual.
"Galicia é baloncesto; para que se dean éxitos coma este, esta coincidencia de equipos na elite, teñen que coincidir moitas cousas no momento xusto porque o bo facer, por desgraza, non abonda sempre se non hai detrás un apoio económico ou mesmo institucional importante", di Ovidio González.
"Seis clubs galegos na elite é o escaparate, algo que pode ocorrer nun momento determinado, pero o que hai e houbo sempre detrás é un bo traballo de base incansable, na sombra"
"Ter seis clubs nas máximas categorías é o escaparate, pode ocorrer nunha etapa determinada como ocorreu hai décadas, pero o que hai detrás e houbo sempre no país é un traballo de base incansable, de xogadores, adestradores e directivos na sombra que fan as cousas moi ben", engade.
Ademais, o que foi durante máis de 30 anos referente do xornalismo deportivo na TVG, cre que a coincidencia de equipos na elite e as rivalidades sas que se crean "axudarán o baloncesto galego". "O deporte é paixón e isto vai facer que uns e outros clubs se retroalimenten, o que sempre é positivo", explica quen, no entanto, chama á "reflexión" de cara a futuros derbis tras episodios pouco edificantes non hai moito. "Pensemos por que esa rivalidade algo insá non pasa nunca cos equipos femininos", di sobre un momento histórico para o básquet en Galicia.
Coa vindeira, o Básquet Coruña sumará a súa segunda tempada na elite, logo de que ascendese hai só dous anos, en 2024, e regresase á segunda categoría no curso da súa estrea. O Breogán, pola súa banda, disputará desde o próximo setembro a que será a súa 30ª temporada na máxima categoría do baloncesto estatal: seis na antiga Primeira Nacional e 24 na actual ACB.
Do Bosco ao Básquet Coruña
O equipo lucense, o galego con máis participacións na primeira categoría e cunha afección que bate récords de asistencia, non foi, no entanto, o primeiro conxunto do país en tocar a elite, á que xa chegara o Bosco da Coruña en 1968, dous anos antes de que aterraran os lucenses.
O Obradoiro, pola súa banda, sumará a próxima temporada a súa 16ª campaña na máxima categoría, mentres que o OAR Ferrol acadou 13 nos 80 e nos 90 e o COB, a decena ata que descendeu en 2001 e os despachos frearon o seu regreso consumado na pista en 2015.
Lonxe quedan aquelas palabras que Raúl López, actual presidente do Obradoiro e daquela do Breogán, dixo en 2010, cando asegurara que "a única saída" para que Galicia tivese un club na Liga ACB era "un proxecto único" para todo o país.
"Está máis que demostrado que hai espazo para varios equipos e para moitos proxectos. Aquela loucura de Raúl [López] quedou totalmente desactualizada, porque nunca é bo tratar de argumentar con falsidades as supostas bondades da túa iniciativa; o obxectivo pode ser loable pero o problema é o como, o camiño que elixes", di González.
"Está máis que demostrado que hai espazo para varios equipos e para moitos proxectos de elite en Galicia"
Para o futuro, tamén, Ovidio González deixa unha última reflexión que pode servir de lección. "Se comparamos a situación de agora con aquel 1990 no que coincidiron tamén seis equipos na elite, a única entidade que continúa viva é o Breogán, o cal é un motivo de orgullo para os breoganistas". "O resto desapareceron, reinventáronse noutro proxecto... É algo a ter en conta", remata.