Galicia só tivo 15 representantes coa selección española nos mundiais de fútbol desde que se xogase o primeiro en 1930, onde varios galegos gañaron a Copa do Mundo representando o Uruguai. Desde o coruñés Chacho, en 1934, pasando por Luís Suárez, Amancio, Marcelino, Miguel Ángel, Otero, Salgado ou Iago Aspas, ata o último, Borja Iglesias, un compostelán que vén de alcanzar a gloria futbolística co combinado estatal.
Borja Iglesias xa é o primeiro galego en gañar un Mundial coa selección española masculina, campioa na final (1-0) fronte á Arxentina
A selección española venceu a Arxentina na prórroga (1-0) nun partido histórico, sumando a súa segunda estrela e encadeando Eurocopa, Xogos Olímpicos e Mundial nos dous últimos anos. Borja Iglesias convértese no primeiro galego que acada a Copa do Mundo con España —na vitoria española edición de 2010 non había ningún convocado— en categoría masculina. E faino recibindo eloxios (maioritarios) e algunha crítica (minoritaria e sobre todo desde posicións reaccionarias) por amosar o seu apoio a causas sociais ou denunciar en voz alta e sen complexos actitudes racistas, homófobas e discriminatorias. Unha actitude que, malia todo, non adoita ser común entre os futbolistas.
A última mostra onte cando, mantendo a educación e ao igual que fixo o seu compañeiro Lamine Yamal, saudou friamente e sen ollalo o presidente dos EUA, Donald Trump, a quen criticou varias veces.
Borja gañou o Mundial e gañou antes o respecto de moitos colectivos ou da selección feminina. Boa parte das súas xogadoras agradeceron o seu xesto tras o Mundial de 2023, cando renunciou a xogar na selección española para apoiar as futbolistas que se rebelaran contra o machismo da Federación e do daquela presidente, Luis Rubiales.
Iglesias gañou o Mundial e desde hai tempo o respecto de moita cidadanía que lle recoñece a valentía para denunciar racismo, xenofobia ou violencia, unha actitude nada habitual entre futbolistas
Fíxoo horas despois de que Tere Abelleira, unha das futbolistas daquela selección, se convertese na primeira galega ou galego que gañou un Mundial. A pontevedresa —que vén de poñer fin ao se ciclo no Real Madrid e que militou catro tempadas no Deportivo, desde a posta en marcha do equipo feminino en 2016— erguera xa a Copa do Mundo en 2023 logo de que España vencese na final a Inglaterra en Sydney por 1-0.
Abelleira levou daquela o fútbol galego ao cumio, ao ser a a primeira vez que un ou unha xogadora chegaba ao máis alto deste deporte representando a España. E luciu a bandeira galega na celebración como este domingo fixo Borja Iglesias.
A vitoria da pontevedresa, nada e formada futbolisticamente en Galicia, non foi, no entanto, a primeira vez que un ou unha galega alcanzaban o cetro mundial do fútbol. Tampouco o título acadado por Borja Iglesias, no caso de categoría masculina, aínda que si é o primeiro futbolista do país en gañar un Mundial coa selección española.
Os galegos do Uruguai
Moito antes, no primeiro Mundial celebrado na historia, en 1930, catro dos once titulares cos que o Uruguai derrotou a Arxentina na final (4-2) tiñan procedencia galega e varios naceran en Galicia. Dous deles foron Lorenzo Fernández (Redondela, 1900), coñecido como El Gallego, e José Pedro Cea, nacido tamén en Redondela en 1900 (aínda que hai fontes que sitúan o seu nacemento xa no Uruguai), autor de cinco goles naquela Copa do Mundo.
Naquela selección charrúa estaban tamén outros dous xogadores nacidos xa naquel país suramericano, pero fillos de galegos emigrados: Álvaro Gestido Pose (Treinta y Tres, 1907), que foi xogador de Peñarol durante 16 anos, e Héctor Castro (Montevideo, 1904), El Divino Manco, toda unha institución do fútbol uruguaio.
Porque a representación galega nos mundiais de fútbol foi sempre moito máis aló daqueles que os xogaron con España e estendeuse aos moitos galegos de nacemento ou de orixe que destacaron polas seleccións dos países a onde emigraran seus familiares.
Dous futbolistas nados en Galicia e outros dous fillos de galegos gañaron o primeiro Mundial co Uruguai: Fernández, Cea, Gestido e Castro
Como eses catro galegos campións con Uruguai na primeira Copa do Mundo; os que lideraron a Cuba na súa única participación; Santamaría, fillo de ourensáns que destacou tamén con Uruguai e logo, xa nacionalizado, con España; ou Ricardo Cabanas, suízo de familia galega que disputou un Campionato do Mundo co combinado helvético pouco despois de estar presenta na reestrea da selección galega en 2005 en Santiago.
Borja Iglesias, o Panda, únese agora a unha pequena e selectiva lista de campións do mundo. Faino, ademais, formando parte do cadro de xogadores e podendo presumir de disputar os últimos minutos do encontro de oitavos de final ante Portugal. Pero, sobre todo, sendo recoñecido por ese compromiso social tan poucoi habitual no fútbol profesional e entre os futbolistas.
A defensa das protestas contra Israel
A última das súas manifestacións públicas foi horas antes da final deste domingo entre España e Arxentina para criticar os elevados prezos en New Jersey . En 2023, criticou o polémico capitulo machista ocorrido coa selección española feminina e logo na asemblea da Federación, anunciando que non volvería xogar con España "ata que as cousas cambien e este tipo de actos non queden impunes". E apelou a "un fútbol máis xusto, humano e decente".
Houbo quen se mofou del ao entender que non tiña mérito renunciar a unha posibilidade que, disque, non tiña. Tres anos despois ergueu a Copa do Mundo ante Donald Trump, a quen pareceu querer rexeitar saudar para logo facelo de maneira fría e sen deterse.
Foi a maneira de Iglesias de amosar o seu desacordo co presidente dos EUA, como antes o fixera co xenocidio en Gaza. O compostelán chegara a defender os manifestantes que en Galicia obrigaron coas súas protestas contra a participación dun equipo israelí a recortar o final dunha etapa. "Dáselle máis importancia a parar un evento que a un xenocidio", dixera.
"Se se meten diante da portería cunha bandeira de Palestina e iso axuda, pois oxalá o fagan cando vaia tirar eu e non meta gol ou o anulen", explicara despois. Durante o Mundial, amosou tamén a súa sorpresa polos comentarios racistas contra xogadores franceses por parte do ex-presidente español Mariano Rajoy. "Sorpréndeme que nesta altura esteamos con estas cousas", dixo.
Curiosamente, Iglesias gaña o Mundial sendo presidente da Federación Española de Fútbol outro galego: o ex-dirixente do PP galego, ex-presidente da Deputación de Pontevedra e ex-máximo dirixente da Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán.