O ciclista de Ponteareas gañou entre abril e maio de 1986 a Vuelta a España, un triunfo que o converteu nun ídolo de masas, un dos símbolos da Galicia dos 80 e que mesmo entrou a formar parte dunha canción dos Resentidos
13 de maio de 1986. En Xerez da Fronteira un galego de Ponteareas, Álvaro Pino, imponse na contrarreloxo final da Vuelta a España e convértese no gañador da proba. É a terceira vez que un galego gaña a Vuelta (só o fixeran Delio Rodríguez en 1945 e Emilio Rodríguez Barros en 1950, ambos -irmáns- de Ponteareas). 40 anos despois ningún outro galego volveu triunfar na competición. A poucos días do inicio de O Gran Camiño e catro décadas despois daquela Vuelta que comezara o 22 de abril en Palma de Mallorca, conmemoramos a efeméride.
Durante as tres semanas anteriores Pino pasara de ser un corredor medianamente coñecido a converterse nun ídolo de masas en Galicia, vitoreado nas estradas polas que pasaba a carreira. “Un hombre modesto y un hombre humilde se ha convertido en un ídolo popular”, salienta o xornalista de TVE que o entrevistou ao remate desta derradeira etapa. Tanto foi así que un par de anos máis tarde o ciclista de Ponteareas foi incluído por Os Resentidos nunha das súas cancións máis coñecidas 'Galicia, sitio distinto' (Fracaso tropical, 1988). “E unha vez un jicho de Noia/ Díxome con paranoia/ Que Álvaro Pino/ Comprou unha Vespino/ Uhú, ahá Quedeime sen falar/ E pra disimular decidín cantar”, cantaba Reixa.
Pino, o traballador incansable, o rapaz que empezou a andar nunha bici que atoparan perdida no monte, que ata os 23 anos traballaba como mecánico da Talbot, atopou en 1986 o seu gran momento
Os vídeos da época tráennos a emoción do momento: “vi a la entrada una bandera de Galicia, y los últimos metros no sé cómo los hice, pensando en mi tierra”, relata Pino pouco despois de chegar á meta. Álvaro Pino acadara xa algúns éxitos menores na súa carreira. En 1981 gañara unha etapa na Vuelta, en 1983 mesmo chegara a poñerse de líder e rematou 4º, en 1985 foi 8º. Porén, con 29 anos aínda non se presentara á proba como favorito ou líder do seu equipo, sendo sempre un esfozado traballador para outros compañeiros, como Alberto Fernández ou Pacho Rodríguez.
Pino, o gregario incansable, o rapaz que empezou a andar nunha bici que atoparan perdida no monte, que tivo a súa primeira bici de competición grazas a un veciño que era corredor amateur no País Vasco, que ata os 23 anos traballaba como mecánico da Talbot.
Unha grande actuación na etapa con final nos Lagos de Covadonga, malia un desafortunado pinchazo fíxoo entrar os candidatos ao triunfo final. Na crono individual celebrada en Valladolid púxose de líder e xa non abandonou o maillot amarelo
En 1986 chegou o seu gran momento. Unha grande actuación na etapa con final nos Lagos de Covadonga, malia un desafortunado pinchazo fíxoo entrar os candidatos ao triunfo final. Na crono individual celebrada en Valladolid púxose de líder e xa non abandonou o maillot amarelo. Excepcional foi tamén a súa actuación a etapa que rematou en Villalba (Madrid), onde respondeu aos ataques de Fignon con outro ataque que só puideron seguir Robert Millar e Fabio Parra.
A cinco días do final, a etapa con meta en Serra Nevada foi un dos últimos retos que Pino tivo que superar, e alí foi quen de resistir ao brutal ataque a case vinte quilómetros do final de Robert Millar, o seu gran rival, que se atopaba a pouco máis de medio minuto. Ese día Millar chegou a poñerse de líder de forma virtual, pero Pino mediu ben as súas forzas e con intelixencia foi de menos a máis ata cazar ao escocés.
"Había que contar con Pino. Pino non era só un responsable traballador que aprendera paso a paso a profesión de ciclista. Pino era un operario sacrificado, si, pero tamén un razoable candidato a ser dos mellores ciclistas do mundo", escribe Suárez Abel no libro que publicou en Xerais
O libro de Miguel Suárez Abel Álvaro Pino (Xerais, 1988) recolle ben o sufrimento do ciclista para gañar aquela Vuelta, especialmente nesa etapa granadina na que foi máis listo ca ninguén: posteriormente confesou que nun momento da suba simulou non ter enerxías, para forzar que outros corredores, como Fignon ou Lejarreta incrementasen o ritmo do grupo.
"Había que contar con Pino. Pino non era só un responsable traballador que aprendera paso a paso a profesión de ciclista. Pino era un operario sacrificado, si, pero tamén un razoable candidato a ser dos mellores ciclistas do mundo", escribe Suárez Abel na súa crónica.
A cinco días do final, a etapa con meta en Serra Nevada foi un dos últimos retos que Pino tivo que superar, e alí foi quen de resistir ao brutal ataque a case vinte quilómetros do final de Robert Millar, o seu gran rival
"Acelérale, gallego, que se queda aí. Acelérale, que está muerto". Nos metros finais o seu director, Javier Minguez animábao mesmo a atacar a Millar, xa capturado por Pino, para poder así ampliar a súa vantaxe. O público, na estrada, non deixaba de berrar "Pino, Pino", convertido xa nun ídolo para a afección, como un ano antes fora Pedro Delgado.
A vitoria final estaba xa no peto. Tan só restaban algunhas etapas planas e a crono final, na que Pino se impuxo por diante de Laurent Fignon e Sean Kelly (case nada!) e aínda lle sacou 33 segundos máis a Millar. E iso a pesar de arrastrar algúns problemas físicos, como unha rotura de fibras na perna, que lle fixo temer pola vitoria final.
A vitoria final estaba xa no peto. Tan só restaban algunhas etapas planas e a crono final, na que Pino se impuxo por diante de Laurent Fignon e Sean Kelly (case nada!) e aínda lle sacou 33 segundos máis a Millar
O seu triunfo non tivo nada de casualidade nin de fortuna. Nesa Vuelta estaban tamén Reimund Dietzen, Marino Lejarreta, Fabio Parra, Pedro Delgado, Pello Ruiz Cabestany, Omar Hernández, Charly Mottet, un novísimo Miguel Indurain e o corredor de Rois Suso Blanco Villar, que gañou dúas etapas, confirmando o bo momento do ciclismo galego.
Xa preto dos 30 anos, Pino acadaba por fin a gloria e completaría despois un estupendo ano 1986 cun 8º posto no Tour. Nos tres anos seguintes Pino virou xa un ídolo de masas en Galicia e un aspirante ás grandes vitorias, repetindo un 8º posto no Tour de 1988 e obtendo un 8º e un 5º posto nas Vueltas de 1988 e 1989.
Pino colgou a bicicleta en 1991, pero non deixou o ciclismo en absoluto. Nos anos seguintes foi comentarista en radio e, sobre todo, director deportivo de equipos como Kelme, Phonac e, entre 2006 e 2010, do equipo ciclista galego, o Xacobeo-Galicia, ata a súa desaparición por falta de apoio da Xunta.