O Gran Camiño volve en primavera: "Temos que sacar os cóbados entre as mellores carreiras do mundo"

O Gran Camiño, ao seu paso por Pontevedra © Kike Abelleira

A volta ciclista galega regresa cun cambio de datas, na primavera, do 14 ao 18 de abril, cun percorrido de cinco etapas que de novo presenta un perfil esixente e variado, cun deseño coidado do gusto dos afeccionados ao ciclismo e dos corredores ofensivos

A historia de O Gran Camiño nas súas primeiras catro edicións pode simplificarse en catro elementos: coidados deseños e percorridos, gañadores de categoría (Valverde, Vingegaard, Gee), espectacular realización televisiva (o ano pasado máis de catro millóns de telespectadores viron a proba só en Europa) e un tempo meteorolóxico duro e difícil.

O final de febreiro -as datas escollidas para a organización da proba entre 2022 e 2025- eran unha aposta arriscada (é difícil asegurar un tempo solleiro e temperaturas agradables no final do inverno en Galicia) e as consecuencias foron un gran número de xornadas de chuvia, vento, frío e mesmo neve, que obrigaron a neutralizar ou acurtar algunhas etapas, coa conseguinte perda de espectáculo. Pero optar por febreiro entre as poucas datas dispoñibles no calendario da UCI era tamén forma de asegurar unha participación de primeiro nivel para colocar Galicia no escaparate ciclista internacional.

Ezequiel Mosquera © OGC

"A única arma que temos é a excelencia deportiva e organizativa. Cónstanos que somos moi respectados nese sentido e que temos moito nome nese ámbito", destaca Ezequiel Mosquera

A volta ciclista galega regresa na súa quinta edición e faino en primavera, do 14 ao 18 de abril, cun percorrido de cinco etapas que de novo presenta un perfil esixente e variado, cun deseño coidado do gusto dos afeccionados ao ciclismo e dos corredores ofensivos. Aínda non se coñecen os participantes, pero en Galicia estarán os dous equipos máis fortes do pelotón internacional: UAE Team (liderado en principio por Adam Yates) e Visma Lease a Bike.

"Sabíamos que febreiro era un mes complicado, pero era a única forma de sacar a cabeza nun calendario moi saturado. Era difícil facelo no ano 2022 e agora é aínda máis difícil porque cada vez hai máis competencia", explica en conversa con Praza.gal Ezequiel Mosquera, director de O Gran Camiño e CEO da empresa organizadora, EME Sports. Mosquera engade que "sempre tivemos na cabeza que esa era unha forma de gañar un pouco de caché para despois tentar un cambio de datas a unha semana con menos risco".

"Sabíamos que febreiro era un mes complicado, pero era a única forma de sacar a cabeza nun calendario moi saturado. Sempre tivemos na cabeza que era unha forma de gañar caché para despois tentar un cambio de datas a unha semana con menos risco"

O director de O Gran Camiño recoñece que nos últimos anos houbo días duros: "Para un organizador é terrible ter que suspender unha etapa, sobre todo porque a maioría dos gastos, que son moitos, xa os tes que facer por adiantado". Porén, non se arrepinte nos riscos que se tomaron, por exemplo, ao programar unha etapa nos Ancares en pleno mes de febreiro: "Cando as cousas saen ben, coma por exemplo na etapa dos Ancares do ano pasado, coas imaxes que se viron, quedas tan a gusto que dis 'isto é o que quero facer'. Pero claro, que saia un día claro nos Ancares en febreiro é difícil".

Coa meteoroloxía nunca hai nada asegurado, pero o escenario en abril semella máis benévolo. O Gran Camiño correrase ademais entre a Itzulia (a volta ao País Vasco) e a Vuelta a Asturias, dando a oportunidade aos equipos a que encadeen dúas ou tres probas. Tamén está situada dúas semanas e media antes da celebración do Giro de Italia, optando Galicia a ser un espazo para preparar as rolda italiana.

O pelotón de O Gran Camiño, na etapa dos Ancares da edición 2025 © OGC

"O traballo é grande, o gasto é moito, pero a crítica é boa", destaca

Nunca é doado atraer os mellores equipos e corredores do mundo, nin en febreiro e menos aínda en abril. "Hai que buscar un oco entre País Vasco, o Tour de Alpes ou Romandía, temos que sacar os cóbados entre algunha das mellores carreiras do mundo. Hai overbooking de calendario", sinala Mosquera. O Gran Camiño é unha carreira con categoría 2.1 (a terceira división das probas sen etapas) e se momento segue que acadar o arelado ascenso á categoría seguinte (2.pro), que lle permitiría ofrecer máis puntos aos primeiros clasificados para as clasificacións da Unión Ciclista Internacional. "A única arma que temos é a excelencia deportiva e organizativa. Cónstanos que somos moi respectados nese sentido e que temos moito nome nese ámbito", di.

“Etapa cómoda ningunha, esa é unha máxima aquí. Todas teñen picante”, salienta Ezequiel Mosquera

En calquera caso, Mosquera fai un balance positivo destes primeiro anos de O Gran Camiño, que sempre son os máis difíciles. "Cando comezas un proxecto coma este, os medos son todos", di. "Pero os resultados dannos a razón, polo éxito da retransmisión televisiva e o seu alcance, ou pola confianza dos sponsors que van entrando, cando ves que hai moitas probas que non teñen ningún patrocinador privado". O Gran Camiño ten como patrocinadores principais á Xunta de Galicia e ás catro deputacións provinciais, pero tamén a Cortizo, Zara-Athleticz, Cabo de Peñas ou Fe-Seguros, ademais doutros 14 patrocinadores privados de carácter secundario.

"Gastamos moito en cousas que poden parecer chorradas, pero que son importantes para o bo funcionamento da proba, para o benestar dos ciclistas e o éxito da retransmisión", engade, e conclúe: "o traballo é grande, o gasto é moito, pero a crítica é boa".

Ataque de Jonas Vingegaard na edición 2024 de O Gran Camiño 2024 © sprintcycling

O percorrido: “Etapa cómoda ningunha, todas teñen picante”

"Non nos molesta que nos tilden de carreira dura ou de pouco apta para sprinters. Pero, ollo, si que é moi apta para clasicómanos ou, por exemplo, para carloscanales", di

No percorrido da quinta edición de O Gran Camiño chama a atención a repetición de dúas etapas que xa estiveron presentes, total ou parcialmente en anos anteriores. A primeira delas é a crono inaugural, de 15 quilómetros de lonxitude, polo litoral da cidade da Coruña, con final da Torre de Hércules. Un fermoso percorrido que hai dous anos foi moi afectada polo forte vento (ditaminouse un gañador, pero non se tomaron tempo para a clasificación xeral). "A Coruña quedara contenta co produto pero cun sabor agridoce. A etapa salvouse, pero queríamos moito máis ca iso, sobre todo polo bonito do percorrido", destaca Mosquera.

As dúas etapas seguintes, con final en Barreiros e Padrón, respectivamente, son as máis cómodas da proba. Pero Ezequiel Mosquera sorrí ao escoitar este adxectivo: “Etapa cómoda ningunha, esa é unha máxima aquí. Todas teñen picante”, di. En efecto, as dúas etapas comparten un perfil semellante, con portos de montaña preto da meta, que pode permitir unha chegada ao sprint (dun grupo máis ou menos grande) pero que tamén pode favorecer unha fuga.

"Unha das cousas que temos claro é que nunca se debe condenar unha etapa a que chegue ao sprint, sempre teñen que ter dificultade para darlles interese e evitar no posible que chegue un grupo grande", explica Mosquera, que salienta que "non nos molesta que nos tilden de carreira dura ou de pouco apta para sprinters. Pero, ollo, si que é moi apta para clasicómanos ou, por exemplo, para carloscanales", en referencia ao corredor limiao de Movistar Carlos Canal, que suma xa dous segundos postos e un terceiro en etapas de O Gran Camiño.

Os camiños de terra foron protagonistas na derradeira etapa de O Gran Camiño 2025 © OGC

A etapa raíña será a cuarta, con final no inédito e esixente Alto de Cabeza de Meda

A etapa raíña será a cuarta, con final no inédito e esixente Alto de Cabeza de Meda, ao que se subirá dúas veces: a primeira máis longa e tendida (pero con máis de mil metros de desnivel en 20 quilómetros) e a segunda máis curta e dura, con 4,6 quilómetros e unha pendente media do 9,7%, con rampas de ata o 17,5%.

CRI na Coruña na edición 2024 de O Gran Camiño © Kike Abelleira

A meta en Trega repetirá o espectacular final vivido hai tres anos, cos derradeiros metros empedrados percorrendo o via crucis que remata no cume do monte

E se a proba non quedase decidida en Xunqueira de Espadanedo, a derradeira etapa ofrece percorrido para que haxa cambios na clasificación xeral. Non só pola chegada final ao Monte Trega, na Guarda, senón tamén polo dobre paso polo alto da Portela ("un segunda que non é un primeira porque é curto", di Mosquera). A meta en Trega repetirá o espectacular final vivido hai tres anos, cos derradeiros metros empedrados percorrendo o via crucis que remata no cume do monte.

Chegada ao Monte Trega na edición 2023 de O Gran Camiño © OGC

"Será un sábado nunha comarca moi ciclista, así que estou seguro de que vai haber moita xente"

"Temos moita confianza nesta etapa: por unha banda porque define moi ben o que é O Gran Camiño, o protagonismo para o patrimonio natural e histórico é unha das nosas marcas de identidade", destaca Mosquera. "Pero sobre todo porque será un sábado nunha comarca moi ciclista, así que estou seguro de que vai haber moita xente", conclúe.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.