Volve 'O Gran Camiño': o ciclismo como escaparate internacional dun país

Ezequiel Mosquera, na presentación do percorrido da edición 2026 de O Gran Camiño © OGC

A quinta edición de O Gran Camiño terá lugar entre o 14 e 18 de abril con cinco etapas con final na Coruña, Padrón, Barreiros, Alto de Cabeza de Meda e Santa Trega

O mellor ciclismo do mundo volve a Galicia. Xa se coñece o percorrido completo da quinta edición de O Gran Camiño, unha proba que regresa coa importante novidade do seu cambio de datas, pois pasa de celebrarse en febreiro, como sucedeu nos catro últimos anos, a facelo en abril, do 14 ao 18. E que mantén o seu deseño de cinco etapas, pero desta volta todas en territorio galego, despois da incursión en Portugal do ano 2025. Mantén, igualmente, a categoría 2.1 (a terceira para unha proba por etapas), ficando a posibilidade dun ascenso á segunda cateogría (2.Pro) para outra ocasión.

O Gran Camiño presentou o pasado venres o seu percorrido nun acto celebrado no Campus Tecnolóxico de Cortizo, en Padrón, amosando unha vez máis o forte compromiso desta empresa co ciclismo galego. A presentación serviu para revelar os detalles do percorrido pero tamén para poñer en valor a importancia deportiva, económica, turística e cultural da carreira.

“Esta non é unha proba deportiva máis”, destacou o director de O Gran Camiño e CEO de EME Sports, Ezequiel Mosquera, quen reivindicou a narrativa histórica, cultural e etnográfica dunha proba na que se coida “ata o último detalle”. Mosquera salientou que OGC busca promover o deporte, ofrecer espectáculo ciclista, pero tamén “poñer en valor o territorio e o patrimonio”, un “activo impresionante” de Galicia no mundo. “Isto é unha historia, isto é historia de Galicia. É contar a nosa historia desde o Camiño máis antigo do mundo”, concluíu.

“Esta non é unha proba deportiva máis”, destacou o director de O Gran Camiño e CEO de EME Sports, Ezequiel Mosquera, que salienta que a carreira é "un proxecto de país"

No acto interveu tamén o embaixador de OGC, o exciclista Óscar Pereiro, que destacou que a proba servirá para “consagrar unha carreira que é patrimonio de todos” e que homenaxea “a quen leva tantos anos traballando polo ciclismo” en Galicia.

Falaron, igualmente, representantes da Xunta de Galicia, coma o conselleiro de Presidencia Diego Calvo, e das deputacións provinciais, adminstracións implicadas na organización e impulso dunha carreira concibida como "un proxecto de país". Así, na presentación interviron o vicepresidente da Deputación de Lugo Efrén Castro, o responsable de Deportes da Deputación da Coruña Antonio Leira, o vicepresidente da Deputación de Ourense César Fernández, e a responsable de Deportes da Deputación de Pontevedra, Xisela Aranda.

O percorrido

A proba mantén na edición deste ano o coidado deseño das súas etapas, con perfís que buscan que todos os días haxa emoción e que as imaxes televisivas amosen a beleza natural e paisaxística de Galicia

A proba mantén na edición deste ano o coidado deseño das súas etapas, con perfís que buscan que todos os días haxa emoción, como destacaba Ezequiel Mosquera nesta entrevista, e que as imaxes televisivas amosen a beleza natural e paisaxística de Galicia. 

O pasado ano as etapas de O Gran Camiño foron seguidas por preto de catro millóns de espectadores só en Europa, unha mostra do potencial promocional da carreira. Ademais, nos últimos anos O Gran Camiño destacou pola calidade técnica da súa realización, introducindo algúns elementos innovadores que posteriormente foron adoptados por outras carreiras, coma o uso de drons para a retransmisión en directo.

Percorrido completo e perfil da primeira etapa da edición 2026 de O Gran Camiño © OGC

A primeira tirada, unha crono individual de 14,8 quilómetros polas rúas da Coruña é practicamente unha repetición da etapa que hai dous anos non se puido celebrar con normalidade (houbo un gañador, pero non se estableceron diferenzas para a xeral) por mor do forte vento. A contrarreloxo marcará as primeiras distancias entre os favoritos e obrigará aos escaladores a atacar nos días seguintes

A segunda etapa (Vilalba-Barreiros, 158,5 quilómetros) percorre o norte da provincia de Lugo cun desnivel de 2.130 metros e dous altos de terceira categoría: A Gañidoira e Noceda, este último preto da meta, dificultando o control da carreira para os equipos dos sprinters e introducindo a posibilidade de que chegue unha fuga. Será unha etapa con paisaxes espectaculares e que rematará fronte ao mar, na praia de Coto, en Barreiros.

A terceira etapa (Carballo-Padrón, 173 quilómetros) pasa tamén por Santa Comba, Outes, Noia, Porto do Son, Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Boiro, Rianxo, Rois. Será unha tirada aparentemente cómoda (aínda que con 2.453 metros de desnivel positivo), pero que inclúe os altos Campelo (3ª), A Muralla (2ª) e Formarís (3ª), os dous últimos preto da meta. A etapa une dúas localidades que “levan o ciclismo no ADN”, como destacou o venres o responsable de Deportes da Deputación da Coruña, Antonio Leira.

Perfil da segunda e terceira etapa da edición 2026 de O Gran Camiño © OGC

A cuarta tirada (Xinzo de Limia-Alto de Cabeza de Meda, 155,5 quilómetros) está considerada a etapa raíña, con 3.103 metros de desnivel e dous ascensos ao alto de Cabeza de Meda, de primeira categoría, ademais do alto do Rodicio, de terceira. Será unha etapa “épica” para “amosar a fermosura das paisaxes” da provincia, destacou o vicepresidente da Deputación de Ourense, César Fernández.

A carreira decidirase na derradeira etapa (As Neves-Monte Trega, 170,5 quilómetros), un final que xa se puido ver no ano 2023, con vitoria de Jonas Vingegaard. Antes que subir ao alto da Guarda, haberá que superar dous ascensos ao alto da Portela, nunha etapa que suma 2.682 metros de desnivel positivo.

En Galicia estarán os dous equipos máis fortes do pelotón internacional: UAE Team e Visma Lease a Bike

Nas vindeiras semanas iremos coñecendo os equipos que participarán na quinta edición dunha proba que os últimos catro anos tivo gañadores de primeirísimo nivel, como Alejandro Valverde, Jonas Vingegaard ou Derek Gee. De momento, Ezequiel Mosquera xa anticipa que en Galicia estarán os dous equipos máis fortes do pelotón internacional: UAE Team e Visma Lease a Bike.

Perfil da cuarta e quinta etapa da edición 2026 de O Gran Camiño © OGC

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.