Figuras do deporte amosan nun vídeo o seu apoio ás seleccións galegas

Imaxe da exposición 'Galiza, un pobo, unha selección' © Vía Galega

Vía Galega vén de presentar o documental “Galiza, un Pobo, unha selección” no que 13 referentes do deporte galego amosan o seu apoio á constitución de seleccións propias en todas as disciplinas e á súa participación en competicións internacionais. Os e as participantes subliñan, ademais, a importancia que estas seleccións galegas terían para a potenciación do deporte en Galicia e o apoio que suporían para os e as competidoras. E, engaden, a relevancia que ten o deporte na loita pola igualdade de xénero. 

Caetano Horta, diploma olímpico en remo nos Xogos Olímpicos de Toquio, dique "sería un orgullo para min competir con Galiza a nivel internacional"

No vídeo participan, entre outros, Fernando Vázquez -que foi adestrador da selección galega de fútbol-, Caetano Horta -diploma olímpico en remo nos Xogos Olímpicos de Toquio-, Xulia Vaquero -subcampioa europea de cros-, Eva Castro -podio europeo e campioa estatal de ciclismo de montaña-, Alba Cuba -subcampioa Estatal de triatlon- ou o ciclista Gustavo César Veloso, gañador da Volta a Portugal en dúas ocasións e que vén de retirarse aos 41 anos de idade

Os e as participantes subliñan a importancia que estas seleccións terían para a potenciación do deporte en Galicia

Tamén interveñen o alpinista Luís Penín, a taekwondista Mercé Barrientos -expresidenta da Federación Galega-, o adestrador de atletismo Manuel Polo, Cristina López Villar -profesora da facultade de Ciencias do Deporte da UDC, Xurxo Souto -impulsor de Seareirxs Galegxs-, Alexandre ‘Jano’ Sanmartín -seleccionador galego de fútbol gaélico- e Xan Rodiño, presidente da A.C.D de Billarda das Rías Baixas.

Fernando Vázquez di que "Deus queira que algún día o Estado español decida que Catalunya, Galicia e o País Vasco van ter tamén competencias deportivas, polo que poderían deseñar as súas seleccións e participar nas competicións europeas e mundiais. Para iso necesítase que a política cambie"

No documental Caetano Horta subliña que "sería un orgullo para min competir con Galiza a nivel internacional. Por que non nun futuro?". De igual xeito, Alba Cuba afirma que "co sentimento que tes cando podes competir coas túas cores merecían moito máis as competicións, aínda que non fosen de primeiro nivel internacional".

Pola súa banda, Fernando Vázquez di que "Deus queira que algún día o Estado español decida que Catalunya, Galicia e o País Vasco van ter tamén competencias deportivas, polo que poderían deseñar as súas seleccións e participar nas competicións europeas e mundiais. Para iso necesítase que a política cambie". Vázquez engade que "realmente non o vexo como un destrozo do Estado español, senón mesmo ao contrario como un reforzamento do Estado español".

Cabeceira do documental © Vía Galega

Manuel Polo denuncia que "as federacións deportivas galegas están baixo o pé, engaioladas, baixo as federacións estatais" e defende que a participación de Galicia con seleccións propias "impulsaría o noso deporte"

Mentres, Manuel Polo denuncia que "as federacións deportivas galegas están baixo o pé, engaioladas, baixo as federacións estatais" e defende que a participación de Galicia con seleccións propias "daríanos máis presenza internacional e impulsaría o noso deporte, que é máis forte do que hoxe se pensa, diluído entre o deporte do resto do Estado español". 

En termos semellantes exprésase Gustavo César Veloso, que considera as selección "unha boa oportunidade para que os deportistas galegos poidan competir internacionalmente ao máximo nivel", ao tempo que critica que na actualidade "faltan moitos medios para os deportistas galegos para poderen exercer a súa disciplina sen ter que marchar a outros lugares".

Vía Galega insta á Xunta a "tomar en consideración a opinión destes referentes do ámbito deportivo que xunto cos milleiros de cidadáns e cidadás están a reclamar seleccións galegas en todos os deportes"

Vía Galega insta á Xunta a "tomar en consideración a opinión destes referentes do ámbito deportivo que xunto cos milleiros de cidadáns e cidadás están a reclamar seleccións galegas en todos os deportes". "O Goberno galego non pode continuar de costas a esta reivindicación e ten que reclamar as competencias plenas para poder competir oficialmente coas nosas seleccións", di, criticando que "o seu desleixo e desprezo aos nosos símbolos e a todo o que nos conforma como nación é tan extremo que até evita os encontros amigábeis, co obxecto de invisibilizarnos como galegas e galegos e afondar máis na nosa irrelevancia como País".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.