Unha ducia de citas que non podes perder no Culturgal 2024
Entre o venres 29 de novembro e o domingo 1 de decembro o Pazo da Cultura de Pontevedra acolle unha nova edición do Culturgal, o grande espazo de encontro da cultura galega, que amosa o mellor da produción artística do país cunha variada programación con ofertas para todos os públicos. Actividades infantís, proxeccións, teatro, presentacións literarias, debates, concertos... Velaquí unha escolma co máis destacado dos tres días de festa da cultura galega.
-
01
Coellos, raposas e fragas nun escenario infantil para soñar
Nenos e nenas están entre o público que abofé máis goza das actividades do Culturgal. O Escenario Infantil acolle cada ano unha programación variada e de calidade de contacontos, teatro ou música dirixida aos e ás máis pequenas da casa.
Comeza o venres, coa inauguracion da feira, con Alicia para as minchiñas, e segue o sábado con A Fantochoteca, A Raposa muiñeira, A última fronteira ou A fraga das avoas invisíbeis. Xa o domingo haberá tempo para a visita dos Balbinos aos Museos de Galicia ou para O rap sen APPs do coello Fedello.
-
02
Sesión Bravú
A primeira xornada do Culturgal péchase cunha Sesión Bravú que celebra o 30 aniversario do movemento. Faino, por suposto, con música, cos concertos da Banda Xangai e das pontevedresas Rager. Ademais, proxectarase o documental BRAVÚ XXX, producido por Nós Televisión, un evento presentado por Xurxo Souto. A entrada é libre (coa entrada a Culturgal ou o abono)
-
03
Abril é un país
A xornada do sábado ábrese, pola mañá, ollando cara a Portugal. Neste 2024 estivo a celebrarse o 50 aniversario da Revolución dos Cravos. Unha das obras que buscaron recuperar a memoria deste movemento popular foi Abril é un país (Kalandraka) da xornalista estradense Tereixa Constenla, correspondente de El País en Lisboa, con quen falamos nesta entrevista.
A partir das 13 horas Constenla manterá unha conversa con Ramón Rozas ao redor do 25 de abril e o seu legado.
INTERACTIVO | O 25 de abril, hora a hora: a revolución pacífica que cantou á liberdade
DUCIA | Unha ducia de lugares da Revolución dos Caraveis en Lisboa
-
04
The Wall, o primeiro videoxogo galego
O Culturgal reserva un amplo espazo para o sector do videoxogo, un dos ámbitos culturais que máis medra en Galicia, xestionado pola Asociación galega de videoxogos e contidos interactivos. Nel desenvólvense varias presentacións de videoxogos -‘Inside Utopía’, ‘Xerme de Acariño’, ‘Gelatina tiene hambre', ‘Spells&Spices’ ou ‘After juice’- e un evento moi especial.
O sábado ás 13 horas terá lugar a presentación de The Wall, o primeiro videoxogo realizado en Galicia, comercializado en 1986 polo ourensán Álex González, e ao que o Museo do Videoxogo de Galicia (MUVI) lle dedica dende o mes pasado unha exposición. No Culturgal estará o propio Álex González e representantes do MUVI.
-
05
Olga Novo + Su Garrido Pombo
Unha das cousas que lle gusta ao Culturgal dende hai tempo é a mestura de xéneros. Por exemplo, a literatura e a música. O sábado ás 17 horas subirán ao escenario Olga Novo e Su Garrido Pombo, poesía e música, para presentar xuntas os poemas musicados en Patios de Luz
-
06
'As Neves'
Dentro da programación audiovisual do Culturgal destaca a proxección de 'As Neves', o sábado ás 19 horas, acompañada dun coloquio con Sonia Méndez, directora e Nati Juncal, produtora.
-
07
Reconversión
No Culturgal haberá tempo para o teatro. O sábado ás 19 horas poderase ver un adianto da obra Reconversión, de Ibuprofeno Teatro, escrita por Santiago Cortegoso.
-
08
Dez anos do dominio galego
O Culturgal acollerá a celebración do décimo aniversario do .gal, o dominio galego na rede. Haberá moita música -os concertos do proxecto Pava de Lucía Aldao (sábado ás 19 horas) e de Caamaño&Ameixeiras (ás 20 horas)- e un debate sobre os dez anos de puntogal (o domingo pola mañá), con Saúl Vérez, Xabier Martínez Rolán, Marcos Maceira e Adriana Freire, moderados por Bárbara Vilariño.
-
09
Ultranoite Cultureta
A sesión do sábado pecharase cun evento moi especial: a Ultranoite Cultureta, realizada expresamente por Chévere para o Culturgal 2024. A estrea mundial da produción contará con Patricia de Lorenzo, Miguel de Lira, Diego Anido, Mónica García, Xesús Ron, Borja Fernández e Arantza Villar. As entradas teñen un prezo de 22 euros na web do Culturgal
-
10
Poesía por Palestina
Unha das primeiras citas do domingo é a presentación (ás 12 horas) do poemario A Balada do exilio, de Xulio Cid Neira, e publicado por Saurobuk. O libro narra a desposesión e o borrado do pobo palestino, dunha cultura e da súa historia e conta o sufrimento e o trauma das persoas que se ven privadas da posibilidade de retornar ao seu lugar de orixe. Os beneficios recadados coa súa venda serán enviados directamente a familias palestinas afectadas.
-
11
Rivas e a mellor literatura do ano
O Culturgal terá moita literatura. Da boa. Da mellor. Ás 12 horas Manuel Rivas, recentemente galardoado co Premio Nacional das Letras, será entrevistado por Susana Pedreira ou Ramón Rozas ao fío de Tras do ceo (Xerais).
Antes, o sábado por tarde, dúas mesas redondas xuntarán algúns dos autores e autoras máis celebradas da narrativa galega no último ano. Ás 18 horas haberá unha conversa coas autoras gañadoras dos Premios Xerais 2024: Marta Villar, Raquel Fernández Fernández e Abel Tomé (entrevistadas por Teresa Cuíñas). E ás 20 horas a Mesa Narrativa da editorial Galaxia xuntará a Ana Varela, Miriam Couciero Castro, Lara Dopazo Ruibal e Iria Collazo López (moderadas por Marcos Calveiro).
-
12
A nena e o grilo, o camiño das cores
Culturgal acolle a estrea da cuarta e última entrega do espectáculo A nena e o grilo, o camiño das cores, o musical infantil máis aclamado na escena galega nos últimos 15 anos, con Magín Blanco e Ghazafellos. Será o domingo ás 12.15 horas, con entradas a 3 euros por compra anticipada na web do Culturgal
-
13
Quero cantar
O domingo ás 17 horas os grupos Hush, de Teo, e Interestelares, do Morrazo, finalistas na última edición do Concurso de Música Infantil e Xuvenil Quero Cantar da Deputación da Coruña, presentarán en directo as súas cancións e amosarán o talento e a enerxía da escena máis miúda da música galega.
-
14
‘Enciclopedia perplexidade’ e ‘A dama que fala’
O domingo ás 18 horas terá lugar a presentación dos volumes: Enciclopedia perplexidade de Antón Reixa (Kalandraka) e A dama que fala do Grupo de Comunicación Poética Rompente (Editorial Elvira). Coa participación de Alberto Avendaño, Manuel M. Romón e Antón Reixa.
-
15
Contos e contas do fútbol galego.
No Culturgal mesmo haberá tempo para falar de fútbol. O domingo ás 17 horas presentarase o libro A gran final. Contos e contas do fútbol galego, publicado por Edicións Positivas. A obra conta con achegas de 22 autores/as, futbolistas e seareiros/as galegos/as, entre eles Xurxo Souto, Patricia Janeiro, Marilar Aleixandre, Bieito Iglesias, Alex Bergantiños, Eduardo Berizzo, María Sabarís, Xosé A. Touriñán e Vero Boquete.
-
16
Pandeiretas para dar paso ao futuro
O Culturgal pechará a súa edición 2024 mirando ao 2025 con Somos pandereteiras, un acto organizado pola Real Academia Galega e a Consellería de Cultura coa vista posta no vindeiro Día das Letras, dedicado ás pandereteiras.
Será o domingo ás 19 horas e contará con Bouba pandereteiras, Ana Romaní, María Reimóndez, Susana S. Arins, Andrea Nunes Brións e Mercedes Peón en conversa con Selina Otero, nun acto introducido por Ana Boullón da RAG.