Marcos Pérez Pena

Unha ducia de agasallos de comercio local que podes mercar online

Achéganse as datas de dar e recibir agasallos e cada vez son máis as pequenas tendas galegas que amosan e venden os seus produtos na rede, con envío ao todo o país. Velaquí unhas poucas ideas, das moitas que se poden atopar, sen ter que recorrer a Amazon ou ás grandes superficies.

  1. 01

    Xoias e alfaias

    Hainas de todos os tipos e prezos ben diferentes, para agasallos de todas as cateogorías. Destaca, por exemplo, o traballo en prata que vende dende Bergondo o obradoiro xoieiro artesán de Ardentía. Ou as creacións en prata e papel que elabora en Nigrán Joyas de Papel.

  2. 02

    A revolución das mulleres

    Entre as fermosas creacións de Vai Vai Mr. Can (Ourense) está unha colección de produtos que homenaxean a mulleres. Dende Vigo, Animosa ofrece tamén "deseños inspirados en mulleres que romperon barreiras e abriron camiño". E tamén en Vigo está Oui Jane!, un proxecto social que mestura feminismo e moda sostible.

  3. 03

    Melemau

    Melemau (Compostela), Sopa de Nuez (Lugo), La Bocoque (Cangas) ou Xiro (Moaña) deseñan e venden roupa elaborada de xceito artesanal. Prendas, polo tanto, orixinais e sostibles.

  4. 04

    Sosmosoceano

    Dende hai tempo Somosoceano (Vigo) vende camisetas e calcetíns inspirados no Atlántico e en Galicia. O de Bria Concept (Mondoñedo) son os delantais, tamén deseñados, estampados e elaborados en Galicia. Mentres, Atlantic Republic (Vigo) ofrece traxes de baño realizados en poliéster reciclado.

  5. 05

    Souvenirs e demais deseño galego

    A imaxinación dos e das deseñadoras galegas non ten fin, e as súas creacións son sempre unha boa escolla para regalar. Ultramarinos  (Vigo), Nuria Díaz (Compostela), Cestola na Cachola (Lalín) ou Amorote (Ames) son un acerto seguro.

  6. 06

    Algo de música

    Sanín (Compostela) elabora e vende instrumentos de percusión e xoiería artesanal, un bo agasallo que regalar aos amantes da música, que tamén teñen onde elixir en Xaneco (Outeiro de Rei)

  7. 07

    Cousas de comer

    Unha boa escolla para regalar (ou regalarse) pode ser algo de comer. Produtos gourmet, artesáns, conservas... cos que por exemplo conformar unha caixa. Gula Galega (Compostela), Lareira Gourmet (Betanzos) ou Alcacén de Liñares (Campo Lameiro) ofrecen multitude de produtos

  8. 08

    E por que non cervexa artesá?

    E tamén hai moito e bo onde elixir entre as cada vez mellores cervexas artesás galegas. Por exemplo, as de La Ferrolana, a Domenicus de Lugo ou as que dende Ponteareas distribúe Galician Brew

  9. 09

    Unha excursión (ou unha viaxe)

    Volta montana (Poio) organiza rutas de sendeirismo, cultura e natureza en Galicia. E, de igual xeito, Bluscus (Vigo) céntrase no "turismo mariñeiro" e nas experiencias relacionadas co mundo do mar.

  10. 10

    Xogos e xoguetes

    Na rede pódense atopar xoguetes orixinais e en galego, realizados e distribuídos por pequenas tendas como Brazolinda (Compostela) ou Buxaina (Fene), que vende xogos de mesa tradicionais de todo o mundo feitos en madeira.

  11. 11

    Para as crianzas

    Para os máis pequenos e pequenas da casa, ata os 36 meses, Gaia Ecocrianza (Compostela) vende produtos ecolóxicos, fabricados en condicións de traballo dignas e cun baixo impacto ambiental. Outra opción é Mamá Limón (Lugo), unha "tenda de cousas bonitas para nenos aventureiros", que vende roupa, elementos de decoración, accesorios para o coidado dos bebés e mesmo peluches.

  12. 12

    Cosméticos galegos

    Dende Monterroso Muuhlloa vende cosmética 100% galega realizada con produtos ecolóxicos, entre eles herbas da Ulloa, leite de Monterroso e auga do Carballiño, como destacaban nesta reportaxe. Algo semellante fai Naturavia dende Ribadavia.

  13. 13

    Zapatos, zocas e outras cousas de poñer nos pés

    Hai dúas semanas Elena Ferro recibiu o Premio Nacional de Artesanía do Ministerio. Ela vende na rede os seus produtos dende Vila de Cruces. Como tamén Losal (Monforte de Lemos) vende online o calzado que de forma artesanal elabora dende 1899. Ou Pera Limonera (Melide), cun estilo máis informal e divertido.