Marcos Pérez Pena

Unha ducia de exposicións para ver en Galicia agora e nos vindeiros meses

Neste momento e nos vindeiros meses son moitas as exposicións que se poden ver en Galicia, principalmente nos museos e salas das sete cidades. Pintura, fotografía, historia, cómic... repasamos aquí algunhas destas citas para que non perdas ningunha.

  1. 01

    O ouro dos akan. Tesouros reais da África occidental (Fundación Barrié. A Coruña)

    Ata o 13 de xullo pode verse na Fundación Barrié da Coruña a exposición O ouro dos akan. Tesouros reais da África occidental, que amosa máis de 300 obxectos da cultura africana occidental dos akan, orixinaria das actuais Ghana e Costa do Marfil.

  2. 02

    David Bailey (Fundación MOP. Porto da Coruña)

    Un pouco antes do remate da enterior, o 28 de xuño, a Fundación MOP inaugurará na súa sede do porto herculino a súa nova exposición, con máis de 140 fotografías do fotógrafo británico David Bailey procedentes dos anos 60 e 70 do século pasado. A mostra, David Bailey's Changing Fashion, é a quinta que organiza a Fundación Marta Ortega -tras as de Peter Lindbergh, Steven Meisel, Helmut Newton e Irving Penn- e poderá visitarse ata o 14 de setembro.

  3. 03

    Castelao: o retorno a Galicia, 1984. Fotografías de Xan Carballa (Museo do Pobo Galego)

    Seguindo a conmemoración do 75 cabodano de Castelao, pode verse no Museo do Pobo Galego ata o 14 de xuño a mostra Castelao: o retorno a Galicia, 1984. Xan Carballa, fotografías, unha exposición comisariada por Xosé Enrique Acuña que iniciou a súa andaina o pasado ano no Museo de Pontevedra. 

    A mostra recolle 52 das imaxes que Xan Carballa tirou para o semanario A Nosa Terra o 28 de xuño de 1984, momento da chegada dos restos de Castelao a Galicia para ser depositados no Panteón de Galegos Ilustres.

    Podes ver aquí unha ducia destas imaxes

  4. 04

    Castelao ensina (MUPEGA, Santiago)

    Tamén con Castelao como protagonista, o Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA), en Santiago, ofrece nestes momentos a exposición Castelao ensina, que recolle a faceta do rianxeiro como mestre no Instituto de Pontevedra. Pode verse ata o 14 de xuño.

  5. 05

    Rafael Úbeda (Cidade da Cultura, Santiago)

    Nestes momentos pode verse na Cidade da Cultura a exposición Úbeda. Visión retrospectiva, unha mostra que abrangue unha ollada completa da traxectoria creativa do pintor pontevedrés. O Museo Centro Gaiás reúne nesta mostra 56 pinturas, cinco debuxos e unha peza audiovisual inédita que axuda a comprender a súa evolución. Pode verse ata o 7 de setembro

  6. 06

    Picasso protagonista. Viñetas no cómic español contemporáneo (Afundación, Ferrol)

    A exposición Picasso protagonista. Viñetas no cómic español contemporáneo, que xa pasou por varias cidades galegas, pode verse neste momento en Ferrol, na sede de Afundación. Nela, varios creadores e creadoras de cómic expoñen aa súas obra inspiradas en Picasso. Ata o 21 de xuño.

  7. 07

    Crear porvir. Editorial Galaxia 1950-2025 (Afundación, Ourense)

    A sede ourensá de Afundación acolle ata o 28 de xuño a mostra Crear porvir. Editorial Galaxia (1950-2025), que percorre os 75 anos de historia desta empresa e institución do galeguismo, comisariada por Henrique Monteagudo. Despois de verse en Santiago e Lugo, pasarán ata final de ano polas restantes cidades do país.

  8. 09

    A porta fechada. Ana Gil (Museo Provincial de Lugo)

    Ata o 15 de xuño pode verse no Museo Provincial de Lugo a exposición A porta fechada, con fotografías de Ana Gil que exploran o fogar como "un espazo de opresión e desacougo". O proxecto recolle o resultado dun traballo de investigación sobre o espazo doméstico que a artista desenvolve dende 2006.

  9. 10

    Mandala, de Pilar Albarracín (CGAC, Santiago)

    Ata o 7 de setembro pode verse no CGAC de Santiago a exposición de Pilar Albarracín Mandala (Arc en ciel). Trátase dunha das creadoras claves na renovación das linguaxes artísticas en España durante os anos noventa.

  10. 11

    Luis Seoane. Identidade, memoria histórica e movementos sociais (Fundación Seoane, A Coruña)

    Na Fundación Seoane da Coruña pode verse ata o 10 de xullo a exposición Luis Seoane. Identidade, memoria histórica e movementos sociais, unha mostra que pon de manifiesto diferentes aspectos do pensamento do artista.

  11. 13

    Queridos obxectos: nostalxia e sedución (Museo Liste. Vigo)

    En Vigo o Museo Etnográfico Liste amosa ata o 31 de decembro a exposición Queridos obxectos: nostalxia e sedución, que afonda nos souvenirs como "un valioso instrumento de análise do ser humano e da sociedade na que habita"