Marcos Pérez Pena

Unha ducia de finalistas nos Premios Mestre Mateo 2021

Este mércores déronse a coñecer as candidaturas finalistas para os premios do audiovisual galego, que se entregarán o vindeiro 10 de abril nunha gala presencial no Teatro Colón da Coruña. Repasamos aquí unha ducia destes finalistas, profesionais e proxectos, que amosan a boa saúde da produción galega do último ano. Semella que a cousa vai de illas e cun toque de Galician Noir

  1. 01

    Ons

    Ons, o filme dirixido por Alfonso Zarauza, é a produción que suma un maior número de candidaturas (13), entre eles nas categorías de Mellor Longametraxe, Mellor Director, Mellor Guión (o propio Zarauza con Jaione Camborda) e para catro dos seus intérpretes: Melania Cruz, Marta Lado, Xúlio Abonjo e Antonio Durán 'Morris'. “Non me gustan as películas que se autoconclúen, senón as que me deixan rumiando na cabeza”, dicía Zarauza nesta entrevista en Praza.gal pouco antes da estrea do filme, que acadou un grande éxito nas salas comerciais a pesar do difícil contexto dos últimos meses.

  2. 02

    A Illa das Mentiras

    A Illa das Mentiras, de Paula Cons, é o segundo filme finalista en máis categorías (12), incluídas Mellor Longametraxe, Mellor Director, Mellor Guión (tamén a cargo de Paula Cons) e para as actrices Nerea Barros, Victoria Teijeiro e os actores Darío Grandinetti e Milo Taboada. "Está claro que as 'heroínas de Sálvora' eran mulleres cunha moralidade férrea", destacaba Paula Cons nesta entrevista.

  3. 03

    Lúa Vermella

    Lúa Vermella, de Lois Patiño, é outra das finalistas na categoría de Mellor Longametraxe, sumando ademais outras tres candidaturas, entre elas a de Mellor Dirección e Mellor Fotografía, para o propio Patiño

  4. 04

    Arima

    Arima, de Jaione Camborda, é a outra candidata a Mellor Longametraxe de ficción, sumando un total de sete finalistas, entre eles a propia Camborda na categoría de Mellor Guión.

  5. 05

    El desorden que dejas

    O audiovisual tamén son as series, que nos últimos anos están a experimentar un crecemento importantísimo. Cada vez hai máis producións que ademais procuran extremar a súa calidade para chegar a públicos de distintos países. El desorden que dejas suma 8 candidaturas, mentres que Néboa recibiu 6, O sabor das margaridas obtivo 3 e Auga seca sumou 2. Varias delas (ao igual que algún dos filmes finalistas) enmárcanse na etiqueta de Galician Noir que comeza a popularizarse para a produción audiovisual galego que introduce elementos de suspense e xénero negro e que foi destacado mesmo porlo xornal británico The Guardian.

  6. 06

    Nación

    Hai tamén un gran nivel na categoría de Mellor Documental, con catro candidatas entre as que destaca Nación, dirixido por Margarita Ledo. O filme estréase nas salas comerciais o vindeiro 26 de marzo. "Nación é un filme de mulleres, de mulleres traballadoras que soñan con voltar á fábrica. É un filme feminista, da experiencia da sororidade. Un filme de clase, das traballadoras de Pontesa, de Odosa, de Regojo, de todas as que nos representan, mulleres valentes que ensinan os dentes. Nós vimos delas", destaca a directora.

  7. 07

    Dorothé na vila

    Outra das candidatas na categoría de Mellor Documental é Dorothé na vila, dirixido por Alejandro Gándara e Olaia Tubío e que afonda no traballo da musicóloga suíza Dorothé Schubarth, que chegou a Galicia nos anos setenta e levou a cabo unha recollida de pezas tradicionais que compilou no Cancioneiro Popular Galego en colaboración con Antón Santamarina. Schubarth foi homenaxeada en 2014 no Día das Galegas nas Letras e no 2017 co Premio Honorífico Martín Códax

  8. 08

    Muinheira de Interior

    Na categoría de Mellor Videoclip musical a Muinheira de Interior de Boyanka Kostova, realizado por Xaime Miranda é un dos finalistas

  9. 09

    Illas de sal

    Outro dos candidatos é Illas de sal, de Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre, vídeo realizado polo propio Xabier Díaz Carro

  10. 10

    Amnesia 3.0

    Dende hai anos unha parte da producións audiovisual está pensada directamente para a súa emisión e consumo a través da web. As webseries levan anos funcionando como canteira de novos e novas profesionais, pero ademais son quen de desenvolver linguaxes e formatos propios, que mesmo aproveitan as posibilidades de interacción que ofrece a tecnoloxía. Amnesia 3.0, gañadora do premio á produción de proxecto do festival de contidos dixitais Carballo Interplay, é unha das finalistas nos Mestre Mateo, coa particularidade de que se trata dunha serie interactiva, na que cada espectador ou espectadora se pode achegar á historia por un ou outro itinerario que pode escoller. 

  11. 11

    Night Keeper

    Nas últimas dúas décadas Galicia destacou na produción de filmes e curtas de animación. E, de feito, a longametraxe gañadora dos recentes Premios Goya, A galiña Turuleca é unha coprodución galega. Na categoría de mellor curta de animación son catro as pezas finalistas: Carne, Kleiner lügner, Reality e Night keeper, esta última realizada por alumnado da Escola de Imaxe e Son de Vigo -EISV.

  12. 12

    Segredos - Desmontando Galicia

    Os Mestre Mateo tamén premian a producións e profesionais da televisión. Na categoría de Mellor Programa de TV un dos catro finalista é 'Segredos - Desmontando Galicia', de MBC Servicios Audiovisuales para a Televisión de Galicia, un espazo que aproveitando infografías e recreacións e coa colaboración de voces expertas, amosa distintas curiosidades da historia e do patrimonio de distintas cidades e comarcas galegas.