Marcos Pérez Pena

Unha ducia de fitos dos 50 anos da Sociedade Galega de Historia Natural

En agosto de 1973 naceu o Grupo Ornitolóxico Galego, que tres anos máis tarde se refundaría como Sociedade Galega de Historia Natural, entidade que está a celebrar este ano o seu 50 aniversario. Medio século de estudo, defensa e divulgación do patrimonio natural galego. Repasamos a súa traxectoria.

  1. 01

    O Grupo Ornitolóxico Galego, o xermolo da SGHN

    O 31 de agosto de 1973, o Goberno Civil de A Coruña resolve a inscrición do Grupo Ornitolóxico Galego (G.O.G.) de acordo coa lei de asociacións de 24/12/1964. Dende o seu comezo, esta entidade foi moito máis aló do estudo e observación das aves e, de feito, xa no seu regulamento incluía entre as súas funcións: "o estudo da natureza en xeral" e "procurar conseguir a protección da natureza”.

    Nos tres anos seguintes o GOG impulsa viaxes a espazos naturais galegos, salientando e os realizados á Serra do Courel, na imaxe. Tamén se publican catro números de Bubela, o boletín do Grupo Ornitolóxico.

  2. 02

    O GOG refúndase como Sociedade Galega de Historia Natural

    En 1976 o GOG inicia as xestións para refundarse como Sociedade Galega de Historia Natural, inscrita oficialmente no Servizo de Asociacións do Ministerio de Gobernación o 7 de xuño de 1977.

    Dentro da SGHN constitúese a Sección de Ornitoloxía, que dá continuidade ao traballo do GOG dos anos anteriores, realizando por exemplo censos anuais de aves acuáticas e mariñas invernantes en Galicia.

  3. 03

    Braña (1977), primeira revista científica en galego

    Nese ano de 1977 a SGHN publica o primeiro número de Braña, primeira revista científica en galego. Despois de descartar Fisterra (primeira opción suxerida) entidade debateu catro propostas para o nome, todas elas de cinco letras e dúas sílabas: Campa, Furna, Lubre e Braña, a escollida finalmente. O pasado ano Braña publicou o seu número 20.

  4. 04

    Pola moratoria da caza de baleas en Galicia

    En 1977 tamén se crea a Sección de Bioloxía Mariña que nos anos seguintes tería unha actividade moi importante de concienciación e de estudo dos mamíferos mariños. Ademais, participou activamente na mobilización internacional para acadar a moratoria da caza de baleas no Atlántico, que finalmente se conseguíu en 1985. 

    O ecoloxismo tivo "un peso moi significativo na paralización desta actividade en Galicia e o posterior cambio da posición de España na Comisión Baleeira Internacional", destaca a SGHN no seu boletín Paspallás.

  5. 06

    Os incendios forestais, un problema crecente

    En 1983 a SGHN difunde o voceiro Os incendios dos montes, unhas das primeiras publicacións en abordar este tema en Galicia. A preocupación foi este problema crecente foi incrementándose ao longo dos anos 80.

    Nesta outra ducia repasamos un feixe de loitas históricas polo medio ambiente e pola terra

  6. 07

    Protección a Illa da Cortegada

    En 1988 a SGHN comeza a campaña pola protección da Illa da Cortegada. En 1991 a campaña logra a súa primeira vitoria ao outórgalle a COTOP un Réxime de Protección Preventiva. E no ano 2002 conséguese finalmente a súa inclusión no Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia.

  7. 08

    Museo de Historia Natural de Ferrol

    En 1991 abre en Ferrol o Museo de Historia Natural cunha exposición 
    sobre cartografía galega, compartindo sede no Antigo Hospicio (cedido polo Concello de Ferrol) coa Delegación en Ferrol de SGHN. En 2008 a derruba de parte do teito obriga ao peche do museo, que reabre no ano 2010 nunha nova localización, na Casa do Coronel, tamén cedida polo Concello.

  8. 09

    Atlas de Vertebrados de Galicia

    En 1995 publícase o Atlas de Vertebrados de Galicia, un dos primeiros a nivel estatal, grazas a un enorme esforzo da SGHN dun gran número de voluntarios e voluntarias

  9. 10

    Parque Natural da Serra de Enciña da Lastra

    En 1997 comeza a campaña de SGHN a prol da declaración do Parque Natural das Serras do Courel, Cereixidos, os Cabalos, Enciña da Lastra e Montes de Oulego. Un ano máis tarde conséguese a protección provisoria da parte galega da Serra de Enciña da Lastra e os Montes de Oulego.

  10. 11

    Paralización das minas de Corcoesto e Touro

    En setembro de 2011 a comeza a mobilización social contra a mina de ouro de Corcoesto nos concellos de Cabana, Coristanco e Ponteceso. A SGHN presenta as súas primeiras alegacións e participa activamente nunha campaña que finalmente consegue en 2014 a paralización do proxecto, ao que a Xunta lle denega autorización.

    En 2017 comeza unha nova mobilización social contra un proxecto extractivista, neste caso o da mina de cobre de Touro, finalmente tamén paralizada no ano 2020.

  11. 12

    Protección da comarca da Limia

    Dende hai décadas a SGHN leva a cabo un labor moi importante de protección do medio na comarca da Limia, impulsando por exemplo no ano 2003 a ZEPA (Zona de Especial Protección de Aves) da Limia, declarada finalmente no ano 2009. Tamén loita contra os efectos prexudiciais da gandaría intensiva e promove proxectos de recuperación.

    O pasado ano a Sección Antela de SGHN recibiu o V Premio Pedra Alta, outorgado polo Padroado do Museo da Limia, polo “labor desta organización 
    a favor da conservación medioambiental na comarca, os seus estudos de observación de todo tipo de animais e de hábitats, e tamén a súa iniciativa de recuperación de espazos xeográficos afectados pola actividade humana”.

  12. 13

    50 aniversario da SGHN

    A SGHN celebra neste ano o seu 50 aniversario. Faino cun número especial do seu boletín Paspallás, que vai polas 62 edicións, e que percorre a historia e "fitos" da entidade. No editorial que abre o boletín destácase que "ata aquí chegamos cumprindo medio século, coas nosas luces e sombras, pero sempre tratando de dar o mellor de nós para a sociedade galega". 

    E engádese: "Comezan agora os segundos 50 anos. A continuidade está complicada, cambian os paradigmas, e irémonos adaptando pero sen esquecer que a nosa obriga é seguir adíante, sempre na procura dos obxectivos de estudar, divulgar e protexer, máis doados de dicir que facer".

    Lembramos aquí tamén a entrevista que realizamos no 45º aniversario da entidade ao seu presidente, o biólogo e investigador do CSIC Serafín González