Praza Pública

Unha ducia de lecturas para o verán

Non é estraño que durante o ano achemos un ou varios libros e deamos en deixalos "para as vacacións". Ou que teñamos algún texto gardado para cando quede un oco libre. Nos últimos meses foron moitos os libros que pasaron polas páxinas de Praza.gal e moitas as autoras e autores que nos falaron do seu traballo. O inicio de agosto é un bo momento para recuperarmos esas lecturas e dedicarlles un sitio á sombra. Velaquí unha ducia delas (poderían ser moitas máis, claro)

  1. 01

    'Cara de velocidade' e 'Maternidade fóra de catálogo', de Marga Tojo

    Unha recomendación que son dúas olladas á infancia e á maternidade. Nos poemas de Cara de Velocidade (Kalandraka) atoparemos unha nena lista que, co poder da súa imaxinación, percorre a cidade e as súas hostilidades á procura dun tesouro. No ensaio Maternidade fóra de catálogo (Xerais) a autora reflexiona sobre as condicións económicas e sociopolíticas nas que cómpre desenvolver na actualidade a crianza de fillas e fillos. 

  2. 05

    'Marcas na paisaxe' ou a historia do cinema galego

    Marcas na paisaxe (Galaxia) percorre a historia do cinema galego baixo a coordinación da profesora Margarita Ledo. Unha achega polo miúdo á "permanente tensión" da creación cinematográfica galega "entre aqueles partidarios da creación dun sector audiovisual competitivo que permita o acceso a un produto estándar en termos de mercado, e aqueloutros defensores dunha imaxe consciente de si propia que procuran, mesmo nas marxes da industria, a liberdade necesaria para faceren un cine política e socialmente comprometido”.

  3. 08

    'A simetría das bestas', de Alberto Ramos

    O xornalista, escritor e colaborador de Praza.gal achéganos n'A simetría das bestas (Urco) un libro sobre a recomposición da identidade, o trauma, os coidados ou o "amor incondicional" que se supón ás familias. Na obra coa que gañou o seu segundo Premio Risco o autor rompe tabús a través da personaxe de Caridad Verdet, unha muller marcada por unha "sabotaxe da natureza", a falta dun ollo.

  4. 11

    'O xardineiro dos ingleses', de Marcos Calveiro

    Marcos Calveiro preséntanos n'O xardineiro dos ingleses a Delia, unha muller afouta atrapada nun mundo que lle nega a posibilidade de dirixir a súa vida, o seu fillo Edelmiro, dous soldados estranxeiros que recalan en Vilagarcía e Modesto, un narrador que indaga na historia de Delia e na da súa propia familia. Unha historia de opresión, inxustiza, abuso de poder e procura da liberdade.