Praza Pública

Unha ducia de lugares que só podes atopar na provincia da Coruña

Faros da fin do mundo, os cantís máis altos de Europa, bosques excepcionais, unha fervenza que cae directamente ao océano, o faro romano máis antigo aínda en funcionamento ou unha rúa na que viviron -separados por uns poucos metros- Castelao, Dieste e Manuel Antonio. A Coruña acolle no seu territorio marabillas e tesouros que non poden faltar nunha viaxe. Percorremos aquí algunha destas alfaias.

  1. 01

    Cabo Ortegal

    A viaxe comeza no norte, no Cabo Ortegal, que marca o inicio do Mar Cantábrico. Dende o seu faro temos unha vista privilexiada da Punta dos Aguillóns e dun litoral excepcional, único no mundo, que constitúe a cerna do futuro xeoparque do Cabo Ortegal, impulsado por sete concellos da contorna (Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, San Sadurniño, Ortigueira e Valdoviño.) e pola Deputación da Coruña, un espazo ao que lle dedicamos estoutra ducia

  2. 02

    Serra da Capelada e Vixía de Herbeira

    Esta costa, coa Serra da Capelada moi próxima ao mar, ten a particularidade de contar, no Macizo de Herbeira, cos cantís máis altos da Europa continental (615 metros de altura). Un chisco máis ao norte, os cantís do Limo teñen menor altitude que os de Herbeira, pero son aínda máis verticais.

  3. 03

    Santo André de Teixido

    “A Santo André de Teixido quen non vai de vivo unha vez, vai de morto tres”. Este santuario é o punto de peregrinaxe máis antigo de Galicia e está rodeado dunha cortorna espectacular. Á tradición relixiosa, únesenlle outras mitoloxías lendarias propias do lugar, como a herba de namorar, que medra nesta contorna, ou os ‘sanandreses’, os coloridos amuletos elaborados con miga de pan. 

  4. 04

    Praia de Teixidelo

    Preto de Santo Andrés de Teixido atopamos a praia de Teixidelo, única no mundo con area negra de orixe non volcánica. Rodeada de acantilados e de difícil acceso, está especialmente indicada para viaxeiros activos e amantes das curiosidades, tanto xeolóxicas como estéticas e sensoriais. 

  5. 05

    Fragas do Eume

    Das Fragas do Eume e da súa contorna falamos tamén nestoutra ducia. Trátase dun dos Bosques Atlánticos costeiros máis valiosos do continente, un espazo no que perderse realizando rutas de sendeirismo, visitando o mosteiro de Caaveiro ou admirando o seu río e a vexetación das súas ribeiras. 

  6. 06

    Fisterra

    O Cabo Fisterra, co seu faro, son outra das visitas imprescindibles para calquera persoa que viaxe a Galicia. Considerado nalgún momento o final no mundo coñecido, a beleza excepcional da Costa da Morte descóbrese neste lugar no seu máximo esplendor. En realidade, pódese dicir que o Camiño de Santiago non se completa ata ter camiñado tamén ata Fisterra

  7. 07

    O Ézaro

    Faros da fin do mundo, os cantís máis altos de Europa, bosques excepcionais e unha fervenza que cae directamente ao océano. A provincia da Coruña acolle no seu territorio tesouros que poderían ser candidatos a estar entre as marabillas do mundo. A carón, ademais, do icónico Monte Pindo, o Ézaro converteuse nos últimos anos, ademais, nun referente internacional no mundo do ciclismo.

  8. 08

    Corrubedo

    As dunas de Corrubedo, con máis dun quilómetro de longo, 250 de ancho e 20 de altura, son o centro do parque natural máis visitado de Galicia, que inclúe tamén as lagoas de Vixán, de auga doce, e a de Carregal, de auga salgada.

  9. 09

    Catedral de Santiago

    Nunha lista de alfaias da provincia da Coruña non pode faltar a Catedral de Santiago e o que este monumento significa, unido ás prazas que a circundan e ao conxunto do casco histórico de Compostela. Nunha visita completa non pode faltar o Pórtico da Gloria, pero tampouco o claustro e un paseo polos tellados da catedral. O Casco Histórico de Compostela converteuse en 1985 no primeiro ben ou espazo galego considerado pola UNESCO 'Patrimonio da Humanidade'

  10. 10

    Torre de Hércules

    O outro ben Patrimonio da Humanidade existente na provincia é a Torre de Hércules, que acadou esta distinción no ano 2009. Trátase dun faro romano que rolda os dous mil anos de historia e que se mantén como o máis antigo aínda en funcionamento.

  11. 11

    Rianxo

    Rianxo non é Patrimonio da Humanidade, pero o seu fermoso e coidado casco histórico ten a particularidade de contar, na Rúa de Abaixo, coas casas nas que viviron Manuel Antonio (xa convertida en Casa Museo, no número 24), de Rafael Dieste (no número 46) e de Castelao (no número 42).

  12. 12

    Casa da Matanza

    Finalizamos a viaxe no sur da provincia, en Padrón, na Casa da Matanza na que Rosalía pasou os seus derradeiros anos. O 15 de xullo de 1971 inaugurouse alí a Casa-Museo de Rosalía de Castro e polo tanto o espazo celebrou recentemente o seu 50 aniversario, como destacamos nesta ducia