Unha ducia de mudanzas en dúas décadas de Cidade da Cultura
O Tribunal Supremo vén de condenar en firme á Xunta a pagar 3 millóns de euros en sobrecustos na construción do Museo da Cidade da Cultura por cambios que se introduciron no proxecto orixinal. É só unha das moitas mudanzas que vén rexistrando o complexo desde que foi lanzado polo Goberno de Manuel Fraga hai dúas décadas ata agora, cando a súa construción xa leva consumidos máis de 300 millóns de euros, o triplo do inicialmente previsto. Repasamos unha ducia deses cambios.
-
01
Cambio de proxecto do Museo con sobrecustos
A xustiza sentenciou xa de xeito firme que o proxecto construtivo do Museo da Cidade da Cultura “carecía de definición” e tiña diversas eivas que provocaron sobrecustos.
[Imaxe: Xunta de Galicia, Praza Pública, CC-BY-SA]
-
02
De Museo da Historia de Galicia a Museo Centro Gaiás
A Xunta introduciu numeroso cambios no proxecto orixinal de Peter Eisenman para todo o complexo, empezando por un aumento xeral do tamaño e do custo de todos os edificios e varias reformulacións dos seus contidos. O que estaba chamado a ser o Museo da Historia de Galicia, renomeado como Centro, vén acollendo ata agora exposicións temporais.
[Imaxe: Xunta de Galicia, Cidade da Cultura]
-
03
Da pedra de Muras á de Brasil
Durante a construción houbo que buscar en Brasil parte da cuarcita que recobre o complexo ao deixar de cumprir co contrato a canteira inicialmente elixida, de Muras e dun alcalde do PP.
[Imaxe: Xunta de Galicia, Cidade da Cultura]
-
04
De Centro de Arte Internacional a Edificio de Novas Tecnoloxías...
O inicialmente concibido como Centro de Arte Internacional foi reformulado como Edificio de Novas Tecnoloxías, pero finalmente non se chegou a executar.
[Imaxe: Xunta de Galicia, Praza Pública, CC-BY-SA]
-
05
...e de edificio a estanque e xardín literario
No lugar que ía ocupar ese edificio hoxe hai un estanque (hai outro lago xunto á estrada de acceso ao complexo) e o denominado Xardín Literario.
[Imaxe: Xunta de Galicia, Cidade da Cultura]
-
06
De Hemeroteca a centro de emprendemento
O edificio inicialmente destinado a Hemeroteca é hoxe un centro de emprendemento e coworking, con espazos alugados a empresas de diversos tamaños, como Indra.
[Imaxe: Xunta de Galicia]
-
07
De Biblioteca a tamén arquivo e hemeroteca
Os fondos da Hemeroteca foron trasladados ao edificio que inicialmente ía ser a Biblioteca, que agora tamén é arquivo.
[Imaxe: Xunta de Galicia, Cidade da Cultura]
-
08
De Edificio de Servizos Centrais a sede informática da Xunta
O edificio de Servizos Centrais da Cidade da Cultura acolle hoxe os servidores informáticos de toda a Xunta así como a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
[Imaxe: Xunta de Galicia]
-
09
De Teatro da Ópera a oficinas das universidades...
As estruturas a medio construír do que ía ser o Teatro da Ópera están a ser aproveitadas para facer un edificio de oficinas para o consorcio das tres universidades galegas.
[Imaxe: Xunta de Galicia]
-
10
...e auditorio ao aire libre
Xunto co edificio de oficinas, parte do espazo que xa non ocupará o Teatro foi reconvertido en auditorio ao aire libre e parque.
[Imaxe: Xunta de Galicia, Cidade da Cultura]
-
11
De dúas fundacións a unha
Tamén no eido administrativo houbo cambios nestas dúas décadas, ao fusionarse as dúas fundacións públicas (Fundación Cidade da Cultura e Fundación Gaiás) que impulsaron o complexo, a segunda delas participada ao 50% por empresas privadas para crear un fondo para programación cultural de 23 millóns de euros do que xa quedan menos de 9.
[Imaxe: CC-BY-NC-SA Praza Pública]
-
12
E os cambios que aínda faltan
Aínda quedan por ver máis cambios na Cidade da Cultura, coas obras aínda por rematar e con investimentos pendentes para o período 2019-2021 cuantificados en 27 millóns de euros.
[Imaxe: CC-BY-NC-SA Praza Pública]