Praza Pública

Unha ducia de noticias de 2016

Remata un ano. E comeza outro. 2015 foi intenso e cheo de cambios. E 2016 pode selo aínda máis. O futuro non está escrito, pero hai un feixe de temas que seguro que encherán as portadas nos vindeiros meses. E aquí estaremos para contalas.

  1. 01

    Eleccións en Galicia

    Esta é das poucas novas seguras para este 2016 que comeza. En outono (se non hai adianto electoral) haberá eleccións ao Parlamento galego, renovando a cámara e escollendo un novo Goberno. Veremos, entón, se Galicia quere cambio, despois de oito anos de xestión de Alberto Núñez Feijoo.

  2. 02

    Novo Goberno (ou eleccións) en España

    O que non está nada claro, en cambio, é o que vai pasar co Goberno do Estado. Nas vindeiras semanas veremos se algún candidato consegue ser investido presidente. Se non, haberá novas eleccións en primavera, con resultados que poden variar, moito ou pouco, os resultados do 20D.

  3. 03

    A Comisión europea decidirá a legalidade do financiamento do Hospital de Vigo

    Ao longo deste 2016 a UE estudará a posible ilegalidade da adxudicación do hospital de Vigo, atendendo a denuncia da Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública, e adopatará unha decisión antes das eleccións autonómicas, previstas para o outono. Se a Comisión Europea abre un procedemento de infracción "temos as bases postas para esixir a reparación da legalidade e para proceder a un rescate da concesión”, destacan dende a entidade.

  4. 04

    Unha maior implicación das administracións na loita contra a violencia machista?

    O asasinato dunha muller en Mos elevou a 7 o número oficial de vítimas mortais da violencia de xénero en Galicia en 2015. 55 en toda España, á espera do peche dalgunhas investigacións, que mesmo poderían elevar o número total. Veremos se en 2016 as distintas administracións aplican finalmente as medidas que distintos colectivos lles reclaman para loitar con máis eficacia contra esta lacra. Sobre todo no referente aos recursos (comezando polas solucións habitacionais) para as mulleres que denuncian maltrato.

  5. 05

    Seguirán chegando refuxiados e refuxiadas

    Os medios xa case non falan do tema. Pero os refuxiados e refuxiadas, procedentes de Siria e de moitos outros países, seguen chegando a Europa, buscando unha oportunidade para as súas vidas. A pesar das moitas promesas lanzadas, pouco se fixo dende os gobernos da UE, e España, por exemplo, seguen poñendo infinitas dificultades para conceder o dereito de asilo

  6. 06

    Novo Goberno (ou eleccións) en Cataluña

    Hai xa tres meses que Cataluña celebrou unhas eleccións que outorgaron un triunfo rotundo pero insuficiente a Junts pel Sí. A imposición de Mas como candidato e a negativa da CUP a apoialo fixeron imposible, de momento, un acordo entre as dúas formacións. A candidatura anticapitalista adoptará unha decisión definitiva este domingo. Mas ou marzo. É dicir, investir o líder de CDC como presidente para levar a cabo unha folla de ruta cara á independencia ou convocatoria inmediata de eleccións.

  7. 07

    Os Xogos Olímpicos

    Rio de Janeiro acollerá os Xogos Olímpicos no verán deste novo ano. Será, como cada catro anos, o maior evento deportivo, o que paralizará o mundo durante un mes e onde Galicia tamén xoga as súas bazas. Javier Gómez Noya buscará a medalla de ouro en tríatlon logo da prata acadada en Londres en 2012. Será o principal protagonista da terra nun evento fundamental e no mesmo ano no que tamén se celebrará a Eurocopa de fútbol en Francia. 

  8. 08

    O eterno conflito do lácteo

    Logo das tractoradas e mobilizacións de setembro e de novas protestas e boicots ás empresas distribuidoras, os gandeiros arrincaron ás cadeas de hipermercados unha suba no prezo do leite que comercializan que debe repercutir nas afogadas explotacións galegas. 2016 será o ano para comprobar se esta medida trae resultados, pero sobre todo por ver se o acordo lácteo asinado en Madrid mellora a situación das granxas galegas e se de verdade se toman medidas para arranxar unha crise do sector que parece non ter fin

  9. 09

    O caso Baltar

    O pasado mes de outubro, unha cidadá de Ourense presentaba ante a Fiscalía un escrito no que acusaba o presidente da Deputación de ofrecerlle traballo a cambio de manter relacións sexuais con el. Baltar negouno e evitou dimitir malia as continuas peticións da oposición e de diversos colectivos. Mentres, nin Feijóo nin o PP reprochan a actitude do barón provincial, que nas gravacións presume de poder manipular as notas de probas de acceso ás administracións, nin lle piden que marche. Pero o xulgado vén de admitir a trámite a denuncia e xa pediu copia desas gravacións, polo que o dirixente popular podería ser imputado. 

  10. 10

    Os incendios

    O 2015 volveu ser un mal ano en canto a incendios. As lapas queimaron preto de 10.000 hectáreas durante o ano que vén de rematar e mesmo afectaron máis de 300 durante o mes de decembro e ante o clima seco e excesivamente caloroso para as épocas do ano. O eterno problema do lume semella non afastarse de Galicia, que sofre cada ano as consecuencias e cuxas administracións seguen sen atopar a solución. 

  11. 11

    O ano das Irmandades da Fala

    O 2016 terá dous protagonistas fundamentais no ámbito cultural, social e mesmo político galego: as Irmandades da Fala e Manuel María. Conmemarase o centenario da fundación dunha histórica organización, clave no futuro do país, do seu idioma e da súa cultura. E será o ano no que o Día das Letras homenaxeará o poeta da Terra Cha e da Galicia enteira. Varias administracións anunciaron xa diversos actos. 

  12. 12

    O conflito do cerco

    Os mariñeiros do cerco suman xa máis de 70 días acampados ante a sede da Xunta en San Caetano. Reclaman unha repartición xusta e denuncian o desleixo por parte do Goberno galego ante un problema que afecta milleiros de familias no país. Mesmo Feijóo se tivo que enfrontar ás súas protestas. O repartimento de cotas baseado nas capturas históricas é a orixe do conflito; o cerco galego pescou durante anos con limitacións mentres noutros lugares non había límite. O futuro de boa parte da pesca galega está no aire. 2016 debe ser o ano para arranxar o problema.