Unha ducia de novas máis lidas durante 2014 en Praza
O tránsito dun ano a outro é un momento no que as listas e balances son unha peza demasiado gorentosa como para non acudir a ela. Esta sérvenos para nos facer unha idea dos vosos intereses informativos durante o ano que vén de rematar, no que a comunidade lectora de Praza seguiu a alargarse. Adiante!
-
01"Ou xestionamos todas as festas, ou quedas sen a Panorama"
En pleno verán saltaba á luz a agresiva política comercial da famosísima Orquestra Panorama, consistente en esixir a xestión de todas as actuacións das festas nos concellos nos que é reclamada para actuar. A denuncia pública, formulada polo alcalde de Monforte, foi secundada por rexedores de diversas cores políticas e a nova converteuse na máis lida da historia deste xornal.
-
02Prolingua revela o nome do hotel que desprezou o galego nun curriculum
En abril os responsables do Hotel Arredondo, en Asturias, respondían á solicitude laboral dunha moza madrileña que o feito de especificar no seu currículo o seu dominio da lingua galega era "del todo ridículo, absurdo e innecesario" e, ademais, augurábanlle que só ía ter "futuro" en "su amada Galicia". A plataforma Prolingua fixo público de que hotel se trataba.
-
03"Até agora respectei as regras, pero a partir de hoxe xa non. Non quero pagar"
A determinación dun veciño de Narón para non seguir pagando os elevados prezos da Autoestrada do Atlántico circulou axiña por Internet e provocou a solidariedade de multitude de persoas.
-
04
"Era a puta do colexio, esa que os rapaces pensaban que podían levar á cama"
En xaneiro coñecemos a historia de Emily Lindin, a muller estadounidense impulsou The Unslut Project, o proxecto para promover a concienciación social e a loita contra a negativización da sexualidade feminina. O traballo de Lindin plásmase tamén nun documental.
-
05
O galego deixa de ser a lingua habitual da maioría da poboación
A mediados de outubro o Instituto Galego de Estatística comezaba a debullar os datos máis recentes de uso do galego e constataba unha nova caída, ata o punto de que o idioma propio de Galicia deixou de ser, segundo esas cifras, o da maioría da poboación. En decembro o IGE completou a fotografía, constatando a perda de terreo do galego e o seu preocupante estado de saúde, especialmente entre a mocidade.
-
06O 'Partido Froilanista' convoca unha concentración en defensa do dereitos de Froilán e Elena
En pleno shock pola abdicación de Juan Carlos de Borbón o autodenominado Partido Froilanista saíu á palestra para, con amplísimas doses de retranca, reclamar "o inalienábel direito ao trono do Histórico Reino da Galiza pra D. Felipe Juan Froilán de todos los Santos de Marichalar y Borbón y cuenta nueva". A cousa aínda deu para rir.
-
07
Podemos consolídase como primeira forza cara ás xerais mentres o PP segue a caer
A comezos de decembro a segunda edición d'O Mirante, o panorama electoral elaborado polo analista Carlos Neira para a Asociación de Medios en Galego, volvía situar a Podemos como a primeira forza en estimación de voto cara ás eleccións xerais. O PP sería segunda forza, deixando polo camiño uns vinte puntos a respecto dos seus resultados de 2011.
-
08Nin WhatsApp nin Telegram: Xa está aquí o Galegram
En febreiro o Telegram presentábase como un serio aspirante a destronar o WhatsApp no reino das mensaxes instantáneas e Mc'Apps lanzaba a súa versión galega, Galegram
-
09Pedro Nimo, o atleta rebelde que renuncia a representar a España e Galicia
En febreiro o recoñecido atleta Pedro Nimo anunciaba a súa renuncia a "toda bolsa e axuda pública" e tamén a competir representando a España ou a Galicia. Facíao nunha carta aberta na que tamén reflexionaba amplamente sobre o sistema político, xudicial e empresarial. Pouco despois, Nimo explicaba os seus motivos nunha entrevista en Praza.
-
10Mapa do suicidio forestal galego
En marzo o americano World Resources Institute presentaba Global Forest Watch, un proxecto que permite observar a masa forestal perdida entre os anos 2000 e 2013, perda que no caso galego é froito, principalmente, dos incendios.
-
11Apoiarías un cinema cooperativo con libraría no centro de Compostela?
Nos primeiros días de setembro sabiamos do nacemento de NUMAX, o proxecto para crear na capital de Galicia unha sala de cinema independente de 70 butacas con filmes en versión orixinal que conte, ademais, "cunha libraría de literatura, arte e pensamento e un estudo de deseño gráfico, comunicación e produción audiovisual". O proxecto xa logrou os avalistas que precisaba para comezar e avanza segundo o previsto.
-
12A Policía acusa a Resistencia Galega de liderar os disturbios do 22M
Tras a exitosa mobilización das Marchas da Dignidade, o 22 de marzo en Madrid, circulou durante uns días unha versión policial que atribuía "a Resistencia Galega" os altercados producidos ao remate da manifestación. "A resistencia galega somos os traballadores", retrucaron os organizadores das marchas ante unha teoría que, como aparentaba, resultou ser falsa.