Unha ducia de xeorutas que podes facer en Galicia
Galicia conta cunha gran riqueza xeolóxica da que se pode gozar en rutas de sendeirismo (Xeorutas) que percorren o territorio amosando distintos fenómenos e unha gran beleza que nos fala do proceso de formación do planeta e da evolución da paisaxe. O noso país conta con dous xeoparques: o do Courel dende 2019 e o do Cabo Ortegal dende 2023, pero tamén noutros espazos se poden realizar algunhas destas rutas.
-
01
Xeoruta dos Cantís (Cedeira)
Esta ruta parte parte do Mirador do Chao do Monte, preto de Santo André de Teixido, percorre a parte alta dos cantís da Serra da Capelada, os máis altos de Europa Continental. "É especialmente destacable o aspecto caprichoso que presentan as rochas peridotitas e serpentinitas desta parte da serra, coñecido co nome de karst serpentínico", destaca a Asociación de Amigos do Parque Xeolóxico do Cabo Ortegal.
En maio de 2023 o Ortegal converteuse no segundo xeoparque galego, despois do do Courel, e o 16º no Estado español despois de que un ano antes o proxecto impulsado polos concellos de Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño e a Deputación da Coruña recibira o informe favorable da Unesco.
-
02
Xeoruta das Areas Negras (Cedeira)
Esta ruta parte do Cruceiro de Teixidelo e pasa pola praia do mesmo nome, única no mundo con area negra de orixe non volcánica e ao pé dos cantís máis altos da Europa Continental.
Ao longo da ruta tamén poderán observar a cascada ou a faia de Teixidelo, unha estructura xeolóxica que discorre por un fermoso vale de orixe glaciar, o que evidencia que o clia no pasado foi moito máis frío.
-
03
Xeoruta dos Aguillóns (Cariño)
Esta xeoruta amosa a maior concentración de ecloxitas de todo o planeta, un tipo de rocha formada a más de 100 quilómetros de profundidade. Igualmente destacan as formaciones xeolóxicas de San Xiao do Trebo.
O Xeoparque do Ortegal contén varias xeorutas máis, coma Ruta do Cobre (por Cerdido e Moeche), a Ruta do Arsénico (Valdoviño), a Ruta das Pías (San Sadurniño), a Ruta dos Penidos (Ortigueira) ou as rutas do Cromo, do Granate ou do Litoral, as tres en Cedeira.
Podes ver aquí unha Ducia de recantos do xeoparque do Cabo Ortegal
-
04
Xeoruta de Toelo (Moeche)
En Moeche e San Sadurniño atopamos un gran número de antigas canteiras de serpentinitas, coñecidas como toelo, de onde se obtiveron durante séculos rochas empregadas en igrexas, cruceiros e obra civil. Tamén se pode visitar en Moeche a Mina Piquito, a derradeira mina de cobre subterránea de Galicia, que hoxe se pode percorrer admirando as súas estalactitas e estalagmitas.
-
05
Xeoruta do Courel
O Courel foi o primeiro xeoparque de Galicia, declarado oficialmente pola Unesco en 2019, un espazo abrangue case 600 quilómetros cadrados entre os concellos de Folgoso do Courel, Quiroga e Ribas de Sil.
Aquí, polo tanto, existe unha gran riqueza xeolóxica que se pode percorrer na ruta de dous días proposta pola web Rutas Xeolóxicas de Galicia, que atravesa fallas coma a de Santa Eufemia, os antigos glaciares do val da Seara, a fervenza do río Selmo ou as antigas minas romanas
-
06
Xeoruta do Pregamento de Campodola (Quiroga)
No Courel pódense realizar varias camiñatas, coma a Xeoruta do Pregamento de Campodola (PR-G-192), que parte dende Leixazós, en Quiroga, parte que atravesa o mirador de Campodola ata chegar a Campos de Vila
-
07
Xeoruta do Perdouro (Burela)
En moitas zonas da Mariña pódese realizar tamén xeorutas, por exemplo en Burela, como esta ruta do Perdouro, na que se poden atopar uns dos pregues mellor conservados de Galicia, cunha antingüidade duns 300 millóns de anos. En Burela hai outras rutas, coma a de Monte Castelo, a da Marosa e a do Cantiño.
-
08
Xeoruta das Catedrais
En Ribadeo pódese realizar a Xeoruta das Catedrais, que se recomenda realizar sobre todo no inverno e en tempos de mareas vivas, un percorrido no que se pode aprender o proceso que deu lugar aos arcos rochosos desta praia
-
09
Xeoruta do Xurés
No Xurés a páxina de Rutas Xeolóxicas de Galicia recomenda unha ruta que pasa polo val do río Vilameá, onde se poden ver os restos da última glaciación, as fervenzas do río Caldo, a serra do Quinxo e o pantano de Olelas.
-
10
Xeoruta dos Ancares
Nos Ancares, Rutas Xeolóxicas de Galicia destaca elementos coma a paisaxe kárstica do Bosque dos Grobos, na imaxe, a Pena de Murias, o Val de Balouta ou o Val de Suarbol, ademais do Cuíña ou a contorna de Piornedo
-
11
Xeorruta de Monteferro-Patos
No litoral sur tamén hai xeorutas, por exemplo en Monteferro (Nigrán), unha ruta de Rutas Xeolóxicas de Galicia que percorre esta península rochosa e a praia de Patos.
-
12
Xeorruta do Galiñeiro
A Serra do Galiñeiro constitúe un dos puntos de interese xeolóxico máis destacados do sur de Galicia, subliña Rutas Xeolóxicas de Galicia, subliñando particularmente a presenza duns materiais, os ortogneises peralcalinos, moi estraños en Europa Occidental. Destaca tamén as paisaxes de bolos, o modelado en bloques ou a antiga canteira de feldespato que aquí se atopa.