Unha persoa licenciada nunha carreira de Ciencias da Saúde que estea traballando tres anos despois de obter o título cobra de media arredor de 800 euros máis ao mes que unha que veña de obter o título en Artes e Humanidades ou en Ciencias Sociais e Xurídicas.
Esa é unha das conclusións que se poden tirar do estudo Inserción laboral das persoas egresadas no Sistema Universitario Público de Galicia (SUGA) publicado polo Instituto Galego de Estatística (IGE) hai só uns días e baseado nas altas á Seguridade Social e Muface daquelas persoas que finalizaron un grao universitario en 2022 e estaban a traballar tres anos despois, en xuño de 2025.
Atendendo a estes datos, as bases de cotización máis altas rexístranse entre as mozas e mozos titulados nalgún grao do ámbito das Ciencias da Saúde, con 2.651,6 euros mensuais, case 500 euros máis que a media (2.173,3), un 22% máis e 825 euros máis que os licenciados en Artes e Humanidades e 743 máis que os de Ciencias Sociais e Xurídicas.
A base de cotización en 2025 das persoas tituladas en 2022 no ámbito das Ciencias da Saúde supera os 2.600 euros mensuais, 500 euros máis que a media en Galicia e 875 por riba dos de Artes e Humanidades
Moi perto das cifras das persoas graduadas en estudos sanitarios atópanse os da rama de Enxeñaría e Arquitectura, con máis de 2.500 euros mensuais de base de cotización e case 350 euros máis que a media, unhas diferenzas que son apreciables en todos estes ámbitos —aínda que con cantidades menores— desde o primeiro ano despois da obtención do título.
O informe elaborado polo IGE baséase nas persoas que se titularon en Galicia no curso rematado en 2022. Son case 12.000, as que o 40 % obtiveron o título na USC, o 32,7 % na UVigo e o 27,4 % na UDC, aínda que o traballo analiza unicamente aquelas que residen ou traballan en Galicia, máis do 94% do total de persoas tituladas.
Os datos indican que un ano despois de rematar os estudos, o 57% estaba traballando, o 4,3% estaba inscrito como parado e o 16,5% continuaba estudando. O 22,2% restante encontrábase noutra situación, por exemplo, seguindo algún tipo de formación non regrada, preparando unha oposición, afiliada a unha mutualidade de colexios profesionais, etc.
Máis do 70% dos e das graduadas nas universidades públicas galegas están traballando tres anos despois de obter o título
Tres anos despois, tal e como destaca o IGE, "a situación mellora": o 70,5% xa está traballando, a porcentaxe de persoas paradas mantense case igual (4%), o número de persoas que seguen estudando baixa ata o 5,9% e as persoas noutra situación baixan ata o 19,57%.
No caso das persoas tituladas nun grao, ao ano de rematar os estudos a maioría xa está traballando (53%) ou continúa estudando (21%). Tres anos despois, a situación cambia de forma clara: a porcentaxe de persoas traballando sobe ata case o 70%, mentres que a de estudantes baixa ata o 6,65%.
Ademais, para as persoas tituladas nun máster, as porcentaxes son máis estables ao longo do tempo. A proporción de persoas traballando aumenta do 64,9% ao 71,5%, mentres que a porcentaxe de estudantes diminúe lixeiramente, pasando do 7% ao 4,8%.
O 75% das persoas tituladas en Ciencias da Saúde xa traballan ao ano de titularse; en tres anos son xa máis do 81%
Un ano despois da graduación, unha parte importante das persoas tituladas xa está traballando, aínda que en ramas como Artes e Humanidades e Ciencias Sociais e Xurídicas destaca unha maior presenza de persoas que continúan estudando. Pola contra, en Ciencias da Saúde e Enxeñería e Arquitectura a incorporación ao emprego é máis rápida, 75% e 71,35% xa traballan ao ano de titularse.
Pola contra, tres anos despois de titularse, a situación é máis homoxénea entre ramas: a maioría das persoas tituladas está traballando, a porcentaxe de estudantes redúcese de forma notable e o desemprego mantense en niveis baixos e estables. As ramas de Ciencias de Saúde e Enxeñería e Arquitectura seguen destacando pola súa maior proporción de egresados traballando: 81,52% e 81,21%, respectivamente.
O IGE destaca que tanto un ano como tres anos despois do egreso, a gran maioría destas persoas está afiliada (93%), mentres que a porcentaxe de persoas en paro rexistrado é reducida en todas as ramas.
Un ano despois de rematar os estudos, a afiliación é especialmente elevada en Ciencias da Saúde (97,1%) e Enxeñería e Arquitectura (97,36%), mentres que en Artes e Humanidades (84,36%) e Ciencias Sociais e Xurídicas (90,59%) a proporción de persoas paradas é lixeiramente maior, aínda que segue a ser minoritaria.
Arredor do 50% das persoas tituladas que traballan un ano despois sitúanse nos grupos 1 e 2 de cotización, os que se corresponden cos licenciados universitarios
"Tres anos despois do egreso, a situación mellora en todas as ramas de coñecemento: a porcentaxe de persoas afiliadas aumenta e a de persoas paradas redúcese ou mantense en niveis moi baixos, reducindo tamén as diferenzas entre ramas", explica o IGE.
En canto ao grupo de cotización da Seguridade Social, os postos que requiren titulación universitaria sitúanse no 1 e no 2. Entre as persoas tituladas en Galicia no ano 2022 que traballan un ano despois, o 49,52% ocupan postos deses dous grupos. Tres anos despois da titulación esta porcentaxe sobe ata o 56,39%.