A patronal recorre o plan de buses da Xunta e pide a súa paralización cautelar

Autobuses parados durante a folga na estación da Coruña CC-BY-NC-SA CIG

As empresas argumentan que non está xustificada a adxudicación directa dos contratos

Tres das catro asociacións de empresas de autobuses de Galicia, as principais (Anetra, Fegabús e Transgacar), veñen de interpor un recurso ante o Tribunal Administrativo Central de Recursos Contractuais co que reclaman a anulación do procedemento administrativo que está a seguir a Xunta para adxudicar os 41 novos contratos do seu contestado plan de transporte para o rural. A patronal, que asegura que varias empresas tamén presentaron recursos a nivel particular, reclama a suspensión cautelar das adxudicacións á espera de que o tribunal resolva sobre o fondo do asunto. O recurso chega cando a Xunta, que insiste na legalidade do seu procedemento e di que está avalado pola UE, viña de ampliar ata o próximo luns o prazo para que as empresas amosen o seu interese polos contratos antes de que o Goberno galego comece a invitar a unha negociación sobre os mesmos ás firmas que considere máis oportuno.

A patronal salienta que a propia Xunta é a que anula os contratos do transporte escolar que estaban en vigor e argumenta e emprega ese feito como xustificante da urxencia do procedemento de adxudicación directa

Segundo informan nun comunicado, as patronais sustentan o seu recurso fundamentalmente no procedemento elixido pola Xunta, a adxudicación directa dos contratos en vez de utilizar un procedemento aberto. Esa vía ten un carácter extraordinario e a Xunta practicamente non xustifica o seu uso, salvo cunha puntual referencia nos pregos ao manido argumento de que en agosto supostamente poden quedar sen servizo decenas de liñas de autobús”. As empresas salientan que “ese camiño excepcional da adxudicación directa só podo seguirse se a Administración non é precisamente a responsable desa urxencia, e foi ela quen lanzou en 2009 un plan de modernización finalmente anulado polo Tribunal Supremo e quen puido iniciar xa hai máis dun ano un procedemento de contratación aberto que dera completas garantías á libre competencia”. A patronal tamén fixa a súa atención no límite económico dos contratos, “pois non podería recorrerse a ese procedemento directo en contratos de máis de cen mil euros”.

Por outra banda, as empresas tamén critican a “suposta urxencia que aduce a Consellería de Infraestruturas” pola posibilidade de que o transporte escolar quede sen servizo en setembro, algo que para a patronal “sería completamente incongruente coa decisión adoptada en relación aos moitos contratos que estaban garantidos ata o ano 2020 e que a Xunta, unilateralmente, optou por resolver para diluír o servizo escolar no transporte de uso regular”.

Sindicatos e patronal seguen a negociar os convenios coa ameaza dunha folga que só está suspendida temporalmente

O recurso contra os pasos que está a dar o Goberno galego para adxudicar o seu novo modelo de transporte chega coa folga de condutores vivida nas últimas semanas suspendida temporalmente mentres empresas e sindicatos negocian os novos convenios colectivos do sector. Porén, as empresas seguen a ligar eses convenios co novo plan de transporte da Xunta, do que argumentan que a redución de servizos que suporá ao integrar as liñas escolares coas regulares implicará unha redución dos seus ingresos e con eles a imposibilidade de mellorar as condicións dos traballadores.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.