O 16% dos galegos e galegas vive por debaixo do limiar da pobreza. A porcentaxe elévase ao 22,1% se se inclúen outros factores de exclusión social. Os datos empeoraron en 2025, pero seguen en niveis baixos e lonxe da media española
O 16% dos galegos e galegas vive por debaixo do limiar da pobreza, é dicir, os seus ingresos económicos non chegan ao 60% da mediana do conxunto da poboación. A porcentaxe elévase ao 22,1% se se inclúen outros factores de exclusión social, como a carencia de determinados elementos ou a precariedade na vivenda. Ambos os dous indicadores medraron no ano 2025 en relación ao 2024, que marcara niveis mínimos na serie histórica.
Con todo, continúan por debaixo das cifras rexistradas na pasada década e, ademais, lonxe da media española (cunha taxa de pobreza do 19,5% e de exclusión social do 25,7%) e dos datos das comunidades autónomas con peores indicadores, segundo reflite a Enquisa de Condicións de Vida publicada este xoves polo Instituto Nacional de Estatística (INE).
Malia o empeoramento dos datos, Galicia ten menos poboación en risco de pobreza que Andalucía, Castela-A Mancha, Comunidade Valanciana, Estremadura, Murcia ou Canarias, que encabezan a lista. E tamén mellora as cifras de Castela e León, A Rioxa ou Asturias. Pola contra, presenta máis persoas en situación de pobreza e exclusión social que Aragón, Cantabria, Cataluña, Baleares, Madrid, País Vasco ou Navarra.
Un 16,3% da poboación non se pode permitir manter a súa vivenda a unha temperatura axeitada, un 5,5% non pode comer carne ou peixe cada dous días e un 29,5% non pode afontar gastos imprevistos
A diminución das cifras de pobreza nos últimos anos non debe agochar as carencias e dificultades que unha porcentaxe significativa da poboación segue a sufrir. Hai uns días a Fundación Foessa e Cáritas presentaron un estudo que alertaba, aínda cos datos de 2024, de que un 6,3% da poboación sufría exclusión severa e de que arredor de 160.000 persoas vivían en situación de vivenda insegura e preto de 170.000 en condicións de insalubridade, masificación ou mala habitabilidade.
A Enquisa de Condicións de Vida do INE detalla algúns conceptos que unha porcentaxe da poboación non se pode permitir economicamente. Son moi variados e os datos nalgúns deles varían moito dun ano a outro, pero a tendencia xeral é a un pequeno empeoramento durante o ano 2025, por debaixo iso si dos niveis acadados durante a crise da Gran Recesión iniciada en 2008.
A pobreza ten moitas dimensións: un 8% non se pode permitir quedar con amizades ou famillia para comer ou tomar algo e un 12% non pode participar regularmente en actividades de ocio
Así, por exemplo, un 16,3% da poboación non se pode permitir manter a súa vivenda a unha temperatura axeitada, un 5,5% non pode comer carne ou peixe cada dous días, un 29,5% non pode afontar gastos imprevistos e un 5,9% tivo atrasos no pagamento de recibos relacionados coa vivenda ou subministros.
Un 8% non pode mercar roupa nova e un 4% non se pode permitir ter dous pares de zapatos. A pobreza ten moitas dimensións, algunhas relacionadas co ocio ou coas relacións sociais: un 8% non se pode permitir quedar con amizades ou famillia para comer ou tomar algo e un 12% non pode participar regularmente en actividades de ocio.
Galicia segue a ser, á vista dos datos, un dos territorios que presenta menos desigualdades no Estado
Os datos do INE ofrecen clarescuros para Galicia. A maior parte dos indicadores amosan un empeoramento no ano 2025, despois dus datos de 2024 particularmente positivos nos que se reducira a pobreza, especialmente a pobreza infantil, grazas ás medidas sociais e redistributivas levadas a cabo polos poderes públicas que, por exemplo, evitaran que 760.000 persoas entrasen en situación de pobreza.
Galicia segue a ser, á vista dos datos, un dos territorios que presenta menos desigualdades no Estado e, por exemplo, o seu Índice de Gini (28,4 sobre 100) continúa a ser o quinto máis baixo, só por detrás do de Aragón, Cantabria, Baleares e Estremadura. O índice de Gini é un dos métodos máis aceptados para medir a desigualdade de ingresos nun territorio. O valor 0 corresponde á "equidade perfecta" e o valor 100 á absoluta desigualdade.
A renda media dispoñible en Galicia avanza por riba da media española e achégase pouco a pouco á paridade cos datos do conxunto das comunidades autónomas. Está a 150 euros na media, lonxe dos 900 euros que afastaban os dous indicadores no ano 2023
De igual xeito, a renda media dispoñible en Galicia avanza por riba da media española e achégase pouco a pouco á paridade cos datos do conxunto de todas as comunidades autónomas. No ano 2025 esta situouse nos 15.467 euros por persoa e ano, fronte aos 15.620 do conxunto do Estado. Uns 150 euros de diferenza, lonxe dos 900 euros que afastaban os dous indicadores no ano 2023.
Galicia sitúase tamén nun termo medio entre as diferentes comunidades autónomas, aínda que moi por debaixo dos datos de País Vasco, Navarra e Madrid, que encabezan a lista.