Non vai máis. O Xulgado do Mercantil número dous da Coruña vén de rexeitar os recursos cos que os propietarios da Editorial Compostela e os seus novos socios pretendían manter o control sobre a empresa editora de El Correo Gallego. Acca Media, Numancia Capital e Blecua Capital recorreran a adxudicación da empresa a Prensa Ibérica, ditaminada o pasado novembro, pero a xuíza rexeita os seus argumentos e mantén a adxudicación nunha decisión contra a que xa non cabe recurso ningún.
A xuíza rexeita o recurso formulado polo grupo de empresarios afíns aos antigos propietarios da Editorial Compostela para manter o control sobre a cabeceira e sinala a carencia de documentación que acredite "a súa solvencia económica
Nun auto ditado este 12 de xaneiro, a xuíza recolle que o devandito grupo, ligado a -entre outros- o antigo propietario da tecnolóxica Blu Sens, José Ramón García, reclamaba "non autorizar a transmisión da unidade produtiva" a Prensa Ibérica alegando, entre outras cuestións, que a propietaria de cabeceiras como Faro de Vigo ou La Opinión de A Coruña manifesta un "menor compromiso cos traballadores e garante a continuidade dun número menor de contratos laborais". Tamén esgrimiron que "non existe un proxecto de futuro" para El Correo Gallego porque "se trata, en realidade, do propio proxecto" de Prensa Ibérica.

Pero a xuíza non comparte estes argumentos e pon ademais o foco en que a empresa de nova constitución Editorial El Correo, coa que este grupo pretendía asumir o control do xornal, "non achega ningún tipo de documentación" que acredite "a súa solvencia económica". Ademais, como "dato rechamante", destaca que "o domicilio dun dos oferentes" é a actual sede da Editorial Compostela, no polígono industrial de Costa Vella, na capital galega.
O auto sinala que a oferta de Prensa Ibérica, de 1,6 millóns, é a que presentou "a maior solvencia económica, a experiencia no sector, o maior prezo ofrecido" e a mellor "forma de pago"
A respecto do persoal, o auto lembra o plantel da empresa está composto por 46 persoas e matiza que "non pode darse esta consideración" ás 15 que desempeñan alí o seu labor a través dunha empresa de traballo temporal, "na súa maioría con antigüidade menor a un ano". Daquela, a diferenza das ofertas na súa vertente laborla é escasa, con 32 contratos por parte de Prensa Ibérica e 39 ofrecidos polo outro grupo que, di a maxistrada, "tampouco garante en puridade o mantemento dos postos de traballo", porque despois da compra "podería optar por extinguir os contratos que considere".
Por todo isto, e tendo ademais en conta que a oferta económica de Prensa Ibérica é maior (1,6 millóns fronte a 1 millón do outro grupo), a xuíza reitera que "a maior solvencia económica, a experiencia no sector, o maior prezo ofrecido e a forma de pago" levan a considerar que a súa oferta "é a que garante en maior medida a continuidade da empresa no seu conxunto, e dos postos de traballo", así como "a mellor e máis rápida satisfacción dos créditos dos acredores". Asemade, especifica que Prensa Ibérica "se compromete a iniciar un proceso de transformación dixital" da compañía por valor de 1,11 millóns.

Quedan así fóra de xogo os vellos propietarios do xornal e os seus socios, que no transcurso do proceso, ante o xulgado o apoio formal da Corporación Voz de Galicia, editora do xornal homónimo. A empresa coruñesa, competidora de Prensa Ibérica, ofrecérase a "dar cobertura" coa súa infraestrutura "en termos competitivos" a El Correo se este grupo de empresas quedaba coa súa propiedade, poñendo ao seu dispor tamén a súa estrutura xornalística.