O Xulgado do Mercantil Número 2 da Coruña adxudica os restos de El Correo Gallego á Editorial Prensa Ibérica. A empresa editora de xornais como Faro de Vigo, La Opinión de A Coruña ou El Periódico de Catalunya será quen poida mercar, coa autorización xudicial, a "unidade produtiva de Editorial Compostela", matriz do xornal compostelán, segundo un auto ditado este 17 de novembro. Para facelo pagará 1,6 millóns de euros.
Conclúe así esta parte dun periplo xudicial produto dun longo período de problemas económicos na compañía, que o pasado xuño pediu a súa liquidación tras o que o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia considerou "unha nefasta xestión empresarial". No marco dese proceso, en xullo o xulgado encargado do concurso de acredores decidía poñer a editora de El Correo Gallego á venda mediante un sistema que permitía a presentación de varias ofertas, sen limitarse á que esgrimían os ata agora propietarios da compañía.

Unha desas ofertas para a quedar coa "unidade produtiva" da Editorial Compostela era a agora adxudicataria do proceso. A outra, preferida polos ata agora propietarios, formulárana conxuntamente as sociedades Acca Media, Numancia Capital e Blecua Capital, a través dunha sociedade de nova creación, Editorial El Correo, vinculada a, entre outros, o antigo propietario da tecnolóxica Blu Sens, José Ramón García.
A oferta de Prensa Ibérica, de 1,6 millóns de euros, imponse á do grupo empresarial ligado ao antigo propietario de Blu Sens, que recibiu o apoio da Corporación Voz de Galicia durante o proceso
No transcurso do proceso, esa oferta do devandito grupo de empresas recibiu ante o xulgado o apoio formal da Corporación Voz de Galicia, editora do xornal homónimo. A empresa coruñesa ofreceuse a "dar cobertura" coa súa infraestrutura "en termos competitivos" a El Correo se este grupo de empresas quedaba coa súa propiedade, poñendo ao seu dispor tamén a súa estrutura xornalística.
Pero finalmente a gañadora é a oferta de Prensa Ibérica. A administración concursal da Editorial Compostela considera que esta opción "supón un gran beneficio para os intereses" dos moitos acredores da empresa, entre os que destaca Abanca nun contexto no que acumula uns 20 millóns en débedas. Ademais, abonda, "aparece como único sistema posible para a continuidade da actividade empresarial".

Prensa Ibérica ofreceu manter 32 contratos 46 persoas que quedaban no plantel de El Correo. A elas engadíanse 15 a través dunha empresa de traballo temporal. O outro competidor ofrecía quedar con 39, pero a xuíza matiza que "a maior solvencia económica, a experiencia no sector, o maior prezo ofrecido" ou mesmo a forma de pago fan da oferta gañadora a "que garante en maior medida a continuidade da empresa no seu conxunto e dos postos de traballo".
Os novos propietarios ofreceron quedar con 32 membros do cadro de persoal
Mentres, a outra oferta "nin sequera acompaña as contas anuais do exercicio 2021" e "non consta que as formulasen nin depositasen no prazo legal". Unha das empresas do grupo "nin sequera achega contas anuais de ningún exercicio", agrega.
Esta resolución chega tamén despois de que, a pasada semana, elDiario.es informase de que o actual director de El Correo Gallego está a ser investigado por presunto branqueo de fondos que a Editorial Compostela recibía de entidades públicas como a Xunta. Trátase, sempre segundo a información do devandito xornal, de pescudas dirixidas polo xulgado de instrución número 1 de Santiago.
El Correo Gallego é unha das cabeceiras máis antigas da prensa galega e estatal. Foi fundada en Ferrol en 1878 e trasladada en 1938 a Santiago.