O Goberno galego xa subvencionara a entidade con 1,2 millóns para instalar máquinas en 38 concellos e agora incorpóranse máis localidades
A finais de 2021 a Xunta decidiu subvencionar a Abanca con 1,2 millóns de euros para que instalase caixeiros automáticos en 38 concellos que non tiñan outros servizos financeiros, en parte dos cales a propia entidade pechara oficinas de atención presencial nos anos previos. Agora, tras a incorporación a ese programa doutros cinco concellos, o Goberno galego eleva a subvención noutros 107.730,41 euros, segundo vén de facer público no Diario Oficial de Galicia deste luns.
A subvención da Xunta a Abanca, de 7.100 euros por caixeiro ao ano, abarca ata 2025 e contemplaba os 38 concellos que ata agora se sumaran ao protocolo impulsado polo Goberno galego para loitar contra a exclusión financeira no rural. A Xunta estaba disposta a poñer ata 14.200 euros por caixeiro e ano, pero Abanca presentou unha oferta que reduciu á metade esa cifra, ao tempo que asegurou que perdería 2.000 euros ao ano con cada aparello.
Pola súa banda, os concellos interesados deben facilitar un local para a instalación e asumir os gastos que produzan os aparellos. E finalmente só a metade deles se acolleron á posibilidade (a cambio de máis contraprestacións pola súa banda) de que Abanca tamén dese atención presencial nos caixeiros.
Pero a iniciativa da Xunta de subvencionar a instalación de caixeiros estaba aberta a máis concellos que se quixesen sumar aos 38 iniciais. E iso é o que vén de pasar agora. En xaneiro o Goberno galego abriu un novo prazo de adhesión ao protocolo e cinco municipios veñen de dar o paso: Beade, Punxín, Ribas de Sil, Toén e Castrelo do Val. Así que agora a Xunta aumenta oficialmente a partida destinada a subvencionar a Abanca ata 2025, que era de 1.217.520 euros e que coa suma dos novos 107.730 euros queda en 1.325.250 euros.