O Goberno galego perdoa entre o 20% e o 30% do que debera pagar o sector en 2020 rebaixándolle os tributos durante 2021
“Cómpre establecer un beneficio fiscal que coadxuve á situación provocada neste sector” para “paliar os efectos que tivo no ano 2020 a pandemia” do coronavirus. Así xustifica a Xunta a rebaixa de impostos ao xogo nos casinos, bingos e máquinas automáticas que vai aprobar a través da lei de acompañamento dos orzamentos para 2021, a norma coa que os gobernos de Feijóo veñen mudando todo tipo de leis previas. O perdón de impostos ao xogo é a primeira das numerosas medidas incluídas na nova lei, que reforma preto dunha trintena de normas anteriores, desde a lei de emprego público para facilitar á Xunta mudar oposicións como queira, ata as xa habituais modificacións anuais da lei do solo.
No caso da rebaixa de impostos ao xogo -ou “bonificacións”, como as denomina a Xunta-, permitirase que nas autoliquidacións que deben presentar as empresas en 2021 se rebaixen o 20% do que deberon pagar en todo este 2020 no caso dos casinos e bingos e o 30% do que deberon pagar no terceiro e cuarto trimestre do ano no caso das máquinas ou aparellos automáticos. Nos tres casos, se o que teñan que pagar na súa primeira autoliquidación de 2021 non chega á contía que lles permiten aforrarse deste ano, contempla que poidan repartir o que lles reste da bonificación nas seguintes autoliquidacións ata esgotala.
A Xunta facilitou ao sector restricións horarias pola pandemia máis leves que as da hostalaría e hai tres semanas o vicepresidente Rueda eloxiouno por ser "responsable" co coronavirus e xerar "riqueza"
A rebaixa de impostos para o xogo chega agora a través da lei de acompañamento despois de que a Xunta veña facilitando a actividade do sector durante a pandemia do coronavirus con restricións horarias máis leves que as da hostalaría co argumento de que neses establecementos a clientela non “interactúa” como nos bares.
Hai tres semanas o vicepresidente Alfonso Rueda participou nun encontro da patronal de empresas operadoras de xogos de azar no que xa avanzou unha rebaixa como a que agora se concreta porque “é moi difícil esixir que se tribute por ganancias cando non se están tendo”. Un acto no que Rueda gabou ao sector por ser “responsable” co coronavirus e xerar “riqueza”. Mentres, a Xunta ten pendente de aprobar desde hai dous anos a prometida nova lei do xogo.