As empresas aforran case 200 millóns ao ano polas horas extras non pagadas en Galicia

Dous operarios manexan guindastres nunha obra CC-BY-SA Xunta

Arredor de 55.000 persoas fan horas extras en Galicia no seu traballo e case a metade delas non as cobran. É unha das principais conclusións dun informe elaborado por CCOO a partir dos últimos datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) que achega datos sobre unha práctica que "segue a ser un abuso habitual para milleiros de traballadoras e traballadores galegos". 

Máis de 25.000 persoas en Galicia fan horas extras sen remuneración, cunha media de arredor de cinco horas de máis á semana

Segundo o estudo, que tira do feito a nivel estatal por Comisións, en Galicia trabállanse de media case 347.000 horas extras á semana, das que perto de 128.000 (o 36,8%) non recibiron ningunha contraprestación nin económica nin en descanso. "Noutras palabras, catro de cada dez non se pagan", resume o sindicato, que debulla máis os datos. 

Segundo explica, o 5,7% da poboación asalariada galega fai horas extras con regularidade, unhas 55.000 persoas das que máis de 25.000 (o 2,6%) "non reciben nada a cambio" malia traballaren, de media, 5,1 horas de máis sen pagar á semana. 

Traballadoras nunha asemblea CC-BY-NC-SA CIG

Os datos que detalla o estudo chegan xusto cando en Galicia asentou o debate, impulsado polo PP e a patronal e logo trasladado a nivel estatal, sobre as baixas. Dende o comezo das lexislaturas galega e estatal a Confederación de Empresarios de Galicia vén esixindo recortes nestas baixas laborais, que engloba na categoría de "absentismo", mentres o Goberno galego incrementa as medidas para diminuílas. Mesmo converténdose en protagonista do anuncio estrela do presidente Rueda no debate de política xeral, a partir do que lanzou accións concretas como visitas da inspección a persoal médico para acurtalas, entre outras posteriores. 

Os datos sobre horas extras sen pagar chega no medio do debate sobre a necesidade de recortar as baixas impulsado pola Xunta e pola patronal

"Mentres a patronal e certos actores políticos —como a Xunta— teiman en criminalizar a clase traballadora polo mal chamado absentismo, empresarios sen escrúpulos continúan a realizar a plena luz do día este tipo de prácticas doutro século", lembra CCOO, que cifra en 7.700 euros anuais por persoa o que se deixa de percibir en salario e cotizacións polas horas extras non pagadas en Galicia. 

Isto situaría o custo laboral non pagado en Galicia nuns 194 millóns de euros ao ano, o que aforran en salario e cotizacións as empresas. En termos de emprego, di o sindicato, ese volume de horas "regaladas" equivalería a uns 3.400 postos de traballo a xornada completa que non se están a crear.

"Explotación laboral"

Para CCOO, esta práctica trátase dunha forma de "explotación laboral" que leva presente décadas e que, "aínda reducíndose nos últimos anos, non desapareceu, malia a aprobación de normativa específica como o rexistro obrigatorio da xornada de traballo".

Ademais, e tendo en conta a desagregación sectorial, son catro actividades as que concentran perto da metade de todas as horas extras non pagadas en Galicia. Educación encabeza a listaxe, con case 19.700 horas semanais —o 15,4% do total galego—, seguida das actividades sanitarias e de servizos sociais, con preto de 16.900 horas (13,2%), a industria manufactureira, cunhas 12.900 horas (10,1 %), e a hostalaría, con preto de 11.400 horas (8,9%).

CCOO destaca que hai sectores nos que "a maioría das horas extra que se traballan quedan sen cobrar". É o caso das actividades sanitarias e de servizos sociais, onde o 70,5% non se pagan; das actividades administrativas e servizos auxiliares (69,8%); da educación (52,5%) ou das actividades financeiras e de seguros (52%). Outros sectores cun gran volume de horas extras non abonadas son a hostalaría (46,7%) e a construción (37,5%).

Educación, sanidade e servizos sociais, industria manufactureira e hostalaría concentran case a metade de todas as horas extras non pagadas en Galicia

Os datos que agora ofrece o informe de Comisións non distan moito dos que outro estudo, centrado no ano 2025, advertían da perda duns 7.600 euros en cada persoa afectada polo traballo de horas extras non remuneradas en Galicia

Desde CCOO Galicia lembran que esta práctica de non remunerar horas extras "non só prexudica as persoas traballadoras, que deixan de percibir salarios e cotizacións, senón tamén o conxunto da sociedade, ao reducir os ingresos públicos e favorecer a competencia desleal entre as empresas que incumpren a normativa e as que si respectan os dereitos laborais".

"Factor de risco"

Ademais, advirte de que as horas extras non compensadas nin sequera con descanso supoñen "un factor de risco para a saúde das persoas traballadoras, que facilita accidentes e incapacidades temporais". 

Por último, e como demanda, o sindicato pide "reforzar a Inspección de Traballo en Galicia con máis medios humanos e técnicos, impulsar auditorías sistemáticas dos rexistros de xornada —especialmente nos sectores con maior incidencia das horas extra non pagadas— e endurecer as sancións para disuadir os incumprimentos, incluíndo a responsabilidade solidaria nas cadeas de contratación". Tamén aposta por intensificar as campañas de información e asesoramento para que as persoas traballadoras coñezan os seus dereitos e os mecanismos de denuncia, así como por "incorporar cláusulas de control nos convenios colectivos que garantan o respecto á xornada pactada e a remuneración das horas extraordinarias".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.