As empresas do Norte de Portugal invisten en I+D máis que a media estatal e as galegas menos, pero todas por baixo da UE

Parque empresarial en Valença do Minho CC-BY-NC-ND CM Valença

O Eixo Atlántico presenta un informe socioeconómico que alerta tamén da alta mortalidade empresarial aos poucos anos da súa posta en marcha

O Eixo Atlántico de cidades de Galicia e o Norte de Portugal presentou este luns en Santiago o seu primeiro informe socioeconómico sobre a eurorrexión, un documento [aquí o PDF] que ademais de analizar as grandes variables demográficas e económicas centrarase en cada entrega nunha área temática concreta, neste primeiro caso na innovación. O documento deixa patente como o investimento en I+D das empresas do Norte de Portugal en relación ao PIB é maior que no global de todo Portugal, mentres que no caso de Galicia é menor que a media española. O informe tamén alerta da alta mortalidade empresarial aos poucos anos do nacemento das empresas.

Investimento empresarial en I+D en relación ao PIB en Galicia e o Norte de Portugal © Eixo Atlántico

O informe socioeconómico do Eixo Atlántico foi elaborado polos profesores Adriano Fidalgo de Sousa e Fernando González, Laxe, ex-presidente da Xunta. Nel reflíctese como tanto as empresas de España e Portugal en xeral como de Galicia e do Norte en particular invisten en I+D, en comparación co PIB, moito menos que a media da UE. Se esta se considera como a base 100 do indicador, a media en España e Portugal está na metade, no 50%. Pero mentres as empresas do Norte de Portugal superan a súa media estatal nuns dez puntos, as empresas galegas empeoran a media española noutros dez puntos

O documento destaca polo tanto “o esforço dos empresários do Norte nos domínios do I&D” fronte ao “menor esforço” das empresas galegas. E defende que “é “necessário incentivar os empresários do Nordeste Peninsular a realizar mais investimentos em I&D de modo que os territórios não percam a sua competitividade”.

Presentación este 25 de abril en Santiago do informe socioeconómico do Eixo Atlántico © Eixo Atlántico

Se ao ano de naceren en Galicia sobreviven o 84% das empresas, no Norte a cifra baixa ao 76%, e se aos cinco anos en Galicia xa só sobreviven o 46,8%, no Norte de Portugal a cifra cae ao 38,4%

O informe tamén reflicte a mortalidade empresarial, maior no Norte de Portugal que en Galicia. Se ao ano de naceren en Galicia sobreviven o 84% das empresas, no Norte a cifra baixa ao 76%. E se aos cinco anos en Galicia xa só sobreviven o 46,8%, no Norte de Portugal a cifra cae ao 38,4%. Ante esta situación, os autores poñen o foco na necesidade de que as administracións teñan en conta estes datos á hora de deseñar os incentivos e axudas a empresas que despois desaparecen.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.